Carta dun químico aos homeópatas

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 14 de abril de 2015 A letter from a chemist to homeopaths, de Mark Lorch, que pode lerse nesta ligazón.]

natural-remedy-b-1327821

Estimados señores homeópatas:

Teño algunhas preguntas verbo desa terapia alternativa tan popular e gustaríame coñecer as respostas.

A homeopatía, tal e como eu a entendo (por favor, corríxanme se estou enganado), baséase na idea de que «o semellante cura o semellante». Deste xeito, se a alerxia fai que nos choren os ollos, daquela as cebolas poderían axudarnos (porque as cebolas causan síntomas similares). Ou, se sufrimos insomnio, disque a cafeína podería ser a solución. Porén, é probable que unha cunca de café cargado nos manteña ben espertos, así que vostedes evitan isto mediante enormes dilucións. Desta maneira, segundo vostedes, os efectos beneficiosos permanecen mentres os efectos secundarios non desexados son eliminados.

Antes de continuarmos, querería asegurarme de que comprendo o proceso de dilución, empregando unha vez máis o exemplo da cafeína. Vostedes comezarían cunha disolución de cafeína cunha concentración semellante á do café. Entón levarían a cabo unha dilución dunha parte en 100. A disolución axítase, a miúdo golpeándoa contra unha superficie recuberta de coiro (proceso coñecido como sucusión). O resultado denomínase disolución 1c. Realizan entón outra dilución, axítana, etc. obtendo unha disolución 2c. O proceso repítese habitualmente 30 veces ou máis. O resultado global é unha disolución que xa non conterá nin unha soa molécula da orixinal. De feito, podería ser equivalente a disolver unha cunca de café nunha esfera de auga co tamaño do sistema solar.

Polo de pronto, confío en que estaremos de acordo. Pero a min paréceme certamente improbable que deste proceso xorda unha menciña eficaz. Non obstante, vostedes teñen algunhas explicacións como, por exemplo, que «a auga é capaz de almacenar información relacionada coas substancias coas que estivo en contacto previamente». Dicíndoo doutro xeito, a auga pode lembrar o que estivo disolto nela.

Non hai ningún indicio científico sólido de que a auga teña tal capacidade de almacenar información. Porén, os homeópatas dinnos a miúdo aos científicos que deberiamos ter a mente máis aberta e non aferrarnos tanto aos dogmas cos que fomos educados. Así que aquí me teñen, deixando a un lado durante uns intres a miña educación e experiencia como químico.

Secasí, mesmo sen todo o que a química pode dicirme, aínda me quedan aparentes buracos lóxicos na súa teoría. Por este motivo, velaquí as preguntas que lles fago; estou realmente interesado nas respostas.

Como é que a auga lembra a substancia inicial (por exemplo a cafeína) pero non as impurezas?

A referencia mundial para a pureza da auga (empregada polos químicos analíticos pero non polos homeópatas) é de só 10 partes de impurezas por cada mil millóns de partes de auga. A concentración destas impurezas equivale a unha disolución 4c. Polo tanto, con dilucións que superen este punto, as impurezas serán máis abundantes ca a substancia orixinal. Como pode saber a disolución homeopática de que moléculas ten que almacenar información?

Como se elabora un remedio homeopático baseado no osíxeno?

Semella que hai bastantes remedios baseados no osíxeno. Pero o osíxeno do aire está a disolverse decontino na auga que empregan para diluír as súas disolucións. Como conseguen facer unha disolución 30c de osíxeno, se con cada paso están engadíndolle máis ao seu remedio?

Como se transfire a potencia dun remedio desde a auga a unha pastilla seca?

Vostedes fabrican as pastillas depositando o remedio acuoso nunha pílula de azucre e secándoa a continuación. Como retén a pastilla a información almacenada (supostamente na auga) despois de que a auga se evapore?

Por que non podo atopar un anticonceptivo homeopático?

Estiven pescudando e non semella que vendan vostedes ningún.

Se a potencia dunha menciña aumenta ao diluíla, por que isto nunca se percibe como un sabor forte?

Se un remedio funciona, daquela ten de interactuar coa nosa bioloxía. Por que isto non se manifesta nunca no noso sentido do gusto?

Por que a homeopatía foi tan ineficaz combatendo enfermidades infecciosas antes de que aparecesen as vacinas?

As vacinas reduciron a extensión das enfermidades infecciosas a unha fracción diminuta do que unha vez foron. A homeopatía xa existía moito antes de que o uso das vacinas se estendese, logo por que non conseguiu reducir os incidentes de enfermidades infecciosas?

Espero que, ao responderen estas preguntas, poidan facerme comprender mellor como cren que funcionan as súas terapias.

Reciban un cordial saúdo,

Dr. Mark Lorch


Sobre o autor: Mark Lorch (@Mark_Lorch) é profesor de comunicación científica na Universidade de Hull (University of Hull). Na súa faceta de divulgador científico, escribe en Chemistry Blog e tamén publicou artigos para The Guardian, New Humanist e BBC Focus.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s