Galileo vs. Igrexa Católica redux (V): Reconvención

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 24 de setembro de 2013 Galileo vs. Iglesia Católica redux (V): Reconvención, de César Tomé López, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Galileo vs. Igrexa Católica redux (IV): Venus.]

christopher_clavius
Cristovo Clavio.

As descubertas de Galileo co telescopio que vimos nas dúas últimas entregas desta serie (III e IV) foron recibidas, como é lóxico, como algo realmente asombroso e revolucionario e, en pouco tempo, converteron a Galileo nun dos filósofos naturais (o que hoxe chamariamos «científicos») máis coñecidos do seu tempo.

Galileo publicou os seus descubrimentos entre 1610 e 1613 e nestas publicacións adoptaba unha interpretación, a heliocéntrica, como a correcta, aínda que, como xa vimos, ningunha das súas observacións por si mesma ou en conxunto permitía asegurar con certeza que interpretación era a correcta. Quizais sexa importante lembrarmos que, cando Galileo publica os seus achados, a hipótese heliocéntrica de Copérnico se ensinaba nas universidades desde había 70 anos; iso si, como un mero artificio matemático para alixeirar algo os complexos cálculos asociados ao sistema de Tolomeo. É dicir, como veremos decontado, a diferenza está en que, fronte a este instrumentalismo, Galileo toma a hipótese heliocéntrica cunha actitude realista.

A Igrexa católica (IC) non tiña problemas coa visión heliocéntrica do sistema copernicano, sempre e cando o seu ensino e uso fosen puramente instrumentais. Pero si comezou a manifestar un crecente malestar coa idea de que o Sol fose realmente o centro do Universo e non a Terra.

Galileo viaxou a Roma a últimos de 1615 para tentar evitar que a visión heliocéntrica fose condenada formalmente pola IC. É posible que, nesta época, Galileo xa fose consciente de que, aínda que el estivese convencido persoalmente de que o heliocentrismo era correcto, quizais as probas acumuladas non abondasen para convencer os que preferían a visión tradicional, intuitiva, matematicamente consistente e acorde coa literalidade das Escrituras que representaba o sistema de Tolomeo. Por iso Galileo desenvolveu outro argumento sobre as mareas, que hoxe sabemos que é incorrecto, para apoiar a hipótese heliocéntrica. Presentou este novo argumento nun libro publicado en 1615.

A pesar dos esforzos de Galileo, a principios de 1616 a IC declarou herética a idea de que o Sol estaba estático no centro do Universo, falsa (pero non herética) a idea de que a Terra se move e prohibiu ensinar ou defender por escrito estas ideas. Pero, atención, o que se declarou herético (por decreto, logo canonicamente revogable) e se prohibiu ensinar foi o realismo desta idea; podíase seguir ensinando como instrumento de cálculo. De feito, o libro de Copérnico non se prohibiu, senón que se corrixiu para eliminar as pasaxes que puidesen facer crer que o que alí se presentaba era a estrutura real do Universo.

Se temos en conta as manifestacións verbais e escritas de Galileo, púidolle ir moito peor do que lle foi neste primeiro enfrontamento coa IC: de feito, nin Galileo nin ningún dos seus escritos foron mencionados no xuízo formal emitido pola Inquisición contra a realidade do heliocentrismo. Pero non quedou sen advertencia: fíxolla en persoa o cardeal Belarmino, que lle deu instrucións claras, verbais e por escrito (nisto coinciden Galileo e Belarmino), de que non podía ensinar a realidade do heliocentrismo. Galileo diría despois que o obrigaran a abxurar e a facer penitencia; Belarmino negouno por escrito cando lle chegaron estes rumores.

Esta reconvención contra Galileo e a argumentación neste xuízo ao heliocentrismo é o realmente interesante de todo o proceso. A segunda chamada a Galileo foi por mor do seu libro Diálogo sobre os dous máximos sistemas do mundo de 1632; este violaba a prohibición, que Galileo acatara ata aquel momento, pero foi publicado co permiso da Inquisición e autorización papal. O problema foi que algúns o interpretaron como unha burla ao papa a causa dun dos seus personaxes, Simplicio. De todos os xeitos, este episodio perde atractivo, digamos, filosófico, pois Kepler xa fixera completamente público o seu sistema en 1620 e había intereses máis puramente políticos neste segundo xuízo.

Por iso, na próxima anotación entraremos na discusión Belarmino–Galileo. Discusión que é moito máis interesante se temos en conta que os astrónomos da IC, incluídos o propio Belarmino e mais Cristovo Clavio, non soamente confirmaron absolutamente todos os descubrimentos de Galileo co telescopio a partir de 1611, senón que lle dedicaron grandes eloxios. Por certo, unha nova falsidade na imaxe que abría a primeira anotación desta serie.


Sobre o autor: César Tomé López (@EDocet) é divulgador científico e editor xefe de Mapping Ignorance.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s