Os premios Ig Nobel 2016

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 23 de setembro de 2016 Los premios Ig Nobel 2016, de Francisco R. Villatoro, que pode lerse nesta ligazón.]

dibujo20160923-ig-nobel-ceremony-japanese-awardees-looking-behind-their-legs

O 22 de setembro concedéronse os XXVI premios Ig Nobel no Teatro Sanders da Universidade Harvard (Harvard University), nunha cerimonia que está compartida en YouTube. Lembra que, aínda que na cerimonia de entrega domina o bo humor, os premios outórganselles a investigacións serias publicadas en revistas científicas. Quen busca un premio Ig Nobel á mantenta adoita acabar sen recibilo.

Podes atopar máis información en «Announcing the 2016 Ig Nobel Prize winners!», Improbable Research, 23 de setembro de 2016; listaxe de ganadores en «The 2016 Ig Nobel Prize Winners», Improbable Research, 22 de setembro de 2016.

Premio de Reprodución: Exipto

dibujo20160923-contraceptive-efficacy-of-polyester-induced-in-normal-men-journal-contraception-elsevier1

Ahmed Shafik recibe postumamente o premio por estudar os efectos do poliéster no rendemento sexual, tanto de ratas como de humanos. Realizou estudos1 con 75 ratas, dividíndoas en cinco grupos, un de control e outros de proba. Vestiu estas últimas con pantalonciños feitos cun 100 % de poliéster, cun 50 % de poliéster e un 50 % de algodón, cun 100 % de algodón e cun 100 % de la. Estudou o seu comportamento sexual antes de vestir a peza, despois de vestila durante 6 e 12 meses e tras 6 meses de llela eliminar. As pezas de poliéster afectaron o comportamento sexual, e Shafik asociouno á acumulación de carga electrostática que afectaba o escroto e o pene das ratas.

Tamén realizou estudos2 en humanos empregando un suspensorio. Concretamente, 14 homes levaron un suspensorio de poliéster durante 12 meses. Co rozamento co pantalón (triboelectricidade) o suspensorio adquiría carga electrostática (ata un potencial medio de 366,4 ± 30,5 V/cm² durante o día e de 158,3 ± 13,6 V/cm² á noite). O resultado semella sorprendente: os homes volvéronse azoospérmicos aos 139,6 ± 20,8 días, incluíndo unha redución no volume testicular. Tras eliminar o suspensorio, a concentración de esperma previa ao experimento recuperouse en 156,6 ± 14,8 días; ademais, cinco dos homes planearan ter fillos despois do experimento e lográrono sen problemas.

Premio de Economía: Nova Zelandia e Reino Unido

dibujo20160923-means-and-significant-differences-for-brand-personality-factors-for-the-three-rocks-journal-marketing-theory-sage

Mark Avis, Sarah Forbes e mais Shelagh Ferguson reciben o premio Ig Nobel por estudaren3 como se percibe a personalidade das pedras desde a perspectiva da mercadotecnia. Os humanos tendemos a personalizar as cousas, mesmo asociamos á imaxe de marca dunha empresa propiedades como a honestidade, a sofisticación, a competitividade ou a masculinidade. En 1997 Aaker introduciu o concepto de personalidade dunha marca en mercadotecnia. O seu modelo, chamado BPFFM, introduce cinco dimensións da personalidade dunha marca: Sinceridade (Sincerity), Emoción (Excitement), Competencia (Competence), Sofisticación (Sophistication) e Rudeza (Ruggedness), aínda que ás veces se traducen de xeitos diferentes.

Para estudaren este fenómeno, Avis, Forbes e Ferguson realizaron experimentos con 225 estudantes de Nova Zelandia aos que lles amosaron imaxes (en cor) de tres rochas (G, H e I) e lles pediron que cuantificasen a súa personalidade de marca empregando o modelo BPFFM. Os resultados son consistentes coa hipótese de que os humanos tendemos a asociar unha personalidade aos obxectos, mesmo ás rochas. Por suposto, os resultados poderían estar afectados por un nesgo, pois se pide aos participantes que xulguen a personalidade das rochas. Precisaranse máis estudos para eliminar este nesgo e verificar se a asociación dunha personalidade ás rochas xorde de xeito natural sen estar inducida polo cuestionario ou a metodoloxía experimental.

