[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 21 de marzo de 2014 Més químics per a menys químics, de Claudi Mans, que pode lerse nesta ligazón.]

Hai un deterxente para lavalouzas (Finish) dunha famosa marca multinacional (Reckitt Benckiser) que ten unha considerable cota de mercado e que innova constantemente. Un dos produtos que anuncian consiste nun deterxente en cápsulas, semellante aos que xa tiña, do que afirman que leva menos químicos.
Que é un «químico»? Aos puristas da lingua (coma min) ponnos nerviosos este calco do inglés. En inglés distinguen entre chemicals (produtos químicos) e chemists (técnicos químicos). Aquí esta distinción é irrelevante para moita xente, que vai falando de «químicos» referíndose aos produtos.
Os puristas perdemos a batalla, obviamente. Xa perderamos a batalla dos produtos ecolóxicos e biolóxicos (naturalmente, todo o que fan as plantas ou os animais é biolóxico), a do medio ambiente (redundancia: o medio é o ambiente) e agora a dos químicos. E seguiremos perdendo batallas, unha tras outra, contra os irresponsables incultos e contra os imaxinativos publicistas, que collen a terminoloxía e a proxectan impunemente contra a poboación; así, inventan produtos densoactivos, por exemplo, que non significa nada, ou Saciactiv, ou Calciforte, produtos inexistentes alén do papel.

Seguro que o deterxente leva menos químicos? Menos materia non leva; unha cápsula deste novo deterxente pesa 18,2 g, o mesmo ca a cápsula de deterxentes anteriores. Polo tanto, o concepto de menos químicos debe de referirse á composición.
O web onde se atopan as composicións dos produtos de Reckitt Benckiser é www.rbeuroinfo.com, tal e como consta nos envases. Alí pódese ver, para cada produto, a listaxe exhaustiva cualitativa dos ingredientes, por orde de máis a menos cantidade. Non todas as marcas o pon tan doado. Comentemos algúns puntos:
- Non atopei as composicións dos produtos que van retirando.
- No deterxente novo, coma en todos os demais, o que máis hai son fosfatos, para previr a dureza da auga.
- Despois hai percarbonato de sodio, un potente oxidante. É o que cualifican na publicidade como «osíxeno activo».
- Hai enzimas: protease e amilase, para degradar as manchas de proteínas e de amidóns dos alimentos. As graxas xa as limpa o tensioactivo.
- Hai xabón (soap), que ten unha función antiescumante.
- A composición consta de ducias de compoñentes, moitos deles en pequenas cantidades, con funcións moi específicas que non podemos comentar aquí.
Son os encargados da mercadotecnia e a publicidade os que detectan o xeito de achegarse ao consumidor para lle venderen produtos. E, se detectan que a química ten mala fama, pídenlle ao departamento de investigación e desenvolvemento que defina un novo produto con modificacións que satisfaga mellor as necesidades dos consumidores (ou as necesidades provocadas polo departamento de mercadotecnia) e cuxo cambio despois poidan publicitar («sen aditivos», «con osíxeno activo», «sen azucres engadidos»). E, unha vez definido este novo produto, cómpre fabricalo. Ás veces os químicos de I+D e os químicos de produción teñen de crebarse a cabeza para conseguir o produto que satisfaga os de mercadotecnia pero que non perda as propiedades que tiña o produto anterior, que poida envasarse ben ou que sexa estable. Con este novo deterxente poderían dicir que deron un paso máis cara a iren reducindo a quimiodiversidade, que deben de considerar mala, tanto como boa é a biodiversidade. O problema é que este tipo de publicidade profunda a quimiofobia dunha boa parte da poboación, que quere menos químicos.
Pero, pola contra, fan falla moitos químicos traballando para conseguir que no produto final haxa menos químicos.
Sobre o autor: Claudi Mans i Teixidó é catedrático emérito de enxeñaría química na Universidade de Barcelona (Universitat de Barcelona) e director científico do Comité Español da Detersión, Tensioactivos e Afíns (Comité Español de la Detergencia, Tensioactivos y Afines). O seu último libro é La química de cada dia, publicado en 2016.