DDT inorgánico, xofre orgánico

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 28 de abril de 2016 DDT inorgànic, sofre orgànic, de Claudi Mans, que pode lerse nesta ligazón.]

Cando Alicia lle lembra a Roncho Rechoncho que unha mesma palabra non pode ter dous significados diferentes, este responde que, cando el emprega unha palabra, significa exactamente o que el decide que signifique en cada momento. Alicia, desconcertada, dubida que se poida facer que as palabras teñan tantos significados distintos. E Roncho Rechoncho contéstalle que «a cuestión é quen manda aquí, e máis nada».

Quen ten a propiedade das palabras? Segundo Roncho Rechoncho, o que manda. Non son os dicionarios nin as academias, que se limitan a dar fe do uso que ten cada palabra nun momento histórico, agás cando fan política e lles engaden ou tiran significados ás palabras de acordo con intereses partidistas.

Nun web de comida ecolóxica, natural e orgánica, lin a afirmación de que o praguicida ddt era rexeitable porque era inorgánico e, pola contra, o tratamento de pragas con xofre era aceptable porque era orgánico. Se repasamos a química, está ben claro que o ddt, de nome sistemático 1,1,1-tricloro-2,2-bis(4-clorofenil)etano, antes denominado dicloro-difenil-tricloroetano, é un praguicida organoclorado, claro exemplo de molécula da química orgánica; contrariamente, o xofre é un claro representante dos non metais inorgánicos.

640px-ddt-from-xtal-3d-balls
Modelo da molécula de ddt. [Dominio público]
Poderiamos dicir que os dese web son uns ignorantes e que non teñen nin idea de química. E se cadra é certo, pero o uso dos termos «inorgánico» e «orgánico» co senso oposto ao que empregamos os químicos non é un simple problema de ignorancia; oxalá fose soamente iso. Este é un exemplo máis dunha terminoloxía que se xerou nun contexto e que escapou e superou o eido estrito no que estaba; que colonizou outros ambientes e chegou a tomar sentidos contrarios aos orixinais.

Vexamos algúns exemplos noutros eidos. Cara á década de 1970, cando medrou a preocupación pola contaminación, comezouse a falar do medio ambiente. Todos os esforzos dos puristas en sinalar que «medio» e «ambiente» son case sinónimos e que había que falar só do medio foron baldíos, e medio ambiente quedou.

Do mesmo xeito, a preocupación polo medio (ambiente) comezou a ser un asunto ecoloxista, non ecolóxico. Non serviu de nada que voces autorizadas como Margalef advertisen do emprego abusivo deste termo ou que Ramon Folch chegase a escribir un libro tentando distinguir os termos (Sobre ecologisme i ecologia aplicada, «Sobre ecoloxismo e ecoloxía aplicada»). Nada. «Ecoloxismo» quedou, convertendo a ciencia (ecoloxía) en militancia (ecoloxismo). Agora tes de ser ecoloxista, porque, se non, ninguén entende que podes ser respectuoso co medio ou con prácticas sustentables pero non ser ecoloxista militante, é dicir, considerar o respecto ao medio como valor principal orientador da túa vida e actitudes.

Falar de agricultura biolóxica sempre me manca os ollos ou os oídos. Como pode ser unha agricultura, senón biolóxica? Non vai ser xeolóxica… E, se a chaman agricultura ecolóxica, máncame igual os oídos ou os ollos. Todos os ecosistemas están descritos pola ecoloxía, ciencia que explica as relacións entre as especies e o seu medio, e evidentemente todas as leiras, vougos e fragas descríbense e avalíanse coas ferramentas da ecoloxía, á marxe do seu estado, a súa orixe, a súa proximidade ao estado no que estaban antes da intervención humana ou as prácticas que se empreguen para cultivalos. Naturalmente, termos baleiros como agricultura biodinámica acúñanos aqueles que queren venderche algún produto diferenciado dos demais, pero sen diferenzas medibles alén de prácticas raiando co esoterismo.

craega
Etiqueta da produción ecolóxica en Galicia.

A terminoloxía científico-culinaria tamén é ambigua. Cando os cociñeiros falan de emulsións, moitas veces non falan daquilo que un químico describiría como emulsión, senón que falan de suspensións ou de xeles. Cando o cociñeiro fala da xelatinización das patacas, aí non hai tal xelatina, senón hidratación do amidón. Cando, ás veces, se menciona a caramelización, quere dicir reaccións de Maillard ou viceversa. E moitos máis exemplos.

Vamos co ddt. É un composto con enlaces entre átomos de carbono: un composto da química orgánica, naturalmente. Pero non. Hoxe en día «orgánico», para unha gran parte da poboación, é sinónimo de «biolóxico» e «ecolóxico». É dicir, un produto obtido sen empregar praguicidas sintéticos nin fertilizantes sintéticos, segundo se define no regulamento CE 834/2007, que fala dos produtos ecolóxicos. O emprego do termo «orgánico» é máis corrente nos países anglosaxóns. A normativa legal actual fala de agricultura biolóxica ou ecolóxica (un abuso, etimoloxicamente) e non de agricultura nin gandaría orgánicas, pero o termo «orgánico» está a chegar con forza. Efectivamente, o ddt é un praguicida sintético, un produto químico, e a agricultura ecolóxica ou orgánica rexéitao como tal. Como o ddt non é un produto orgánico, táchano de inorgánico porque o prefixo «in-» ten un valor de negación, coma en «indesexable», «inadecuado», «inanimado». O emprego do termo «inorgánico» está aquí en flagrante contradición co termo usado pola química.

