A gran mentira da cervexa saudable

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 6 de outubro de 2016 La gran mentira de la cerveza saludable, de Antonio Martínez Ron, que pode lerse nesta ligazón.]

Domingo, 11 de setembro, hipódromo da Zarzuela en Madrid. Máis de 5000 persoas reuníronse hoxe aquí para correren entre 5 e 10 quilómetros e, como anuncian por megafonía, «gozaren a vida». Aínda que pareza rechamangueiro, xunta a meta hai unha inmensa barra de bar na que os corredores van consumir máis de 3500 litros de cervexa co obxectivo de «se rehidrataren». O evento, coñecido como Beer Runners, baséase no estudo dun científico que se atopa entre os promotores e participantes. Pero como pode un científico soster que a cervexa, que contén alcohol, é boa para rehidratarse?

Hai algo máis de dez anos, Manuel Castillo Garzón, catedrático da Universidade de Granada (Universidad de Granada), fixo unha aposta co seu cuñado sobre se era ou non bo tomar un par de cervexas tras xogar un partido de tenis e acabou deseñando un experimento con varios voluntarios para medir os seus efectos. «Fixemos aquel estudo no que deshidratabamos os suxeitos, facéndoos correr durante unha hora a case 40 graos», explica a Next. «A proba realizábase en dúas ocasións, nunha dabámoslles soamente auga e na outra 660 mL de cervexa (o equivalente de dúas latas)». Castillo, que pasea agora entre os corredores do Beer Runners e que todos chaman «o profesor», publicou os seus resultados1 no Journal of the International Society of Sports Nutrition e a súa análise serviu de escusa para que comezase o movemento de «corredores cervexeiros», primeiro en Filadelfia (Estados Unidos) e despois no resto do mundo.

manuel-castillo-beer-runners-madrid_959314191_3825063_660x371
Manuel Castillo, entrevistado durante o último Beer Runners celebrado en Madrid. [Antonio Martínez Ron. Fonte]
«Tras analizarmos unha serie de parámetros indicativos do nivel de hidratación», escribían os autores do artigo, «non se atopou ningún efecto que a faga desaconsellable. Ao contrario, a cervexa permitía recuperar as perdas hídricas e as alteracións de distinto tipo determinadas polo exercicio, ao menos na mesma medida que o fai a auga». Esta afirmación serve, aínda hoxe, para xerar titulares acerca da idoneidade da cervexa como rehidratante e mesmo para aconsellar que «o seu consumo moderado poida incluírse na dieta equilibrada dos deportistas». Pero moitos esquecen pór de relevo un detalle: trátase dun dos moitos traballos directamente financiados pola industria cervexeira, a mesma que paga a carreira Beer Runners.

Cando se consultan fontes independentes que non recibiron financiación da industria, as afirmacións son moi diferentes. O investigador Mauricio Castro Sepúlveda, da Pontificia Universidade Católica de Chile (Pontificia Universidad Católica de Chile), investigou os efectos da cervexa e recorda que 1) a cantidade de sodio que contén é inferior á das bebidas rehidratantes e 2) a cantidade de alcohol que conteñen as cervexas tradicionais ten un efecto diurético (ouríñase máis), o que actúa contra a retención de fluídos para a correcta rehidratación. Ben Desbrow, da Universidade Griffith (Griffith University), en Australia, tamén investigou os efectos da cervexa. «Na nosa investigación afírmase claramente que consumir alcohol non é bo para o deporte», asegura. «Potencialmente a cervexa ten moitos beneficios, pero cando o contido en alcohol é alto todos os demais ingredientes deveñen menos importantes».

Intrigados por este fenómeno, Rebeca Flores e mais Luis Fernando Aragón, da Universidade de Costa Rica (Universidad de Costa Rica), decidiron comprobar se a cervexa con alcohol contribúe ao proceso de rehidratación despois de facer exercicio, tal e como concluía o traballo de Castillo. Para o seu experimento recrutaron 11 voluntarios varóns e sometéronos a diferentes probas físicas ata que perderon un 2 % da masa corporal. Despois proporcionáronlles cervexa con alcohol, auga e cervexa sen alcohol, co obxecto de comparar os efectos de cada bebida no proceso de rehidratación. A súa conclusión2 foi que a cervexa con alcohol non é eficaz para recuperar o líquido perdido e saciar a sede despois de realizar exercicio e prexudica, ademais, o equilibrio e os reflexos.

