O final da ciencia

[Esta é unha tradución do artigo orixinal de 27 de decembro de 2015 El final de la ciencia, de Juan Ignacio Pérez, que pode lerse nesta ligazón.]

Nos últimos anos proliferaron as especulacións no sentido de que á ciencia xa lle queda pouco por descubrir. Refírense a aspectos fundamentais da natureza, por suposto, xa que mesmo os que sosteñen que nos atopamos moi preto da fin da ciencia recoñecen que queda unha multitude de cuestións de detalle e aspectos aplicados por desentrañar.

el-final-de-la-ciencia

Este tipo de especulacións non é novo. A finais do século xix non eran poucos os que sostiñan que xa se coñecía practicamente todo o que había que coñecer. O astrónomo Simon Newcomb declarou en 1888 que estabamos «probablemente achegándonos ao límite de todo o que podemos saber en astronomía». A un persoeiro do talle de lord Kelvin atribúeselle a afirmación, pronunciada nunha conferencia en 1900, de que «en física xa non hai nada novo que descubrir; todo o que queda por facer son medidas cada vez máis precisas». O físico Albert Michelson escribiu en 1903 que «todas as leis fundamentais e feitos máis importantes da ciencia física xa foron descubertos e están tan firmemente establecidos que a posibilidade de que sexan substituídos como consecuencia de descubrimentos novos é cada vez máis remota». E, para completar este repaso, non hai anécdota mellor ca o consello que Philipp von Jolly lle deu ao seu discípulo Max Planck de non proseguir co estudo da física porque «case todo foi descuberto xa, todo o que queda é encher uns poucos buracos sen importancia». A este consello, por certo, Planck respondeu que el non quería descubrir nada novo, que se conformaba con entender os fundamentos xa coñecidos da disciplina.

Xa se sabe que pouco despois chegou o annus mirabilis de Albert Einstein cos seus catro artigos (sobre o efecto fotoeléctrico, o movemento browniano, a relatividade especial e a equivalencia masa-enerxía) na revista Annalen der Physik, que supuxeron toda unha revolución no campo da física. En 1913 Bohr propuxo o seu modelo atómico, que foi o punto de partida da física cuántica e, conseguintemente, dun xeito de entender a realidade que desafía o sentido común como nunca o fixo ningunha outra teoría física. E, para rematar o percorrido, en novembro de 1915 Albert Einstein presentou a súa teoría da relatividade xeral, unha teoría cunha capacidade explicativa e preditiva extraordinaria que supuxo outra «volta de porca» no afastamento da ciencia a respecto das percepcións propias da experiencia cotiá humana.

Así pois, a un ambiente intelectual no que se daba por suposto certo peche do coñecemento seguírono, case inmediatamente, un conxunto de descubrimentos e formulacións teóricas que puxeron patas arriba todo o que se consideraba coñecido daquela. Por iso me pregunto se non nos atoparemos nunha situación semellante á de hai algo máis dun século. Non hai ningunha razón para pensarmos que esteamos, agora si, próximos ao final do coñecemento. Cada vez contamos con mellores modelos da realidade, pero o progreso intelectual non ten por que ter un final; ben poderiamos atoparnos, como sostén David Deutsch, nun curso infinito de adquisición de coñecemento.

Nos anos que encabalgaban os séculos xix e xx moitos, como xa vimos, pensaban que a ciencia contaba xa cunha descrición verdadeira e case completa da natureza. Pero enganáronse. E os que hoxe pensan igual seguramente engánanse tamén. O do coñecemento é un camiño ao que a humanidade aínda non lle atopou un final, e non hai ningunha razón para pensarmos que estea próxima a llo atopar agora.


Sobre o autor: Juan Ignacio Pérez (@Uhandrea) é catedrático de Fisioloxía e coordinador da Cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco (Universidad del País Vasco – Euskal Herriko Unibertsitatea).

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s