Breve historia da cristalografía (VI): O crego rompecristais

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 19 de decembro de 2013 Breve historia de la cristalografía: (VI) El cura rompecristales, de César Tomé López, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia da cristalografía (V): Cristais de neve, Frankenheim ou o novo Euclides.]

rene-just-hauy-el-cura-rompecristales

Durante a década de 1770 o novísimo crego René Just Haüy adoitaba pasar unha boa parte do seu tempo no xardín botánico de París. Había tempo que se interesaba na ciencia e decidira que ía estudar botánica. Co gallo de avanzar nos seus estudos mercou un exemplar do Systema naturæ de Linné. Pouco despois comezou a desatender os seus asuntos botánicos e a asistir ao curso sobre mineraloxía que impartía Louis Jean-Marie D’Aubenton. Cando concluíu o curso, Haüy dedicaríase só aos minerais.

calcita

Se houbésemos de crer a Georges Cuvier, o primeiro achado de Haüy debeuse á serendipia. En 1780, mentres observaba un fermoso agregado de grandes cristais prismáticos de calcita, un dos prismas rompeu, caeu ao chan e esnaquizouse. Sorprendentemente, todos os anacos tiñan a mesma forma, non prismática, senón romboédrica coma o espato de Islandia, outra variedade de calcita. Este feito ocorrería na historia centenares de veces pero, como diría despois Pasteur, «o azar favorece a mente preparada». Haüy correu ao seu estudio, colleu un grande escalenoedro de calcita e, sen dubidalo, arreoulle unha martelada: os fragmentos eran todos romboédricos. Haüy acadou a conclusión de que todos os cristais de calcita, independentemente do seu hábito (aspecto xeométrico) externo, están compostos de «moléculas» romboédricas. Non nos resistimos ao xogo de palabras facilón; Haüy, como abade, coñecía ben o tema: o hábito non fai ao frade, neste caso, ao cristal.

torbern-bergman

Poida que esta estupenda anécdota teña o mesmo grao de veracidade ca a da mazá de Newton, especialmente se consideramos que o experimento de crebar cristais xa o fixera Torbern Olof Bergman uns anos antes. Bergman publicara os seus resultados en 1779 e pouco despois comezara a cartearse con Haüy. É, polo tanto, evidente que Haüy coñecía os traballos de Bergman cando realizou os seus propios experimentos, o que reduce o relato de Cuvier a unha mera anécdota haxiográfica.

dodecaedro-de-hauy

Porén, e ao contrario de Bergman, Haüy non parou na calcita. O seu estudo doutros minerais do mesmo xeito, isto é, rompéndoos, levouno a descubrir que moitos deles crebaban (o termo técnico é «exfoliábanse») en anacos que eran característicos de cada mineral: os granates, a sal xema e mais a pirita, en pequenos cubos; o diamante, en octaedros; o xeso e mais a barita, en prismas cadrados, etc. Polo tanto, as unidades constituíntes básicas destes minerais debían ter estas formas concretas. Os cristais estarían formados por agregados periódicos tridimensionais das súas «moléculas» constituíntes e as variacións nas formas aparentes (hábitos) dos cristais dun mesmo mineral poden explicarse polos diferentes ordenamentos posibles destas «moléculas» constituíntes. Do mesmo xeito que con cubos pode formarse un octaedro ou un dodecaedro, un gran número de «moléculas» cúbicas poden formar un cristal octaédrico ou dodecaédrico.

granate

Pero Haüy tamén descubriu unha limitación para as posibles caras que poden aparecer nun cristal. Dado que o cristal é unha disposición tridimensional periódica de elementos, as únicas caras que poden aparecer serán aquelas cuxas interseccións con tres eixes non paralelos correspondentes a vértices do cristal estean nunha proporción de números enteiros pequenos. Esta lei, publicada en 1784, coñécese como lei dos enteiros ou dos índices racionais de Haüy e non difire moito, na súa esencia, dos conceptos que se empregan hoxe.

O método experimental de Haüy era, como vimos, bastante destrutivo e non contaba coa aprobación de todos os seus coetáneos. Na súa Cristallographie (1783), Romé de l’Isle sinalaba, bastante mordazmente, a aparición dun novo tipo de cristalógrafo «para quen a denominación de cristaloclasta [rompecristais] sería máis axeitada». Así a todo, a meirande parte dos mineraloxistas decatáronse da importancia do traballo de Haüy. D’Aubenton, que foi o primeiro a quen informaron das primeiras descubertas de Haüy, animouno a remitirllas á Real Academia xa en 1781, amais de incluír os resultados do crego nas súas propias clases de mineraloxía.

Baseándose formalmente nos seus artigos sobre a estrutura dos granates e da calcita, Haüy converteuse en membro da Real Academia en 1783 (incidentalmente, Romé de l’Isle solicitara o ingreso tres anos antes pero fora rexeitado). Coa súa nova condición de académico, agora estaba en posición de dar a coñecer os seus resultados a un público máis amplo.

En 1792, Haüy deu un curso de cristalografía. É probable que nunca antes, e despois moi raramente ata que comezou o século xx, un curso técnico tivese tal elenco de persoeiros como alumnos, representando dun xeito tan cabal o carácter interdisciplinario da materia en cuestión. Entre os asistentes, por exemplo, había químicos (Antoine Laurent de Lavoisier, Antoine François de Fourcroy, Louis-Bernard Guyton de Morveau, Claude-Louis Berthollet) e matemáticos (Joseph Louis de Lagrange, Pierre-Simon de Laplace).

As conferencias de Haüy fixéronse tan populares que recibían asistentes de todas as partes de Europa, o cal contribuíu á rápida difusión das súas ideas.

[O seguinte artigo da serie é Breve historia da cristalografía (VII): Moléculas, superfluidades e contaminacións.]


Sobre o autor: César Tomé López (@EDocet) é químico e divulgador científico, autor de Experientia docet e editor xefe do Cuaderno de cultura científica e de Mapping Ignorance.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s