O Goberno dos EUA cerca a homeopatía

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 17 de novembro de 2016 Los productos homeopáticos deberán incluir en EE. UU. la advertencia de que no hay pruebas de que funcionen, de Luis Alfonso Gámez, que pode lerse nesta ligazón.]

preparados-homeopaticosA Comisión Federal de Comercio (ftc pola súa sigla en inglés: Federal Trade Commission) dos Estados Unidos esixirá aos produtos homeopáticos que non demostren cientificamente a súa eficacia que advirtan, na súa etiquetaxe, que non hai probas científicas de que funcionen e que as afirmacións feitas polo fabricante soamente están baseadas en teorías «do século xviii que non aceptan a meirande parte dos expertos médicos». A nova política da ftc suporá, na práctica, que todos os produtos homeopáticos deberán levar esa advertencia, coa que se pretende evitar que aos consumidores os enganen. A medida baséase nas conclusións dun seminario sobre a publicidade e a etiquetaxe dos produtos homeopáticos que se celebrou o 21 de setembro de 2015, no cal participaron médicos, voceiros dos consumidores e representantes da industria homeopática, entre outros.

A ftc lembra no seu informe que o principio da homeopatía é que unha substancia que provoca un síntoma nunha persoa sa pode sandar ese mesmo síntoma nun enfermo se está moi esluída, algo que nunca se demostrou cientificamente. Segundo a axencia gobernamental, a venda de produtos homeopáticos engalou na década de 1990, cando comezaron a dispensalos en grandes almacéns por todo o país, e na actualidade é un negocio milmillonario. En 2007, segundo os datos do Centro Nacional para a Saúde Complementaria e Integral (nccih), un organismo dependente dos Institutos Nacionais de Saúde (nih, do inglés National Institutes of Health), os estadounidenses gastaban en homeopatía 3100 millóns de dólares cada ano, case unha décima parte do que destinan a pseudoterapias.

«Non se presentaron razóns convincentes, nin nos comentarios nin no seminario, sobre por que as declaracións de eficacia e seguridade dos fármacos homeopáticos que se venden sen receita non deben satisfacer os mesmos estándares de publicidade ca outros produtos que din ser beneficiosos para a saúde. As afirmacións sobre a eficacia dos produtos homeopáticos tradicionais de venda libre só están apoiadas en teorías homeopáticas e probas homeopáticas que non son aceptadas pola maioría dos expertos médicos modernos e non constitúen unha evidencia científica competente e fiable de que estes produtos teñan os efectos dun tratamento. Por estas razóns, a meirande parte dos fármacos homeopáticos de venda libre carece dunha xustificación axeitada para as súas afirmacións de eficacia», sentencia a ftc. Perante esta situación, se o fabricante non é quen a demostrar a capacidade terapéutica do seu produto, deberá incluír a dobre advertencia de que non hai probas da súa eficacia e de que o que di está baseado en ideas do século xviii.

O ditame e a nova política da ftc están de acordo coa opinión maioritaria da comunidade científica sobre a homeopatía, unha presunta terapia que, en dous séculos, non demostrou máis efectividade ca o placebo. A Asociación Médica Británica sostén que a homeopatía «é bruxaría»; o Comité de Ciencia e Tecnoloxía da Cámara dos Comúns británica considera que «non existe ningunha proba de que funcione alén do placebo», e a Sociedade Estadounidense de Química sentenciaba en maio do ano pasado que «o emprego das menciñas homeopáticas prolongouse case 200 anos, pero tamén o fixo o progreso da ciencia. E ese progreso demostrounos que os principios da homeopatía son parvadas». De feito, mesmo Boiron, o principal fabricante mundial de remedios homeopáticos, admite que non sabe como funcionan os seus produtos.

No noso país, o presidente da Organización Médica Colexial, Juan José Rodríguez Sendín, considera que a homeopatía é un proceso «ilusorio e enganoso» que pertence «ao mundo das crenzas» e que a directiva europea que regula o seu uso é un «disparate» feito á medida dos intereses da industria do sector. A lexislación europea exime os produtos homeopáticos de ter de demostrar a súa eficacia, algo que si deben facer os medicamentos baseados na ciencia. Un grupo de expertos elixido polo Ministerio de Sanidade español concluíu en 2011 que a homeopatía «non probou definitivamente a súa eficacia en ningunha indicación ou situación clínica concreta» e dúas organizacións científicas que agrupan 4200 farmacéuticos apoian o colectivo FarmaCiencia, que pediu o 25 de setembro ás autoridades sanitarias e aos máximos responsables da profesión que tiren a homeopatía das boticas porque é unha «falsa terapia», un engano. Desgraciadamente, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos e o Ministerio de Sanidade non responderon polo de agora.


Sobre o autor: Luis Alfonso Gámez (@lagamez) é xornalista de El Correo e autor do blog Magonia, dedicado á análise crítica do paranormal e ao fomento do escepticismo. Entre outras cousas, foi presentador do programa Escépticos de EiTB e colaborador de Órbita Laika, de RTVE, ademais de autor de El peligro de creer.

2 thoughts on “O Goberno dos EUA cerca a homeopatía

  1. Luis Alfonso Gámez 20 de Novembro de 2016 / 12:58 pm

    Estaría bien que antes de traducir trabajos de otros se les pidiera permiso. Es más que una norma básica de educación; es un requisito legal. Estáis traduciendo artículos de ‘Magonia’ sin mi permiso.

    Gústame

    • saulip 20 de Novembro de 2016 / 3:07 pm

      ¡Lo sentimos mucho! Tienes razón, debimos haber pedido tu permiso antes. Por favor, acepta nuestras disculpas; nos pondremos en contacto contigo por correo electrónico dentro de un momento.

      Gústame

Deixar un comentario