A mandrágora: da lenda á ciencia

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 8 de xullo de 2016 La mandrágora: de la leyenda a la ciencia, de Rosa Porcel, que pode lerse nesta ligazón.]

Veña, botádelle un pouco de imaxinación. Poderiamos dicir que a forma da súa raíz se asemella a un pequeno corpo humano.

Raíz de mandrágora
Raíz dunha mandrágora, como adoita ser na realidade. [Fonte]
De acordo, vale. Hai que botarlle bastante, pero semella que, ás veces, si pode chegar a adoptar esa forma humanoide… ou non.

Desde a antigüidade, a mandrágora foi obxecto de numerosas lendas, supersticións e rituais por mor das súas propiedades máxicas, figurando en todos os receitarios de apócemas calmantes e afrodisíacas da época. Os magos da Idade Media tallaban unha figura humana premendo a raíz a unha certa altura, para lle dar a forma dun pescozo, e cortando todas as bifurcacións ata deixar catro, que serían as extremidades. Buscaban unha forma humana e adorábana coma se se tratase dun deus.

Mandrágora de papel
Mandrágora feita de papel por artesáns de Puebla (México). [Fonte]
A mandrágora pertence á familia das solanáceas, coma a pataca, o tomate ou a berenxena, e, polo tanto, contén solanina e outros alcaloides, unhas moléculas moi tóxicas mesmo en pequenas cantidades. Podían deberse á súa composición química as propiedades máxicas que se lle atribuían?

Imos ver de que propiedades estamos a falar. Retrocedamos no tempo. Moito.

Xénese, 30:14–24. Raquel e mais Lea eran irmás e estaban casadas co seu curmán Xacob. Rubén, o fillo de Lea e Xacob, tornou para a casa cunhas mandrágoras que acababa de apañar do campo e a súa tía Raquel quixo algunhas. Isto non lle fixo moita graza a Lea, que tiña celos da súa irmá porque Xacob a amaba máis. Finalmente fixo un trato con ela para obtelas: Raquel deixaría que Lea se deitase con Xacob aquela noite a cambio dalgunha mandrágora. Tendo en conta que Lea xa tiña varios fillos de Xacob e que Raquel non puidera concibir durante anos, pénsase que estaba convencida de que as mandrágoras a axudarían a pór fin á súa esterilidade (varios anos despois concibiu dous fillos, pero olliño, lembrade que correlación non implica causalidade).

Se vedes ilustracións da mandrágora, é frecuente que atopedes un can atado a xunta dela. Por que? Mera superstición. Veredes.

Un relato da época romana di:

O home débese gardar de arrancala el mesmo, pois a súa vida perigaría. Por iso hai que atar un can negro á parte superior da planta e acirralo ata que a planta xurda da terra e se erga. Nese preciso instante, a planta de figura humana proferirá un horrísono berro e o can caerá morto instantaneamente. Para sobrevivir, o buscador de mandrágora deberá tomar a precaución de taparse ben os oídos con cera.

Ademais, nalgúns gravados medievais, aparece o home facendo soar un corno para enmascarar o son estremecedor.

Cans e mandrágoras
Ilustracións que amosan como un can é o encargado de arrancar a mandrágora.

A este berro facía referencia Shakespeare en Romeo e Xulieta (acto cuarto, escena terceira) cando esta di:

Ai! Ai! Como é posible que, ao espertar de improviso, non enlouqueza perante tan arrepiantes horrores e emanacións tan fedorentas, e entre uns berros semellantes aos da mandrágora ao ser arrancada da terra, que fan perder o xuízo aos mortais que os escoitan?

Durante séculos, a mandrágora inspirou numerosas obras, coma A mandrágora de Maquiavelo, no século xvi, onde alude á súa capacidade de sandar a esterilidade, ou Antonio e Cleopatra, do século xvii, tamén de Shakespeare, facendo alusión esta vez ás súas propiedades como narcótico, xa que Cleopatra llela pide ás súas serventas cando o seu amante a deixa para marchar a Roma. De feito Dioscórides, na súa obra De materia medica, escrita no ano 65 e precursora da farmacopea moderna, describía como usaba o viño de mandrágoras como anestésico nas súas operacións, dándolle ao paciente un anaco de raíz para que a comese antes de intervilo. Costume que chegou ás doutoras da escola de Salerno no século xi.

De materia medica
Folio 90 do manuscrito «De materia medica» de Dioscórides. [Fonte]
A principios da Idade Media, cando tiveron lugar as cruzadas, xurdiu unha lenda alemá. Afirmaba que o seme vertido ás veces polos enforcados, debido a unha exaculación póstuma, fecundaba a terra onde caía e, de alí, nacía a mandrágora con forma de homiño ou de mulleriña. Era un amuleto contra a bruxaría e traía moitos cartos ao propietario, mais tamén desgraza para os demais habitantes da casa.

Mulleriña e homiño
Debuxo de mandrágoras representando unha mulleriña e un homiño. [Fonte]
Tamén circulan as lendas arredor de Xoana de Arco. Cóntase que sempre levaba mandrágora baixo do seu escudo e que, grazas a ela, puido soportar mellor a dor ao ser queimada viva na fogueira. Outros din que a levaba no peito porque esperaba que lle dese unha próspera fortuna, riqueza e outros bens. Suponse que, cando a xulgaron argumentando que as voces que dicía escoitar pertencían a Satanás, en definitiva non eran máis que delirios producidos por unha sobredose de mandrágora. Vai ti saber…

O caso é que estas lendas e supersticións sobre a raíz desta solanácea chegaron ata os nosos días. Lembrades El laberinto del fauno, de Guillermo del Toro? Hai unha escena onde a nai e a nena discuten e a nai lle di: «a maxia non existe, isto ten de parar!», mentres unha raíz de mandrágora se queima no lume do lar, berra, se axita e cobra vida. A novela Mandrágora, de Laura Gallego, publicada en 2003, desenvólvese na época medieval e, neste caso, a protagonista úsaa como apócema de amor e é acusada de bruxaría.