Pero o xofre é diferente. O xofre é un praguicida empregado na agricultura tradicional en diversas formas e pertence ao catálogo de produtos autorizados nas prácticas da agricultura ecolóxica, ademais dalgúns derivados do cobre, o permanganato de potasio, o xabón de potasa, os polisulfuros de calcio, o bicarbonato de sodio e outros produtos. Polo tanto, o xofre é, na terminoloxía deste ámbito, un praguicida biolóxico ou orgánico. Neste caso dáse a curiosa circunstancia de que a meirande parte do xofre utilizado é un subproduto das refinarías, que o tiran dos compostos de xofre presentes no petróleo como os mercaptanos ou os tiofenos. O petróleo, un composto natural e orgánico pero fósil e non sustentable, e polo tanto rexeitable segundo os principios da produción ecolóxica. O xofre, así pois, podemos dicir que realmente é un produto orgánico, aínda que o estude a química inorgánica, a que en francés se chama chimie minérale…

Quen manda nesta terminoloxía? Xa non son os químicos, que acuñaron os conceptos de química orgánica ou química inorgánica, senón os practicantes da agricultura non convencional, os seus seguidores e os medios de comunicación xerais. Os químicos e, en xeral, os científicos perderon o seu papel prescritivo da terminoloxía.

Este cambio do valor dos termos sempre se dá co tempo. Pensemos outra vez na química orgánica. Esta denominación inventouna Berzelius en 1807 para se referir aos compostos que se derivaban dos seres vivos, compostos que, pensaban, só podían obterse desde a bioloxía: falamos da sacarosa, das proteínas ou da lecitina. Supúñase que os seres vivos tiñan un principio ou forza vital, a vis viva, que lles permitía facer aquelas sínteses, xeralmente máis complexas ca as que se facían nos laboratorios daquela época. Pero Wöhler, en 1828, sintetizou no seu laboratorio a urea, (NH2)2CO, a partir do cianato de amonio, NH4OCN, que é un composto clásico obtido a partir de compostos inorgánicos. O principio do vitalismo esborrallouse: non cumpría un ser vivo para obter unha molécula orgánica, senón que se podía sintetizar a partir de compostos non derivados dos seres vivos. O concepto de química orgánica tal cal o imaxinara Berzelius pasou a significar química do carbono, que abrangue todos os compostos con carbono derivados dos seres vivos e todos os demais sintetizados polos químicos e inexistentes na natureza, como o teflón, o pvc ou o ddt. Pero segue a chamarse química orgánica. E ao longo do século xx inventáronse termos como a química bioinorgánica ou a química organometálica, que estudan familias de produtos e estruturas entre a inorgánica e a orgánica. As sutilezas e diferenzas entre elas deixarémolas para os expertos.

Mesmo o concepto de química do carbono é ambiguo, porque algúns compostos como o monóxido de carbono, CO; o dióxido de carbono, CO2; o cianuro de hidróxeno, HCN, ou os carbonatos como o de calcio, CaCO3, son compostos de carbono indubidablemente inorgánicos, sen relación estrutural nin cualitativa con outros compostos do carbono. E se, para sermos máis precisos, quixermos considerar a química do carbono como a das moléculas nas que o átomo de carbono está enlazado con outro do mesmo tipo cun enlace covalente, esta tampouco sería unha solución aceptable, porque quedaría fóra o metano, CH4, e todos os seus derivados, como o cloroformo, HCCl2; o metanol, H3COH, ou o ácido fórmico, HCOOH, indubidablemente orgánicos.

Outros termos químicos que adquiriron sensos ben diferentes ao seu valor inicial son os termos «alcalinizante» e «acidificante», referidos a alimentos que, presuntamente, acidifican ou alcalinizan a urina, segundo as teorías non contrastadas cientificamente de Warburg. Neste contexto aparecen paradoxos como que os limóns serían alimentos alcalinizantes.

Non, os químicos xa non somos propietarios da terminoloxía química, ao menos da clásica. Os científicos e técnicos xa non somos os que prescribimos nin os que creamos tendencias, se algunha vez o fomos. Son os departamentos de publicidade das empresas de bens de consumo os que inventan terminoloxía non ortodoxa e, ás veces, sen sentido para suxerir ciencia avanzada: «densoactivo», «Calciforte», «neosoma». Son os vendedores de fume e os esotéricos os que se apropian da terminoloxía científica para envolver de respectabilidade científica os seus inútiles produtos, inventando denominacións fantásticas como agricultura biodinámica, constelacións familiares, memoria da auga ou curación cuántica con esa impunidade que arrepía os científicos.

Non sei se podemos facer algo ao respecto. Pero, pese a todo, algo haberá que facer. Xamais volveremos ao estado dunha nomenclatura xenuinamente científica, estado no que nunca estivemos de todo. Aceptando isto, cómpre que todos os científicos sexan conscientes de como emprega a poboación non experta os termos con contido científico e aclare sistematicamente a diferenza: cómpre ter unha sorte de dicionario de tradución entre léxico experto e léxico non experto. Nada novo para os cociñeiros e mais os científicos, pero aínda pouco habitual noutros eidos. E obviamente educar en todos os niveis sobre as terminoloxías e o valor diferente das palabras dependendo do contexto.


Sobre o autor: Claudi Mans i Teixidó é catedrático emérito de enxeñaría química na Universidade de Barcelona (Universitat de Barcelona) e director científico do Comité Español da Detersión, Tensioactivos e Afíns (Comité Español de la Detergencia, Tensioactivos y Afines). O seu último libro é La química de cada dia, publicado en 2016.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s