Premio de Física: Hungría, España, Suecia e Suíza

dibujo20160923-reflection-polarization-characteristics-of-black-brown-and-white-horses-journal-rspb-royalsocietypublishing

Gábor Horváth, Miklós Blahó, György Kriska, Ramón Hegedüs, Balázs Gerics, Róbert Farkas, Susanne Åkesson, Péter Malik e Hansruedi Wildermuth reciben o galardón por descubriren4 por que os cabalos de pelaxe branca son menos atacados polos tabáns e por que as libélulas se senten atraídas polas lápidas negras. Xa saberás que os cabalos brancos son moi apreciados pola súa rareza; aínda que sofren máis cancro de pel e teñen máis problemas visuais pola súa gran sensibilidade á radiación solar ultravioleta, resulta que son menos vulnerables ás enfermidades transmitidas polos tabáns e as moscas hematófagas, que se alimentan do sangue do gando. A razón é que os tabáns detectan o seu anfitrión pola luz polarizada que reflicte a súa pel e a pelaxe branca reflicte menos luz polarizada, como descubriron os novos galardoados.

dibujo20160923-male-and-female-dragonflies-perch-near-polished-black-tombstones-journal-freshwater-biology

Co obxecto de estudar se outros insectos tamén se senten atraídos pola luz polarizada, estudaron5 as libélulas nun cemiterio húngaro. Resulta que as lápidas negras moi puídas son as preferidas polas libélulas de varias especies. Comprobaron por polarimetría que as lápidas negras, igual ca as superficies de auga lisas, reflicten a luz cunha alta polarización horizontal. Por isto suxiren que as libélulas detectan auga grazas á polarización horizontal; así, atráenlles máis as lápidas negras (de feito, as femias chegan a pór ovos nelas, polo que actúan coma trampas ecolóxicas para libélulas que non están preto da auga).

Premio de Química: Alemaña

dibujo20160923-volkswagen-busted-by-california-epa

O premio de química recibiuno unha empresa, Volkswagen, polas súas malas prácticas. Concretamente, resolver o problema das excesivas emisións de gases contaminantes nos seus automóbiles deseñando un sistema que detecta cando son analizadas as súas emisións e toma as medidas oportunas para reducilas nas ditas circunstancias. Como o caso é ben coñecido por todos,6 creo que non hai que ofrecer máis detalles.

Premio de Medicina: Alemaña

dibujo20160923-design-of-the-mirror-experiment-journal-plos-one

Christoph Helmchen, Carina Palzer, Thomas Münte, Silke Anders e Andreas Sprenger descubriron7 un método para che aliviares o proído nun brazo se non cho podes rascar: poñerte diante dun espello e rascarte o outro brazo. O proído é un síntoma frecuente das enfermidades alérxicas e inflamatorias da pel. Os pacientes non deberían rascarse a zona afectada para evitar danos e infeccións na pel. Por isto pode ser recomendable o «rascado especular» (rascarse empregando un espello) para aliviar o proído sen danar a pel afectada. Por suposto, precísanse futuros estudos de validación destas conclusións antes de que a «terapia de rascarse cun espello» sexa incorporada á práctica clínica.

Premio de Psicoloxía: Bélxica, Países Baixos, Alemaña, Canadá e Estados Unidosdibujo20160923-observed-error-rates-for-truth-telling-and-lying-for-age-group-and-global-lyying-frequency-journal-acta-psychologica

Evelyne Debey, Maarten de Schryver, Gordon Logan, Kristina Suchotzki e Bruno Verschuere foron galardoados por lles preguntaren a 1005 mentiráns a frecuencia coa que menten e determinaren se crían ou non as súas respostas. Na cerimonia de recollida do galardón, un dos autores lembrou que, para sabermos se Clinton ou Trump menten moito, primero temos de saber canto se mente normalmente. No estudo8 participaron 832 suxeitos de entre 6 e 77 anos de idade (EC: 6–8 anos; MC: 9–12; ADO: 13–17; YA: 18–29; MA: 30–44; OA: 45–59, e S: 60–77), estando o foco en como varía coa idade o número de mentiras.

Os resultados do estudo, sen entrar en detalles, son os esperados. A curva do número de mentiras como función da idade ten forma de U, decrecendo desde a infancia ata a idade adulta e volvendo crecer na terceira idade. Ademais confírmase que, desde o punto de vista cognitivo, mentir require máis esforzo ca dicir a verdade, polo que os tempos de resposta nos experimentos son meirandes. Para un adulto, o número medio de mentiras cada día é de dous. Necesítanse futuros estudos con experimentos máis precisos.

Premio da Paz: Canadá e Estados Unidos

O premio ganárono Gordon Pennycook, James Allan Cheyne, Nathaniel Barr, Derek Koehler e Jonathan Fugelsang polo seu estudo, desde o escepticismo, da recepción e detección das «caralladas pseudoprofundas» (pseudo-profound bullshit). Os autores refírense ás afirmacións impresionantes na aparencia, que algúns gurús presentan como verdadeiras e relevantes, pero que en realidade están baleiras de contido. Frases como «o todo acala os fenómenos infinitos» (wholeness quiets infinite phenomena), «o significado oculto transforma a fermosura abstracta sen precedentes» (hidden meaning transforms unparalleled abstract beauty) ou a frase de Deepak Chopra «a atención e mais a intención son os mecanismos da manifestación» (attention and intention are the mechanics of manifestation). Algunhas persoas son máis receptivas a este tipo de «caralladas» e a súa detección non é só unha cuestión de escepticismo san. As súas implicacións son moito máis profundas.

