Aberracións intelectuais

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 3 de novembro de 2016 Aberraciones intelectuales, de Luis Alfonso Gámez, que pode lerse nesta ligazón.]

bruno-latour
Bruno Latour.

Tom Wolfe, pai do novo xornalismo e novelista, cre que «a teoría da evolución é un mito». Dío nas entrevistas nas que promove o seu libro The Kingdom of Speech («O reino da fala»), que saíu á venda en agosto nos Estados Unidos. Sostén que non hai probas da teoría de Charles Darwin e Alfred Russel Wallace, que «non é comprobable. A evolución significa que non podes ver o que sucederá a menos que vaias vivir durante sete millóns de anos, non se pode explicar, é totalmente imposible», afirmou en El Mundo.

«É un inculto, un ignorante integral. Fala do que non sabe. Só fai falta ir á Wikipedia para ver que o que di non ten base ningunha. Hai 160 anos de probas paleontolóxicas, xenéticas e experimentais da evolución», sentencia o biólogo Juan Ignacio Pérez Iglesias. Para o titular da Cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco (Universidad del País Vasco – Euskal Herriko Unibertsitatea), se non se ridiculiza a Wolfe é porque «é un gurú do mundo das letras, no cal, polo visto, permítese ser un ignorante en ciencia e opinar de ciencia. É o típico fenómeno posmoderno: considérase normal que xente non ten nin idea de algo opine dese algo e, ademais, non se cuestiona o que di. O caso de Wolfe é descarado. O único que busca é vender moitos libros e ganar cartos.» Calquera que sexa a causa, Wolfe non é máis ca o último dunha longa listaxe de pensadores que sosteñen todo tipo de gaitadas. Está ben acompañado no olimpo do disparate.

Os posmodernos

Patólogos franceses examinaron en 1976 a momia de Ramsés II (1300 a. de C. – 1213 a. de C.) e concluíron que morrera de tuberculose. «Como puido morrer a causa dun bacilo descuberto en 1882 e dunha enfermidade cuxa etioloxía, na súa forma moderna, soamente data de 1819 na consulta de Laënnec? Non é anacrónico?», preguntaba Bruno Latour en 1999. Para o sociólogo e antropólogo francés, imputarlle á tuberculose a morte de Ramsés II está tan fóra de lugar coma afirmar que o mataron cunha metralladora. Seguindo esa peculiar liña de razoamento, xiraba a Terra arredor do Sol antes de Copérnico?, qué nos tiña pegados ao chan antes de que Newton formulase a lei da gravitación universal?

«É algo moi basto. Latour é un dos principais autores posmodernos, unidos por un certo desprezo pola idea de racionalidade e obxectividade, pola busca da verdade a través da ciencia. Considéranas un nesgo da cultura occidental colonialista do que cómpre prescindir», explica Jesús Zamora Bonilla, catedrático de Lóxica e Filosofía da Ciencia da uned. «O que di Latour é ridículo —coincide Pérez Iglesias—. Para os posmodernos, a ciencia é unha construción social e algúns negan que exista a realidade obxectiva. O movemento produciu aberracións intelectuais.»

Na mesma liña absurda de Latour, aínda que por outras razóns, hai científicos de renome. O caso máis extremo é o do estadounidense Kary Mullis, premio Nobel de Química. Nega que o vih cause o sida, cre no horóscopo e di que, unha noite, atopou na súa cabana nas montañas un «mapache verde brillante» extraterrestre. Consumidor de grandes cantidades de lsd na súa mocidade, asegura que aquela noite non estaba drogado. Se falamos de conspiracións, en España a escritora Rosa Regàs defendeu en 2013, nun blog de El Mundo, que a dobre mastectomía e a extirpación dos ovarios de Angelina Jolie para evitar o cancro eran unha manobra dunha compañía biotecnolóxica para patentar uns xenes. Baixando moito o nivel, o inigualable Fernando Sánchez Dragó considera as aluaxes unha canfurnada. «Non é o mesmo ir á Lúa ca estar nela. O segundo alude a quen cre no primeiro», escribía en 2009, tamén en El Mundo.

Nesgos ideolóxicos

james-watson-2
James Watson.

Os racistas poden citar no seu favor a James Watson, codescubridor da estrutura do adn xunto a Francis Crick. «Todas as nosas políticas sociais baséanse en que a súa intelixencia [a das persoas negras] é a mesma ca a nosa, cando todas as probas din que non é así», mantén. «Pódese deber a prexuízos ideolóxicos que lle traspasou a sociedade. Non é unha idea nova», di Zamora Bonilla, quen confesa que o primeiro que pensa en casos coma este e mais o de Wolfe é que chochean. «Aínda que talvez sexa un nesgo meu», engade. «A ideoloxía é unha poderosa fonte de nesgos. Hai xente de esquerdas que, por selo, rexeita avances científico-técnicos como os transxénicos, as vacinas e a wifi. As posturas anticientíficas da dereita teñen máis que ver coa relixión», advirte Pérez Iglesias.

O finado Crick avogaba pola panspermia dirixida, para ledicia de Erich von Däniken e compañía. «Poida que a vida comezase na Terra como resultado dunha infección por microorganismos mandados ao noso planeta dun xeito deliberado por unha civilización tecnolóxica desde outro lugar, empregando unha nave espacial», escribiu en 1973 na revista Icarus, nun artigo asinado xunto a Leslie Orgel.

Pérez Iglesias apunta que, «cando alguén afirma algo moi rompedor sobre un eido que non é o seu, o máis probable é que sexa pura charlatanaría». «Un alto cociente intelectual non garante que teñas razón en todo», di Zamora Bonilla. Para ambos os dous, non hai que crer as cousas porque as diga un Nobel. Eles tamén teñen prexuízos, intereses e crenzas irracionais.


Sobre o autor: Luis Alfonso Gámez (@lagamez) é xornalista de El Correo e autor do blog Magonia, dedicado á análise crítica do paranormal e ao fomento do escepticismo. Entre outras cousas, foi presentador do programa Escépticos de EiTB e colaborador de Órbita Laika, de RTVE, ademais de autor de El peligro de creer.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s