Galileo vs. Igrexa Católica redux (I): Antecedentes

[Esta é unha tradución do artigo orixinal de 27 de agosto de 2013 Galileo vs. Iglesia Católica redux (I): Antecedentes, de César Tomé López, que pode lerse nesta ligazón.]

Esta imaxe que o ilustrador belga Jean-Léon Huens realizou para a National Geographic Society apareceu no serial Cosmos, de Carl Sagan, e, no libro que se baseou na mesma, aparece a lenda que incluímos:

galileo-galilei-1
Galileo Galilei (1564–1642). Nesta pintura de Jean-Léon Huens, Galileo tenta convencer os escépticos eclesiásticos de que na Lúa hai montañas e de que o planeta Xúpiter ten varias lúas de seu. A xerarquía católica non se deixou convencer. Galileo foi procesado por «sospeita grave de herexía». Condenado grazas a un documento falsificado, pasou os últimos anos da súa vida baixo arresto domiciliario na súa pequena casa das aforas de Florencia. Galileo foi a primeira persoa que empregou o telescopio no estudo do ceo.

Esta curta alínea, co seu uso preciso dos adxectivos, e a mesma ilustración, con ese xesto do cardeal, resumen a visión xeneralizada que hoxe pode ter unha maioría a respecto das relacións entre Galileo e a Igrexa católica (IC) ou, visto desde outro punto de vista, do inmobilismo da IC a respecto das novidades científicas, daquela e agora. Pero realmente foi isto así? Non estaremos perante unha combinación de falacia do historiador e presentismo? Nesta anotación e nas vindeiras exploraremos as circunstancias nas cales se produciron os descubrimentos de Galileo co telescopio, a posición da IC e como se desenvolveron os feitos no contexto da época. A dita exploración, moi sinxela, porá de relevo feitos sorprendentes para algúns e, o que pode ser máis interesante, permitiranos reflexionar sobre como o coñecemento institucionalizado responde aos descubrimentos experimentais revolucionarios, mesmo aceptando a verosimilitude dos ditos resultados experimentais.

Comecemos polo principio: establecendo os antecedentes. En anotacións posteriores veremos os descubrimentos obxecto de polémica e, finalmente, como se desenvolveu esta.

O telescopio inventouse pouco antes do ano 1600 e Galileo comezouno a usar para observacións astronómicas en 1609. Galileo foi un dos primeiros en utilizalo para esta fin e, ao facelo, descubriu moitos datos interesantes que influíron notablemente no debate entre os propoñentes da teoría xeocéntrica (ou tolemaica) e a heliocéntrica (ou copernicana). Publicou o seu primeiro conxunto de datos en 1610 e descubrimentos adicionais nos anos seguintes.

Serían estes datos os que levarían a Galileo a verse envolveito nunha disputa moi coñecida coa IC, disputa que hoxe discutimos. Dito isto, vexamos sucintamente a situación relixiosa na época de Galileo.

Ninguén se sorprenderá se digo que a IC prefería (a escolla deste verbo non é casual) a teoría tolemaica. Unha das razóns disto (pero non a única) está relacionada con varias pasaxes das Escrituras cristiás que suxerirían que a Terra é estacionaria e que o Sol se move arredor dela. Polo tanto, a disputa entre Galileo e a IC implica unha esexese (interpretación) dos textos bíblicos.

O que poida que si sorprenda a máis dun é a afirmación de que a IC tiña naquela época unha dilatada historia de tolerancia (tolerancia non significa aceptación) cos novos descubrimentos científicos. Quizais debamos facer aquí un chamamento a non confundirmos as actuacións da Inquisición da España da época, a dos Reis Católicos e Carlos I, coas posicións doutrinais da IC en Roma. Así pois, por exemplo, a IC non se opuña ao sistema copernicano per se, sempre e cando fose visto e ensinado desde un punto de vista exclusivamente instrumental, o que non contradicía as Escrituras. O que farían as observacións de Galileo sería suxerir o realismo dese sistema. Pero o que hai que facer notar é que a IC non se opuña ás novas ideas científicas e estaba disposta a reinterpretar a Escritura cando era preciso en función dos novos descubrimentos.

Como o anterior pode resultar rechamante, acaso é tamén conveniente lembrar que a IC, a diferenza dos protestantes, que só teñen as Escrituras, ten tres fontes de doutrina: á parte das Escrituras están a tradición e os pais e doutores. A existencia das fontes de doutrina adicionais confírelle á IC unha certa folgura interpretativa, extremadamente lenta, pero folgura, á fin e ao cabo. É doado comprobar que a IC foi cambiando posicións a respecto de moitos aspectos da interpretación do Universo en virtude dos novos coñecementos científicos ao longo dos séculos. Non sorprende, pois, que os creacionistas literalistas, por exemplo, sexan protestantes moi maioritariamente.

A pesar de todo o anterior, o comezo do século xvii foi unha época moi sensible para a IC. A Reforma protestante comezara no século anterior, cando, a véspera da festividade de Tódolos Santos, o 31 de outubro de 1517, Martin Luther, seguindo o costume universitario, cravaba na porta da igrexa do castelo de Wittenberg as 95 teses da Disputatio pro declaratione virtutis indulgentiarum. Desde entón, toda a maquinaria da IC estaba dedicada a evitar a propagación do que consideraba posturas heréticas. Polo tanto, os descubrimentos de Galileo chegaron nun intre no cal a IC era menos tolerante do que podería ser noutras circunstancias.

Finalmente, hai que dicir que Galileo non procuraba un enfrontamento. Galileo era un devoto católico e non pretendía, de ningunha maneira, erosionar a doutrina da IC. Por iso mesmo, non se tomou á lixeira a idea de que algunhas das súas propostas puidesen ser heréticas. Galileo, como teremos a ocasión de comprobar, tiña auténticas diferenzas de opinión sobre a esexese bíblica e estas diferenzas terían un papel fundamental no desenvolvemento dos acontecementos.

[O seguinte artigo da serie é Galileo vs. Igrexa Católica redux (II): Perspectivas.]


Sobre o autor: César Tomé López (@EDocet) é divulgador científico e editor xefe de Mapping Ignorance.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s