Récords de calor, quecemento global e regresión á media

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 9 de setembro de 2016 Records de chaleur, réchauffement climatique et régression vers la moyenne, de David Louapre, que pode lerse nesta ligazón.]

canicule

En xullo de 2016 estableceuse un novo récord mundial de temperatura. Segundo a nasa, a temperatura deste mes de xullo superou en 0,84 °C a temperatura media dos meses de xullo do período 1950–1980. Nos medios de comunicación comentouse repetidamente este triste fito e empregouse como ilustración para denunciar a nosa inacción cara ao fenómeno do quecemento global.

Si, pero… non tal. A temperatura do mes de xullo de 2016 dá igual.

Lembremos un dato esencial: a evolución do clima xúlgase con datos de varias décadas, non cun récord puntual de temperatura.

Está claro que os especialistas si fan isto correctamente: cando os estudosos da climatoloxía presentan as súas conclusións sobre o quecemento global, estas conclusións saen precisamente de análises de tendencias ao longo de décadas. Non cabe dúbida do fenómeno do quecemento, como amosa a curva que representa a evolución da temperatura global desde 1880:

temperatura-global

O que queremos criticar aquí é o tratamento que fan os medios de comunicación deste tipo de récords de temperatura mensuais ou mesmo puntuais. Por que? Porque algún día este razoamento xogará a favor dos «climatoescépticos»!

Explícome. Como podemos ver na gráfica superior, a temperatura media dun ano é froito de dúas compoñentes:

  • Unha tendencia de fondo, crecente e regular, que se traduce no fenómeno do quecemento climático mundial.
  • Flutuacións aparentemente aleatorias entre un ano e outro, debidas a unha morea de fenómenos locais, porque o clima é un sistema dinámico incriblemente complexo.

A gráfica superior amosa que a tendencia desde a década de 1960 é de arredor de 0,015 graos de subida cada ano, pero a flutuación dun ano a outro pode ser 10 veces maior: podemos atopar moitas flutuacións de entre 0,1 °C e 0,15 °C.

E nestas situacións prodúcese un fenómeno que se chama regresión á media: despois dun récord superior, é case seguro que teremos un descenso (e ao revés).

De certo, é extremadamente probable que un récord superior coma o de 2016 se deba, principalmente, a unha importante flutuación cara arriba. En 2017, se a compoñente de flutuación é un pouco máis normal ou mesmo negativa, teremos un descenso significativo. Cun pouco de mala sorte, o mes de xullo de 2017 será particularmente frío e os escépticos non tardarán en dicir que esa é a proba de que non hai quecemento ou de que se detivo. E xa sabemos que este tipo de argumentos teñen unha forza especial nas parolas de bar…

Cando os escépticos empregaban como argumento a pausa que se produciu no quecemento entre 2000 e 2010 (o famoso hiatus), respondiámoslles (e con razón!) que as súas conclusións non valían para nada porque a evolución do clima se xulga con datos de períodos longos. É evidente que tiñamos razón, pois a «pausa» interrompeuse e as temperaturas comezaron a subir de novo. (Desde entón, os escépticos xa non fan referencia a este argumento do hiatus; atoparon outra cousa, neste momento semella que é a «saturación do efecto do CO2» a que está de moda.)

Resumidamente, sexamos coherentes: unha pausa dalgúns anos non proba a detención do quecemento global e, do mesmo xeito, un récord de temperatura non proba a súa realidade. É certo que, nos medios de comunicación, este tipo de récords son moi rechamangueiros, pero é perigoso facer referencia a eles polos motivos que acabamos de expor. Ademais, isto alimenta a confusión que xa existe entre climatoloxía e meteoroloxía, co que iso implica («non saben prever o tempo que fará mañá, así que dentro de dez anos, imaxínate…»). Un récord de temperaturas é asunto da meteoroloxía, non da climatoloxía.

A nasa publicou1 unha gráfica coas medias mensuais de temperatura (abaixo), e semella claro que foi, máis ben, o período entre xullo de 2015 e xullo de 2016 o que foi particularmente cálido.2 Mantemos a aposta: probablemente, 2017 e 2018 serán anos significativamente menos cálidos ca 2015–2016 e os «climatoescépticos» aproveitarano.

temperatura-global-2


Sobre o autor: David Louapre (@DLouapre) é investigador en física, divulgador científico e autor do blog Science étonnante e da canle de YouTube co mesmo nome.


1. Goddard Institute for Space Studies: NASA Analysis Finds July 2016 is Warmest on Record [en liña]. Nova York: National Aeronautics and Space Administration, 16 de agosto de 2016 [consulta: 6 de novembro de 2016].

2. N. do T.: A gráfica máis actualizada pode consultarse nesta ligazón, con datos ata setembro de 2016. Alí pode verse que o mes de agosto tamén foi, con diferenza, o máis cálido da serie histórica e que setembro de 2016 tivo practicamente a mesma temperatura media ca setembro de 2015.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s