Como se defende Manuel Castillo destas críticas? «En todos eses experimentos», explica a Next, «a dose empregada é moi superior á do noso. Non é o mesmo tomar dúas cervexas que tomar seis». O seu argumento é que el lles deu aos voluntarios unha cantidade moderada da bebida (660 mL) e nas outras probas os suxeitos sacian a súa sede con máis dun litro. «É curioso que non haxa estudos que demostren o efecto lesivo de doses baixas e a razón é simple, é que non o ten», asegura. Pero unha vez máis, hai un pequeno detalle que explica os seus resultados. Na súa proba orixinal, aos suxeitos que tomaban cervexa, permitíanlles despois beber toda a auga que quixesen. «Cando bebían cervexa, tiñan a posibilidade de beber ata 660 mL e, a partir de aí, podían beber a cantidade de auga que quixesen ata calmar a súa sede», describían os seus autores.

«Como indica o artigo, se o obxectivo é a rehidratación debe consumirse un volume proporcional ao que se perdeu por transpiración», explica o doutor Luis Fernando Aragón. «Se a afirmación é que a cervexa é un bo rehidratante, daquela que se rehidraten soamente con cervexa. Pero neste punto indúcese a confusión». Neste sentido, os resultados obtidos por Castillo e pagados pola industria son unha especie de trampas ao solitario, deseñados no límite para poderen atribuírlle á cervexa unhas propiedades que a maioría da comunidade científica non ve. «Desde a perspectiva da investigación da capacidade de hidratación da cervexa, iso de mesturar unha parte de cervexa con dúas posteriores de auga é un despropósito», asegura Luis Jiménez, químico e experto en nutrición. «Con ese deseño, a conclusión real sería “beber unha ou dúas cervexas antes dun litro de auga tras facer exercicio non afecta negativamente a rehidratación”.» E segue sendo unha inxestión de bebidas alcohólicas, cos riscos asociados que iso implica. «O estudo de Castillo fai trampa, xa que ignora as normas (non escritas) máis elementais á hora de realizar un ensaio clínico», asegura o nutricionista Juan Revenga. «Se fose honesto, cada un dos participantes debería beber a mesma cantidade de líquido. Que bebes dous litros de auga na primeira proba? Pois, na segunda, dous litros de cervexa.»

Unha pantalla chamada «Cerveza y salud»

O traballo de Manuel Castillo é un dos moitos que orixinan desde hai anos unha ametencia de titulares sobre os beneficios da cervexa nos medios de comunicación. «Toma unha cervexa despois de xantar, é bo!», «A cervexa non engorda e axuda a controlar o colesterol», «A cervexa axúdanos a previr a pneumonía e combater a gripe» ou «Unha lata de cervexa cada día axuda a frear as infeccións» son só algúns exemplos de titulares que venden unha idea positiva do consumo de cervexa amparándose en estudos científicos. Pero cando se rasca na orixe de todos estes estudos aparece sistematicamente unha advertencia ao final dos traballos:

Este estudo foi financiado polo Centro de Información Cerveza y Salud.

Que é o Centro de Información Cerveza y Salud? O CICS preséntase como «unha entidade de carácter científico que promove a investigación sobre as propiedades nutricionais do consumo moderado de cervexa e a súa relación coa saúde», pero basicamente é a plataforma desde a cal Cerveceros de España (entidade integrada por compañías como Mahou, San Miguel, Heineken e Damm) financia decenas de estudos científicos sobre as bondades da cervexa. Ademais de outorgar dúas bolsas a investigadores novos, dotadas con 18 000 euros cada unha, financia a «Cátedra Extraordinaria de Bebidas Fermentadas» da Universidade Complutense de Madrid (Universidad Complutense de Madrid) dirixida por César Nombela. Os nomes dos científicos que reciben cartos do CICS e que pertencen ao seu consello científico repítense, entre eles o de Ascensión Marcos, investigadora do CSIC. Marcos, que publicou varios estudos sobre os beneficios do consumo moderado de cervexa para o sistema inmunolóxico e é coautora do traballo de Castillo sobre cervexa e exercicio físico, recoñece que unha parte dos seus traballos está pagada pola industria cervexeira. «Os que estamos metidos en investigación e vemos como está o panorama temos de colaborar coa industria, non podemos pecharnos portas, se non, non habería ninguén investigando», explica a Next. Así e todo, insiste, os seus traballos son publicados en revistas onde pasan a revisión por pares e, segundo ela, non teñen ningún nesgo polo feito de estaren patrocinados pola parte interesada.

participantes-beer-runners-bebidas-hidratantes_959314189_3825427_660x371
Un dos participantes na carreira BeerRunners recolle as súas bebidas «hidratantes». [Antonio Martínez Ron. Fonte]
«Para facer unha investigación precísanse cartos. Eu pedín financiamento ao sistema público de saúde e non mo dan», explica Castillo Garzón. «A min [o CICS] non me financia o meu salario, pagáronme un bolseiro que tiña de facer unha tese e despois os reactivos e as analíticas que se consumen. Eu, catedrático da universidade, voume vender por 600 euros ou porque me paguen a un bolseiro a súa investigación?», deféndese. O certo é que Castillo se dedica a dar charlas pagadas polo CICS por todo o país (unhas seis ou sete cada ano, asegura) nas que glosa os beneficios do consumo moderado de cervexa. Porén, admite que o chaman porque os seus resultados son positivos. «Se vise un efecto negativo, Cerveza y Salud non me convidaría a dar ningunha conferencia», recoñece.