Seguramente, a estas alturas, moitos pensariades en Harry Potter. Efectivamente. Nun filme de fantasía, non podía faltar. Na Escola Hogwarts, a profesora Sprout ensínalles na primeira clase de Herboloxía aos alumnos de segundo ano as precaucións que deben ter con esta planta. Nesta ocasión, a imaxinación e a pluma de J. K. Rowling fan que se empregue para lle devolver a vida ao que fora petrificado por un feitizo.

Harry Potter e a Cámara dos Segredos
Fotograma dunha escena de «Harry Potter e a Cámara dos Segredos».

Isto é o que din a historia, a lenda e a literatura ou o cine. Pero que hai de certo en todo isto? Que ten a mandrágora para ganar a fama de máxica e feiticeira?

A Mandragora officinarum é unha planta perenne non demasiado alta, non mide máis de trinta centímetros. Porén, a raíz si pode acadar máis dun metro de lonxitude e, como xa sabedes, pode semellar unha figura humana (¿?). Os froitos que produce son similares aos doutras «curmás» próximas, en forma de bagas vermellas semellantes a pequenos tomates. Lembrade ben como é e onde podemos atopala porque ten a pouca graza de ser moi tóxica tan só tocándoa. Non se deben manipular as follas, froitos e, sobre todo, raíces, podendo provocar mareos, dificultade para respirar e bradicardia (ritmo cardíaco por baixo do normal). Atoparémola no sur e centro de Europa, no Mediterráneo e no Campo de Xibraltar.

Xa deducistes que é perigoso e desaconsellable cultivala, non si? Logo non o fagades.

A familia das solanáceas é moi ampla. Como xa comentamos, dentro dela hai especies moi importantes para a alimentación, coma a pataca, o tomate, a berenxena ou o pemento. Outras especies son ornamentais, coma a petunia, e outras son mundialmente coñecidas polos seus efectos psicótropos e usos medicinais. Todas teñen unha compoñente común: son abondosas en alcaloides, incluíndo a solanina, que lle dá nome á familia. Lembremos que os alcaloides teñen unha acción fisiolóxica importante mesmo en doses baixas (a nicotina é un alcaloide abundante na planta do tabaco, pero tamén está presente en patacas, tomates ou berenxenas, aínda que en menor concentración).

Ata aquí, ben, non si?

Mandrágora
Planta de mandrágora. [Fonte]
Pois a raíz da mandrágora contén alcaloides moi tóxicos, coma a atropina, a hiosciamina, a escopolamina (ou droga dos violadores, da cal se fala aquí), a escopina e a cuscohigrina. Polo tanto o seu consumo ten, efectivamente, efectos alucinatorios e narcóticos. En doses baixas empregouse na medicina antiga para provocar un estado de esquecemento, como anestésico, para o tratamento da melancolía, contra as convulsións, etc. Os indios americanos utilizaron a raíz como un laxante forte, para tratar vermes e parasitos e provocar o vómito; aplicábana de forma tópica polas súas propiedades antisépticas e calmantes da dor. Emporiso, en doses elevadas, produce estados de delirio e loucura e mesmo a morte.

Está claro que, para coñecermos hoxe en día os efectos fisiolóxicos e usos en medicina dalgúns compostos derivados de plantas, tiveron que pasar séculos e xente intoxicada e morta. As lendas e supersticións arredor da mandrágora teñen hoxe explicación.

Algúns, por fortuna, poden contalo.1,2,3 E todo grazas á medicina e a outros alcaloides.4


Sobre a autora: Rosa Porcel (@bioamara) é licenciada en bioloxía e doutora en bioquímica e bioloxía molecular. Actualmente traballa no Consello Superior de Investigacións Científicas (Consejo Superior de Investigaciones Científicas), onde avalía a tolerancia das plantas á seca ou á salinidade e a influencia das micorrizas e outros simbiontes nesta tolerancia.


1. Piccillo, G. A.; Mondati, E. G. M.; Moro, P. A.: «Six clinical cases of Mandragora autumnalis poisoning: diagnosis and treatment», Eur. J. Emerg. Med., decembro de 2002, 9(4), 342–347.

2. Jiménez Mejías, M. E.; Montaño Díaz, M.; López Pardo, F.; et al.: «Intoxicación atropínica por Mandragora autumnalis: descripción de quince casos», Med. Clín. (Barc.), 24 de novembro de 1990, 95(18), 689–692.

3. Nikolaou, P.; Papoutsis, I.; Stefanidou, M.; et al.: «Accidental Poisoning after Ingestion of “Aphrodisiac” Berries: Diagnosis by Analytical Toxicology», J. Emerg. Med., xuño de 2012, 42(6), 662–665.

4. Nalgún caso, para tratar a intoxicación usouse o alcaloide fisostigmina, extraído da faba de Calabar polo seu efecto contrario á antropina e á escopolamina.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s