Galileo vs. Igrexa Católica redux (II): Perspectivas

[Esta é unha tradución do artigo orixinal de 3 de setembro de 2013 Galileo vs. Iglesia Católica redux (II): Perspectivas, de César Tomé López, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Galileo vs. Igrexa Católica redux (I): Antecedentes.]

Ceo estrelado
Cinco planetas a simple vista na atardecida nun deles: Mercurio, Venus, Terra, Marte e Saturno. Se non os atopares, fai clic aquí. [Fonte]
É ben sabido que as discusións entre Galileo e a Igrexa católica (IC) estiveron centradas en como interpretar os novos datos obtidos ao apuntar por primeira vez un telescopio cara ao ceo nocturno. Pero, para podermos entender o desenvolvemento destas discusións sen caermos no presentismo (xulgar o pasado desde o coñecemento e as actitudes do presente), precisaremos retomar un pouco de perspectiva.

Se esquecemos durante un momento aquilo que nos ensinaron do descuberto nos últimos 400 anos, nos deixamos guiar polo noso sentido común e só podemos observar o ceo cos nosos ollos nus, chégase a unhas conclusións un pouco chocantes, todas compatibles coas observacións dispoñibles:

  1. A Terra, esférica, semella que é o centro do Universo.
  2. Os movementos observados dos obxectos celestes pódense describir con precisión suficiente co sistema de Tolomeo.
  3. Non existen probas empíricas que apoien o sistema de Copérnico. Este sistema é un truco matemático que simplifica o de Tolomeo (hai que lembrar que o sistema de Copérnico, de órbitas circulares, segue recorrendo ao artificio tolemaico dos epiciclos; teriamos de agardar a Kepler para a súa eliminación).

É dicir, no momento no que Galileo presenta as súas observacións co telescopio (que resumiremos na próxima entrada), a visión xeocéntrica do Universo, alén de filosofías e relixións, desde un punto de vista estritamente científico, é a posición arquiestablecida e compatible coas observacións. Velaquí un exemplo un pouco extremo: un empírico ateo radical en 1600 sería partidario do xeocentrismo e percibiría o heliocentrismo coma hoxe podería percibir a teoría dos universos paralelos suxerida por algunhas interpretacións da mecánica cuántica: unha posibilidade suxerida polas matemáticas.

Imaxinemos agora que temos un telescopio (e os nosos coñecementos de 1600). Podemos descartar inmediatamente o xeocentrismo? Non é tan evidente coma nos gustaría crer, e comprender isto permitiranos valorar as probas achegadas por Galileo na súa xusta medida.

Para isto, tornemos durante un momento á actualidade. Hoxe, con todos os avances tecnolóxicos que temos, posuímos tecnoloxías que nos permiten ver un átomo, mesmo a orde dos enlaces químicos, pero non existe ningunha tecnoloxía que amose directamente que a Terra se mova arredor do Sol ou o Sol arredor da Terra (unha animación por ordenador do sistema solar non é unha observación directa, é unha simulación baseada nunha teoría).

A nosa proba de máis peso de que a Terra se move (arredor do Sol) é a paralaxe estelar, cuxos primeiros intentos de medición no xviii colidiron coa insuficiente calidade dos telescopios dispoñibles, e que só a últimos do xix puido comezar a medirse con resultados significativos. Pero esta proba, estritamente, tampouco se pode considerar directa.

Os planetas do sistema solar están nun plano, e as sondas espaciais se mandan a explorar nese plano, que é onde están as cousas interesantes. Para podermos observar os movementos relativos dos planetas e o Sol teriamos que mandar unha sonda perpendicularmente a ese plano (e que viaxase unhas cantas décadas) para que tomase fotos. Nin tan só unha desas fotos nas que aparecesen, por exemplo, o Sol, Mercurio, Venus, a Terra e Marte nos diría quen se move arredor de quen. Nin tan só un vídeo nolo podería dicir: só amosaría movementos relativos dos corpos, é dicir, a maneira na que os planetas e o Sol se moven os uns con relación aos outros. E poderíase argüír que os movementos observados son compatibles cun sistema xeocéntrico coma o de Tycho, iso si, modificado (con órbitas elípticas e velocidades planetarias variables, conceptos ambos keplerianos) para eliminar os epiciclos e as órbitas circulares. Vemos, pois, que os datos experimentais seguen sendo interpretables en virtude de diferentes hipóteses; serán necesarios outros datos distintos para decidirmos cal é a hipótese máis correcta (neste caso eses novos datos poderían ser, por exemplo, as observacións da paralaxe estelar que mencionabamos antes).

O punto que tento ilustrar, e que será importante cando vexamos a recepción dos achados de Galileo, é que as probas que obtemos coa tecnoloxía dispoñible non son tan directas coma adoitamos crer. Dito claramente, na época na que se produciron, os descubrimentos de Galileo non podían dar por resolta a cuestión entre xeocentrismo e heliocentrismo. Irémolo vendo nas próximas anotacións.

[O seguinte artigo da serie é Galileo vs. Igrexa Católica redux (III): Observacións.]


Sobre o autor: César Tomé López (@EDocet) é divulgador científico e editor xefe de Mapping Ignorance.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s