Aínda que aseguran que eles non defenden o consumo de cervexa, a realidade é que estes científicos actúan de facto como embaixadores dos «beneficios» da bebida. Non soamente as súas declaracións, cando afirman que a cervexa é boa para o colesterol ou que evita as dores musculares, mesmo o título dos seus traballos é bastante explícito. Idoneidad de la cerveza en la recuperación del metabolismo de los deportistas («Idoneidade da cervexa na recuperación do metabolismo dos deportistas»), publicado e pagado por Cerveza y Salud, deixa poucas dúbidas. Marcos afirma que «o consumo moderado de cervexa, en adultos sans, pode mellorar a resposta inmunolóxica do noso organismo» e baséase nos resultados de dous dos seus traballos,3,4 que algúns compañeiros científicos tamén consideran pouco sólidos. Pedro Aparicio Alonso, catedrático de Inmunoloxía da Universidade de Murcia (Universidad de Murcia), cre que estes traballos «non teñen en conta a historia previa de consumo de alcohol ou abstinencia, o que pode ser un factor de confusión». De maneira xeral, parécelle que o resultado é «pouco demostrativo dun posible efecto beneficioso na inmunidade do consumo moderado de cervexa». O que se ve, máis ben, é que non ten efectos negativos claros, pero iso está lonxe de probar que produza beneficios.

Algúns destes traballos e as súas revisións baséanse nunha premisa falsa que foi recentemente desmentida por unha meticulosa metaanálise (revisión sistemática dos traballos publicados sobre unha materia). Durante varios anos esgrimiuse a idea de que os bebedores «moderados» teñen un menor risco cardiovascular ou de mortalidade ca os abstemios, que aparecía nos gráficos co que se coñece como «curva en “J”». A análise máis recente, de marzo de 20165 e baseada nunha base de datos provenientes de case catro millóns de individuos, demostra que esta hipótese é falsa porque o grupo de abstemios inclúe ex-alcohólicos e persoas que xa tiñan un problema de saúde que lles impide beber, así que os niveis de mortalidade estaban distorsionados.

Tomando unha perspectiva aínda maior, a Organización Mundial da Saúde (OMS) lémbranos que o alcohol é neurotóxico, produce adicción, é inmunosupresor, é prexudicial para o sistema vascular e aumenta o risco de morte. Ademais, recentemente foi demostrado que o seu consumo moderado pode producir ata sete tipos de cancro. É lícito recomendar ou resaltar os beneficios dunha bebida alcohólica coma a cervexa? O nutricionista Julio Basulto lembra as palabras dun informe de 2008 do Ministerio de Sanidade e Consumo: «É absurdo falar de consumo responsable de substancias que produzan adicción, supeditando a dita capacidade de producir adicción ao exercicio da responsabilidade». «Ao se tratar dunha substancia que produce adicción, calquera promoción compracente do seu consumo seméllame ridícula e perigosa», insiste Revenga. «Está probadísimo que o consumo de bebidas alcohólicas provoca adicción, así que talvez beber con moderación sexa o inicio do proceso. E sábese tamén que o consumo crónico de alcohol afecta negativamente o sistema», confirma Luis Jiménez. «Os discutibles beneficios que poida ter en cantidades pequenas e períodos temporais curtos deberían ser secundarios», engade. Segundo el, os autores destes traballos «quedan só cunha parte da foto, a que lles interesa, pero non nos contan que esa foto tan fermosa forma parte dunha paisaxe bastante fea».

«O alcohol é unha das causas de morte máis importantes que hai», asegura Luis Sordo, investigador do departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública da UCM, do Instituto de Saúde Carlos III (Instituto de Salud Carlos III). «Non soamente cirrose ou cancro de fígado, tamén é causa de accidentes de tráfico, violencia de xénero… O alcohol é un problema moi grave no que concirne á saúde pública, está moi metido dentro da nosa cultura e por iso hai unha permisividade enorme en todo isto.» Nun traballo recente, Sordo e mais o seu equipo desvelaron que cada español bebe case dez litros de alcohol puro cada ano e que bebemos máis cervexa ca viño. Respecto aos estudos sobre os beneficios do consumo moderado de alcohol, Sordo poríaos en corentena. «É unha substancia que produce adicción e habería que ter coidado. Por que non se ten tanto coidado coa cervexa coma se alguén fixese estas afirmacións sobre o cánnabis ou a cocaína?», pregunta. «Pois porque hai moitos cartos metidos na cervexa en España e socialmente está moi permitido.»

