Breve historia da cristalografía (X): Maxia viquinga

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 16 de xaneiro de 2014 Breve historia de la cristalografía: (X) magia vikinga, de César Tomé López, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia da cristalografía (IX): Isomería e compostos orgánicos.]

vikingos

Os viquingos foron, probablemente, os mellores mariños da Idade Media. Os seus barcos non só navegaron polas augas do mar do Norte ou do Atlántico Norte, senón tamén do Mediterráneo e do mar Negro. Os séculos ix e x foron os séculos viquingos por excelencia: chegaron a tomar Sevilla, Santiago de Compostela ou Pamplona, como cidades coñecidas. Pero as súas xestas polas costas do que hoxe é a península Escandinava, o Reino Unido, os Países Baixos, Bélxica, Francia, a península Ibérica, Italia, a península Balcánica, Bulgaria, Romanía, Ucraína ou Rusia non ilustran dabondo a súa capacidade mariñeira.

expansion-vikinga

Os viquingos foron quen de facer, no século ix, o que ningúen máis ousaba facer: introducirse no misterioso océano Atlántico. Deste xeito descubriron Islandia e asentáronse alí. No século seguinte Erik Thorvaldsson (Erik o Roxo) dirixiu un grupo de islandeses no asentamento en Groenlandia e, un par de décadas máis tarde, o seu fillo Leif Erikson dirixiuse aínda máis cara ao oeste, chegando finalmente ao que serían as costas de América do Norte arrededor do ano 1000, isto é, 500 anos antes ca Colón. Os territorios que os viquingos chamaron Helluland, Markland e Vinland corresponderíanse posiblemente co que hoxe coñecemos como a illa de Baffin, a península do Labrador e o golfo de San Lourenzo.

Na época dos viquingos non se coñecía o compás nesta parte do mundo (comezouse a empregar na China a comezos do século xii e en Europa a finais dese século) e a navegación baseábase na observación do Sol, a Lúa e as estrelas. Consecuentemente, era necesario un tempo despexado, ao menos nalgún momento do día, para unha determinación fiable da posición do barco (ao menos da latitude; a lonxitude é algo moito máis complexo). Pero, se alguén navega polo Atlántico Norte, co que menos pode contar é con ceos despexados. Logo como conseguiron os viquingos orientarse e ser quen de chegar ao seu destino e tornar á casa?

Grazas ás sagas de islandeses sabemos que os viquingos empregaban unha sólarstein (pedra solar máxica) que era capaz de amosarlles a posición do Sol mesmo nas peores condicións meteorolóxicas, o que lles permitía navegar distancias longas. A últimos do século xi o poder viquingo, coas súas incursións mariñas, comezou a se desvanecer e, despois da popularización do compás arredor do ano 1300, a pedra e a súa maxia foron esquecidas.

espato-de-islandia

A sólarstein era espato de Islandia, un cristal de carbonato cálcico transparente e romboédrico, e a súa maxia era un fenómeno que hoxe chamamos birrefrinxencia. Cando se sostén nunha orientación axeitada, un cristal birrefrinxente ten a capacidade de localizar a fonte de luz (neste caso, o Sol) mesmo con ceos cubertos ou néboa mesta. Non estaba moi claro como se facía isto exactamente ata o traballo de Ropars et al. (2011).

O estudo científico da maxia do espato de Islandia comezou séculos despois de que fose esquecida polos mariños do norte. Curiosamente foi un descendente de viquingos o primeiro en describir o fenómeno. O médico dinamarqués Rasmus Bartholin quedou abraiado ao se decatar de que, cando miraba a través dun cristal de espato de Islandia, vía unha imaxe dobre. Publicou os seus achados nun libro, Experimenta crystalli islandici disdiaclastici quibus mira & insolita refractio detegitur (1669), no que tentou sen moito éxito explicar o fenómeno, que describía con extremo detalle empregando a teoría óptica de Descartes.

Non sería ata 1801, cando a natureza ondulatoria da luz foi confirmada polo experimento da dobre fenda de Thomas Young, que se lle puido dar unha explicación ao fenómeno. Esa explicación daríaa el mesmo nunha conferencia o 24 de novembro de 1803 na Royal Society de Londres, publicada no ano seguinte como Experiments and Calculations Relative to Physical Optics. A birrefrinxencia debíase a que o espato de Islandia dividía a luz incidente en dous planos de feixes polarizados.

A maxia da sólarstein dos viquingos aínda permitiría explorar outros mundos: os da estrutura interna dos cristais.

[O seguinte artigo da serie é Breve historia da cristalografía (XI): Asimetrías e xogos de luz.]


Sobre o autor: César Tomé López (@EDocet) é químico e divulgador científico, autor de Experientia docet e editor xefe do Cuaderno de cultura científica e de Mapping Ignorance.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s