Teoría de xogos (V): Contar (I)

[Esta é unha tradución autorizada de Ciención de Breogán, adaptada do artigo orixinal de 20 de setembro de 2010 Teoría de juegos V – Contar (I), de Javier “J” Sedano, que pode lerse en El Cedazo. Toda a serie Teoría de juegos está publicada en forma de libro, dispoñible aquí.]

[O artigo previo da serie é Teoría de xogos (IV): Pedra, papel ou tesoiras.]

pexels-photo-219570

Levamos catro artigos curtiños para introducirmos, pouco e pouco, conceptos básicos da teoría de xogos.

Vamos hoxe cun xogo sinxelo: imos contar ata 20.

Pero, como os nosos lectores non saben nada de números, ímolo facer entre todos, que así será máis fácil… non si?

Por se acaso algún día podedes e queredes xogar de xeito presencial con amigos, imos contar primeiro as regras clásicas, despois as modificacións máis habituais e logo as regras adaptadas para podermos xogar a través dos comentarios deste artigo.

Regras clásicas

    1. Se participan N xogadores, hai que contar desde 1 ata N.
    2. Todos os xogadores deben dicir un número e non máis dun número. É dicir, ninguén pode quedar sen participar.
    3. Os xogadores non poden verse os uns aos outros, para que non se fagan sinais. Por exemplo, poden estar sentados de costas, coma no xogo das cadeiras musicais, ou poden ter os ollos vendados, ou mesmo xogar ás escuras.
    4. Adoita pórse algún límite de tempo, amplo dabondo como para que non resulte restritivo, pero o bastante curto como para asegurar que remata nun período razoable. Por exemplo, se hai que contar ata 20, poden darse 15 minutos de prazo.
    5. A derradeira regra é a máis importante: se algún xogador di un número fóra da secuencia (por exemplo, se o último número é o 8 e alguén di o 11), ou se dous ou máis xogadores din un número á vez, daquela hai que comezar de novo (pero o tempo segue correndo). Ten de haber un árbitro (que pode ser o organizador do xogo e que, polo tanto, non xoga) que decida se dous xogadores dixeron o número á vez, pois iso de «á vez» non ten unha definición clara ao 100 %.

Modificacións habituais

A modificación máis habitual (sobre todo cando hai poucos xogadores) é que o número obxectivo non sexa N, senón un número arbitrario, loxicamente meirande ca N. Cando vexamos as conclusións na segunda parte do partido, veremos por que é tan habitual.

Neste caso, evidentemente os xogadores terán de dicir máis dun número, pero entón non se permite que o mesmo xogador diga dous números seguidos, nin tampouco padróns obvios como que dous ou tres xogadores A e B (ou A, B e C) se alternen de xeito continuo e exclusivo (A di 4, B di 5, A di 6, B 7, A 8, B 9…) ou que falen na orde das agullas do reloxo ou cousas así. Mantense, porén, a regra de que todos os xogadores deben dicir ao menos un número.

Modificacións para este blog

Como imos xogar a través dos comentarios, teremos de aplicar as seguintes modificacións:

  1. Xogarán todos os lectores que queiran e contaremos ata 10. Nótese que este non é o caso que viamos antes, porque agora en realidade hai moitos máis xogadores potenciais ca números, e antes o que había eran máis números ca xogadores.
  2. Non todos os xogadores deben dicir un número (só faltaría que todos os nosos lectores estivesen obrigados a xogar), pero os que xoguen só poden dicir un número. Evidentemente, se o xogo se reiniciar por mor da 5.ª regra, todos poderán volver dicir un número.
  3. Non podemos evitar que os xogadores se coordinen por teléfono ou correo electrónico, ou que a mesma persoa xogue con dous alcumes distintos. Pero, como estamos entre cabaleiros, seguro que iso ninguén o vai facer. Por suposto, tampouco vale coordinarse a través dos comentarios.
  4. Poremos un límite de tempo de tres días. O sábado 16 ás 19:00 daremos por terminado o xogo e publicaremos a análise.
  5. Non precisamos preocuparnos por que dous xogadores digan número «á vez». O máis parecido sería que escribisen dous comentarios case simultáneos nos que ambos dixesen o 6. Pero, en calquera caso, un deles publicarase antes e o outro despois. Polo tanto, o que se publicar antes estará fóra da secuencia, porque tocaría o 7 e el diría o 6. Deste xeito, debido á regra de ruptura da secuencia, haberá que volver comezar desde 1.

Como, previsiblemente, non vou poder estar sentado diante do ordenador recargando a páxina para arbitrar o xogo decontino, se alguén detecta o número fóra da secuencia, que simplemente reinicie a conta el mesmo aínda que eu non diga nada.

Prégolles aos lectores que empreguen os comentarios deste artigo soamente para xogar ou para outras cousas relacionadas co xogo de contar. No vindeiro artigo, que conterá os resultados e mais as conclusións, poderedes espraiarvos a gusto.

A xogar!

[O seguinte artigo da serie é Teoría de xogos (VI): Contar (II).]


Este artigo e mais a súa tradución están publicados baixo licenza CC BY-NC-ND 2.5 ES.

2 thoughts on “Teoría de xogos (V): Contar (I)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s