Intereses privados, recursos públicos

Sobre os conflitos de intereses nos traballos financiados pola industria, a escusa de que doutro xeito ninguén investigaría o tema semella un pouco pobre. «Os conflitos de intereses deberían estar claros, eu cando vexo un artigo patrocinado ergo a cella», asegura Maira Bes, profesora do Departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Navarra (Universidad de Navarra). Ela e mais o seu equipo realizaron, hai dous anos, outra metaanálise con resultados interesantes, esta vez no eido das bebidas azucradas: tomaron os resultados dos estudos patrocinados pola industria ou con conflitos de interese e comparáronos cos de aqueles que eran independentes. O resultado6 foi que había unha diferenza abismal entre as conclusións duns e doutros. Os que estaban patrocinados negaban o risco de ganancia de peso por consumir refrescos e os «non patrocinados» si o vían.

participantes-beer-runners-masdrid_959314197_3825246_660x371
Algúns dos participantes no Beer Runners Madrid. [Antonio Martínez Ron. Fonte]
Na armazón arredor de Cerveza y Salud non hai probas de que os científicos cobren ilicitamente (como sucedeu noutros casos) para cantar os beneficios da cervexa. Pero si hai un claro conflito de intereses que converte os resultados científicos en sospeitosos. Ben por propia vontade, ben inconscientemente, estes investigadores actúan como altofalantes dunha industria con grandes intereses publicitarios e contribúen a unha situación na que os medios tampouco somos inocentes de todo. As empresas cervexeiras invisten moitos millóns de euros en publicidade cada ano e conseguen un rendemento igualmente efectivo con titulares baseados en estudos patrocinados. Pero é máis preocupante que se estean a empregar recursos públicos (como as instalacións e o material das súas universidades ou o mesmo CSIC) para beneficiar os intereses dunha industria privada e cun asunto que afecta de xeito grave a saúde pública.

Imaxinemos agora un país onde unha universidade tivese unha cátedra sobre os beneficios do tabaco, ou onde os resultados sobre o bo que é fumar despois dunha carreira estivesen financiados pola industria tabaqueira, e que esta se atrevese mesmo a organizar carreiras de «Smoking Runners» nas cales os corredores fumasen un pito ao final da competición para demostrar o bos que son para a saúde. É moi probable que resultase un grande escándalo. Consultados por Next, a Universidade de Granada (Universidad de Granada) e o Comité de Ética do CSIC limitáronse a remitirnos ás súas guías de boas prácticas e a confiar en que as revistas científicas fagan o seu traballo de filtrado. Non semella resposta abonda para un tema que cada vez preocupa máis os cidadáns, que é a adulteración dos resultados académicos por empresas privadas. Para estes casos, a investigadora Maira Bes propón unha posible solución. «Se a industria quere achegar cartos para investigar, que non llos dea directamente ao investigador, senón a algunha institución ou ao ministerio», argumenta. «Dese xeito o investigador non ten de establecer unha relación directa coa industria e asegúraste de que hai máis independencia.» É soamente unha proposta e un principio para comezarmos a separar a boa ciencia da ciencia que fabrica traxes a medida a base de talonario.


Sobre o autor: Antonio Martínez Ron (@aberron) é xornalista e divulgador científico. É redactor xefe de Next e un dos fundadores de Naukas, colaborou co programa de TVE Órbita Laika, escribiu El ojo desnudo e dirixiu o documental El mal del cerebro. Desde 2003 escribe no blog Fogonazos.


1. Jiménez-Pavón, D.; et al.: «Effects of a moderate intake of beer on markers of hydration after exercise in the heat: a crossover study», J. Int. Soc. Sports Nutr., 2015, 12(26).

2. Flores-Salamanca, R.; Aragón-Vargas, L. F.: «Postexercise rehydration with beer impairs fluid retention, reaction time, and balance», Appl. Physiol. Nutr. Me., 2014, 39(10), 1175–1181.

3. Romeo, J.; et al.: «Changes in the Immune System after Moderate Beer Consumption», Ann. Nutr. Metab., 2007, 51(4), 359–366.

4. Romeo, J.; et al.: «Effects of moderate beer consumption on first-line immunity of healthy adults», J. Physiol. Biochem., xuño de 2007, 63(2), 153–159.

5. Stockwell, T.; et al.: «Do “Moderate” Drinkers Have Reduced Mortality Risk? A Systematic Review and Meta-Analysis of Alcohol Consumption and All-Cause Mortality», J. Stud. Alcohol Drugs, marzo de 2016, 77(2), 185–198.

6. Bes-Rastrollo, M.; et al.: «Financial Conflicts of Interest and Reporting Bias Regarding the Association between Sugar-Sweetened Beverages and Weight Gain: A Systematic Review of Systematic Reviews», PLOS Med., 2013, 10(12), e1001578.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s