«Atómico»

O vídeo que presentamos hoxe, e que descubrimos grazas a Microsiervos, elaborárono os estudantes da Escola de Arte e Deseño de Columbus (Columbus College of Art & Design). Está composto por breves animacións cunha dura de seis segundos, cada unha dedicada a un elemento diferente da táboa periódica:

Os nomes dos diferentes elementos están en inglés. Seguidamente traducímolos, engadindo unha sucinta explicación de cada animación.

  1. Cobre (Cu). Aparece a Estatua da Liberdade (cuxo nome orixinal era A liberdade iluminando o mundo), que está feita de cobre. Si tal: o símbolo dos Estados Unidos que todos coñecemos era orixinalmente da cor vermella do cobre. Como pode verse no vídeo, o metal foi cambiando a súa cor conforme o óxido foi xerando a típica pátina verde tan característica.
  2. Neon (Ne). O uso máis coñecido deste gas nobre é a fabricación de lámpadas fluorescentes, ata tal punto que este tipo de lámpadas adoitan chamarse «luces de neon». Porén, soamente son as lámpadas de luz vermella as que conteñen realmente neon: outras cores obtéñense a partir doutros gases diferentes.
  3. Sodio (Na). Este metal alcalino está presente nun dos compostos químicos máis famosos do mundo: o cloruro sódico, é dicir, o sal de mesa que lles botamos ás patacas fritidas.
  4. Volframio (W). Tamén denominado «tungsteno», especialmente no mundo anglosaxón, é o metal co que se fabrican os filamentos das vellas (e pouco eficaces enerxeticamente) lámpadas incandescentes.
  5. Disprosio (Dy). Este elemento da familia dos lantánidos é escaso no noso planeta e non ten moitas aplicacións prácticas. Emprégase, por exemplo, na fabricación de cedés e discos duros, e tamén na produción de láseres.
  6. Erbio (Er). A animación do vídeo non fai referencia directamente a un uso do erbio metálico (que é un lantánido, igual ca o disprosio) senón ao óxido de erbio (Er2O3), que é de cor rosa e se emprega ás veces como colorante para o vidro (co cal se poden fabricar, por exemplo, lentes de sol).
  7. Niobio (Nb). Este metal se emprega en baixas concentracións para crear superaliaxes que despois se destinan á industria espacial, por exemplo. No vídeo vese o módulo de mando da nave Apollo 15, cuxa tobeira de propulsión estaba fabricada cunha aliaxe de niobio e titanio.
  8. Xenon (Xe). Igual ca o neon, o xenon é un gas nobre que se fixo mundialmente famoso polos seus usos en iluminación, concretamente na fabricación de faros para coches. Porén, semella que o vídeo se refire ao seu uso en medicina como anestésico.
  9. Tántalo (Ta). Hai moita xente que se pode sentir agradecida a este metal de transición: emprégase en moitos implantes cirúrxicos grazas á súa inocuidade e a que, ademais, resiste ben o ataque dos nosos fluídos corporais e lígase ben cos tecidos duros coma o óso.
  10. Cobalto (Co). O cobalto tamén se emprega para fabricar implantes cirúrxicos grazas á súa resistencia á corrosión e ao desgaste. Ademais, o isótopo con 60 nucleóns (o cobalto-60, 60Co) é radioactivo e úsase en radioterapia e para esterilizar o instrumental médico.
  11. Uranio (U). Dicir «uranio» case é sinónimo de dicir «radioactividade» ou «enerxía nuclear». En efecto, o principal uso civil do uranio é a xeración de electricidade nas centrais nucleares. Porén, o combustible que empregan estas centrais é uranio enriquecido, rico no isótopo 235U, e a súa obtención xera uranio empobrecido como subproduto, cuxo almacenamento (baixo da terra, por exemplo) non está exento de problemas.
  12. Francio (Fr). Este metal, denominado así en honor da patria da súa descubridora Marguerite Perey, é altamente radioactivo e moi escaso e inestable, polo que non ten ningunha aplicación comercial. Porén, emprégase no eido da investigación científica.
  13. Ástato (At). O símbolo deste elemento aparece erroneamente no vídeo como «As», que lle corresponde ao arsénico (falaremos máis adiante del). O ástato, tamén radioactivo, é o elemento natural máis escaso na codia terrestre: calcúlase que non hai máis dun gramo de ástato de orixe natural en todo o mundo. A súa principal aplicación é en medicina, como base para diferentes tratamentos contra o cancro.
