A agricultura ecolóxica non salvará o planeta

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 18 de xaneiro de 2017 La agricultura ecológica no salvará el planeta, de J. M. Mulet, que pode lerse nesta ligazón.]

Hai un tempo, El País publicou un artigo no cal varios científicos, entre os que me inclúo, cuestionaban o papel da agricultura ecolóxica no respecto do medio. Calquera que consuma ecolóxico decatarase dos elevados prezos. Ese sobreprezo débese á caída da produción e, se tes menos produción no mesmo solo, o impacto ambiental dispárase, por moito que enterrases cornos enchidos de esterco ou soamente empregases fertilizantes naturais. A revista New Scientist tamén publicou recentemente un artigo verbo deste tema e algúns xa levabamos tempo dicíndoo.

Este artigo xa levantou as iradas críticas do mundiño agroecolóxico, que semella que aquilo de «paz e amor» o deixan a unha banda á hora de protexer o mercado, incluída unha queixa que foi atendida pola defensora do lector. Entre os numerosos artigos que tentaron desmentir o artigo de El País chamoume a atención un publicado no blog Planeta futuro da propia web de El País, dentro da sección Alterconsumismo sobre comercio xusto. A resposta está escrita por dous membros da xunta directiva da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (Sociedad Española de Agricultura Ecológica), o que xa fai dubidar da fiabilidade dos seus argumentos. Por que digo tal? Moi sinxelo: se investigamos a composición da xunta directiva atoparemos que o vicepresidente segundo é Carmelo García Romero, que se presenta como:

Doutor en Veterinaria e Académico. Corpo Nacional Veterinario. Real Academia de Ciencias Veterinarias, Experto en Gandaría Ecolóxica. Saúde e Benestar. Medicina Holística Veterinaria. Homeopatía e Fitoterapia. Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE). Asociación para o Desenvolvemento da Gandaría Ecolóxica (ADGE). Asociación de Periodistas Agrarios de España (APAE).

2017-01-18-1
Gran base científica da SEAE. [Tamaño completo]
Por se isto non abonda, unha das autoras preséntase como secretaria da asociación «Vida sana». Para nos facermos unha idea, esta asociación, amais de montar obradoiros de menciñas alternativas, cando o pasamento por difteria do neno de Olot en decembro de 2015 publicou unha serie de cartas do «movemento pola liberdade de vacinación» escritas polo médico homeópata Xavier Uriarte defendendo a non vacinación e a escolla dos pais do neno, que supuxo o falecemento do seu fillo. Con estes dous precedentes non cumpriría dicir máis nada sobre o rigor do artigo, pois non semella que alguén que apoia a homeopatía ou a non vacinación poida achegar argumentos válidos a un debate científico, pero ímoslle dar o beneficio da dúbida.

O artigo comeza dicindo que:

Consumir «bio» faille amigo do medio: supón axudar á preservación do solo e os ecosistemas así como paliar os efectos do cambio climático. A súa saúde tamén llo agradecerá.

Boa declaración de intencións, pero non hai ningún dato serio que apoie estas afirmacións.

Os alimentos ecolóxicos son aqueles que foron cultivados respectando os ciclos propios da natureza, sen empregar variedades modificadas xeneticamente (de xeito inducido) nin tratamentos con pesticidas de síntese química e, por iso, consumilos contribúe ao coidado do noso medio.

2017-01-18-4
A asociación «Vida sana» promovendo a non vacinacion… de parte dun homeópata. [Tamaño completo]
Ben, semella que non coñecen o regulamento de produción ecolóxica. O do respecto dos ciclos propios da natureza non é certo. Por un motivo moi sinxelo. O regulamento permite a produción en invernadoiro, e de feito Almería é a provincia con máis produción ecolóxica e faise toda baixo plástico, independentemente dos ciclos da natureza. Se alguén o dubida, que vaia en xaneiro a calquera tenda de produtos ecolóxicos, a ver se atopa hortalizas de primavera e verán como tomates, leitugas ou cabaciñas. O de «variedades modificadas xeneticamente (de xeito inducido)» entendo que é que non utilizan transxénicos, aínda que retorcen a súa definición para non mencionar que en ecolóxico tamén se utilizan híbridos e variedades patentadas. Non se empregan pesticidas de síntese química, pero si que se empregan pesticidas, e moitos (como o cobre) tremendamente contaminantes, e por arte de maxia unha falacia non sequitur fai unha conclusión que non ten nada que ver coas premisas. Seguimos.