A lectura deste artigo9 é moi recomendable, especialmente aos afeccionados a Twitter que disfrutan con estas «caralladas pseudoprofundas» en 140 caracteres e as promoven incansablemente.

Premio de Bioloxía: Reino Unido

dibujo20160923-goatman-book-cover-by-thomas-thwaites

Este premio foilles outorgado ex aequo a Charles Foster, por convivir na natureza salvaxe con distintos animais (teixugos, londras, raposos, cervos e paxaros), e a Thomas Thwaites, por fabricar unhas próteses que estenden as súas extremidades e lle permiten moverse coma unha cabra, co obxecto de vivir con elas. Ambos galardoados escribiron cadanseu libro.10, 11

Premio de Literatura: Suecia

O premio Ig Nobel de literatura foille outorgado a Fredrik Sjöberg pola súa triloxía autobiográfica sobre o pracer de coleccionar moscas que están mortas e moscas que aínda non están mortas. O primeiro volume é The Fly Trap12 e a triloxía completa está publicada en sueco co título En flugsamlares väg («A vida dun coleccionista de moscas»).

Premio de Percepción: Xapón

Atsuki Higashiyama e Kohei Adachi recibiron o premio por investigaren13 como cambia a nosa visión do mundo cando miramos entre as nosas pernas (a foto que abre esta entrada, da cerimonia de onte, amosa como se fai). Ao encrequenarnos, mirando desde baixo da nosa entreperna, cambia a percepción da distancia e o tamaño dos obxectos. Para descubrilo, estudaron 90 suxeitos que tiveron de mirar desta guisa obxectos de entre 32 e 163 centímetros de altura situados a unha distancia de entre 2,5 e 45 metros; os resultados amosan que esta posición incómoda afecta moito a nosa percepción.

Resumindo, coma todos os anos, os traballos premiados fannos pensar e, quizais, botar unhas risas, pero o importante é que contribúen ao noso coñecemento científico. O labor que se realiza desde Improbable Research merece que todos os anos lles dediquemos atención aos seus premios Ig Nobel.


Sobre o autor: Francisco Román Villatoro Machuca (@emulenews) estudou informática, física, doutorouse en matemáticas, investiga en ciencias computacionais, deulles clases a enxeñeiros industriais e agora ensina bioinformática a futuros bioquímicos na Universidade de Málaga (Universidad de Málaga). Cando se xubile, quere ser escritor de libros de divulgación científica. Namentres, escribe no seu blog La Ciencia de la Mula Francis para practicar a arte de tornar fácil o difícil.


1. Shafik, A.: «Effect of different types of textiles on sexual activity. Experimental study», Eur. Urol., 1993, 24(3), 375–380.

2. Shafik, A.: «Contraceptive efficacy of polyester-induced azoospermia in normal men», Contraception, maio de 1992, 45(5), 439–451.

3. Avis, M.; Forbes, S.; Ferguson, S.: «The brand personality of rocks. A critical evaluation of a brand personality scale», Market. Theor., decembro de 2014, 14(4), 451–475.

4. Horváth, G.; et al.: «An unexpected advantage of whiteness in horses: the most horsefly-proof horse has a depolarizing white coat», P. Roy. Soc. B–Biol. Sci., 7 de xuño de 2010, 277(1688), 1643–1650.

5. Horváth, G.; et al.: «Ecological traps for dragonflies in a cemetery: the attraction of Sympetrum species (Odonata: Libellulidae) by horizontally polarizing black gravestones», Freshwater Biol., setembro de 2007, 52(9), 1700–1709.

6. US Environmental Protection Agency: EPA, California Notify Volkswagen of Clean Air Act Violations [en liña]. Sacramento (California): US Environmental Protection Agency, 18 de setembro de 2015 [consulta: 25 de setembro de 2016].

7. Helmchen, C.; et al.: «Itch Relief by Mirror Scratching. A Psychophysical Study», PLOS ONE, 2013, 8(12), e82756.

8. Debey, E.; et al.: «From junior to senior Pinocchio: A cross-sectional lifespan investigation of deception», Acta Psychol., setembro de 2015, 160, 58–68.

9. Pennycook, G.; et al.: «On the reception and detection of pseudo-profound bullshit» [HTML, PDF], Judgm. Decis. Mak., novembro de 2015, 10(6), 549–563.

10. Thwaites, T.: GoatMan: How I Took a Holiday from Being Human. Nova York: Princeton Architectural Press, 2016.

11. Foster, C.: Being a Beast. Londres: Profile Books, 2016.

12. Sjöberg, F.: The Fly Trap. Nova York: Pantheon Books, 2014.

13. Higashiyama, A.; Adachi, K.: «Perceived size and perceived distance of targets viewed from between the legs: Evidence for proprioceptive theory», Vision Res., novembro de 2006, 46(23), 3961–3976.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s