  14. Hidróxeno (H). Velaquí o elemento máis lixeiro que existe: cunha densidade en condicións estándar de 0,09 g/L, o hidróxeno é unhas 15 veces máis livián ca o aire, polo que se empregou para encher globos desde o século xviii. Non obstante, o hidróxeno reacciona con moita facilidade co osíxeno do aire dando lugar a auga (H2O) e isto faino extremadamente inflamable: despois da catástrofe do cepelín Hindenburg foi rapidamente substituído polo helio.
  15. Boro (B). Entre as aplicacións deste metaloide atópanse varias relacionadas co espazo. O boro elemental ten usos como compoñente estrutural nalgúns materiais ultralixeiros. Ademais, un derivado orgánico do boro, o trietilborano, empregábase como combustible no foguete Saturn V que se ve no vídeo e rescatouse tamén para os Falcon 9 de SpaceX.
  16. Helio (He). Despois do hidróxeno, o helio é o gas máis liviano que existe. Por iso o desprazou como recheo dos cepelíns e, décadas despois, segue a empregarse para inchar globos que flotan no aire.
  17. Radio (Ra). O uso máis célebre do radio (elemento radioactivo descuberto polo matrimonio Curie en 1898) é a fabricación de pinturas luminescentes para as esferas e agullas dos reloxos e outros instrumentos semellantes. As pinturas fosforescentes que se empregan hoxe en día xa non levan radio, xa que a súa radioactividade o fai perigoso, pero si se usou ata a década de 1960. De feito, na década de 1920 un conxunto de traballadoras que se dedicaban a pintar os reloxos con esta pintura de radio (as Radium girls ou «rapazas do radio») presentaron unha denuncia pola morte de cinco compañeiras súas por mor dunha intoxicación radioactiva causada por este elemento.
  18. Mercurio (Hg). O mercurio (ou azougue, ou hidrarxirio) é o único metal da táboa periódica que é líquido a temperatura ambiente. Historicamente empregouse no interior dos termómetros como indicador de temperatura; porén, este elemento é tóxico e pode producir enfermidades como o hidrarxirismo, polo que acabou sendo substituído por outras substancias.
  19. Nitróxeno (N). Popularmente, a este elemento chámaselle tamén azote e é o principal compoñente do aire. O seu punto de ebulición atópase a uns −200 °C (a 77,35 K concretamente) e, por isto, o nitróxeno líquido adoita empregarse como refrixerante. Moitos vídeos en diferentes redes sociais amosan experimentos nos que se introduce algún obxecto brando ou flexible (como unha mazá) en nitróxeno líquido: as baixas temperaturas fan que o obxecto torne ríxido e fráxil e sexa posible escachizalo cun martelo, por exemplo.
  20. Estibio (Sb). Hoxe en día, o estibio (ou antimonio) emprégase principalmente como trióxido de estibio (Sb2O3) para fabricar materiais ignífugos, pero na antigüidade o composto máis importante deste metaloide era outro: a estibina moída mesturábase con graxa para crear o kohl, un cosmético que se empregaba para escurecer as pálpebras das mulleres nobres no antigo Exipto. Máis adiante este mineral, que é sulfuro de estibio, substituiríase polo sulfuro de chumbo, a galena.
  21. Arsénico (As). A sénica ou arsénico é outro metaloide denominado familiarmente o «veleno dos reis» ou o «rei dos velenos», pois uns 300 mg abondan para matar unha persoa. Ata o século xix, cando se inventaron métodos como o test de Marsh, este veleno era indetectable.
  22. Estaño (Sn). No vídeo aparece, neste punto, unha colección de soldadiños de chumbo. É evidente que o chumbo e o estaño non son o mesmo metal, pero non se trata de ningunha confusión: os primeiros soldadiños de chumbo adoitaban facerse con aliaxes de chumbo e estaño. Mentres en galego sobreviviu a expresión «soldadiño de chumbo», en inglés séguenos chamando tin soldiers ou «soldadiños de estaño».
  23. Xofre (S). Disque o demo cheira a xofre, pero iso é o mesmo que non dicir nada: o xofre puro é inodoro. Pola contra, algúns dos seus compostos si teñen olores desagradables, e este é o caso da «esencia» que despiden as mofetas: nela están presentes compostos como o (E)-but-2-eno-1-tiol, o 3-metilbutano-1-tiol e o 2-quinoleinmetanotiol, todos eles con xofre na súa composición.
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s