O 36 % dos españois que consumen produtos ecolóxicos (sinónimo de biolóxicos ou orgánicos) fano movidos por motivos medioambientais, segundo unha enquisa de 2014 do Ministerio de Agricultura.

Se o lestes rapidamente quizais pensedes que o 36 % dos españois consumen ecolóxico. Realmente é arredor dun 6 % (un dato que esquecen mencionar). Pois dese 6 %, un 36 % fano por respecto ao medio. Moi bonito, pero irrelevante, do mesmo xeito que unha alta porcentaxe dos estadounidenses pensan que Trump pode ser un bo presidente e por iso o votaron, pero iso non quere dicir que teñan razón.

Na súa publicación «Como contribúe á sostibilidade a alimentación ecolóxica?» os investigadores do FiBL (Instituto de Investigación en Agricultura Ecolóxica) [Forschungsinstitut für biologischen Landbau] analizan diferentes estudos que demostran que a agricultura ecolóxica ten un menor impacto sobre o medio e conclúen que é un método válido para loitar a escala global contra os retos medioambientais que se nos presentan.

Vaia, aquí semella que van citar un estudo… pero non. Citan unha asociación… de agricultura ecolóxica, pero sen citar unha soa referencia. Vaia forma de marear a perdiz.

Ninguén pon en dúbida que «o ecolóxico» está de moda. A superficie nos países do noso contorno medra cada ano, achegándose xa no noso país aos 2 millóns de hectáreas. Este tipo de produción está favorecendo a fixación do tecido social no medio rural, permitindo que moitos agricultores poidan manter a súa actividade de xeito rendible. Mesmo anima a un gran número de agricultores mozos a permanecer nas súas zonas de orixe. Aínda que constantemente se deixa de manifesto a cuestión que fai referencia a se a agricultura ecolóxica pode alimentar un planeta superpoboado, non se trata só de cambiar o sistema produtivo. Está claro que se precisa un cambio de modelo no que se leve a cabo unha mellor concienciación da sociedade para evitar o estrago dos alimentos.

2017-01-18-2
Un día calquera na principal feira de produtos ecolóxicos. [Tamaño completo]
Semella que a agricultura ecolóxica está a ser a salvación do maltreito campo español. Mágoa que aquí tamén esquezan mencionar un factor. Hoxe en día a agricultura ecolóxica é unha burbulla que depende das subvencións, polo que non é sostible. Cando se acaben as subvencións, acábase a agricultura ecolóxica.

Tamén se lle achaca á produción ecolóxica unha menor produtividade, pero xa se demostrou que, en determinadas condicións como nas zonas de secaño, a agricultura ecolóxica pode ser tan produtiva coma a convencional.

Ben, queda claro que nin elas mesmas o cren. Un artigo nunhas condicións moi concretas acada ese resultado. Semella que esquecen mencionar que os artigos que analizan numerosos cultivos e numerosas condicións acadan outras conclusións, como este publicado en Nature.

diari-580x342
Así, calquera salva a agricultura ecolóxica.

Aínda que un dos argumentos que se argúen contra a agricultura ecolóxica é a necesidade de máis terras e, polo tanto, a posibilidade de fomentar a deforestación, nada máis lonxe da realidade. Segundo recolle Tara Garnett da Food Climate Research Network (Rede para a Investigación da Alimentación e do Clima) no informe «En que consiste unha dieta sa e sostible?», existe un consenso en aceptar que, para evitar os impactos sobre o cambio climático da produción agraria e a deforestación, cómpre reducir o consumo de produtos cárnicos nos países máis desenvolvidos e que estes sexan procedentes de animais que se alimentasen con pastos naturais e de aproveitar os residuos da produción agraria. E non é a carne ecolóxica a única que actualmente garante que se cumpra este requisito?

Outro salto mortal argumentativo. Isto non ten nada que ver co debate. Pasamos de comparar ecolóxico con convencional, a comparar consumo de carne con consumo de vexetais. En xeral unha dieta vexetariana ten menos impacto ambiental, sexa ou non sexa ecolóxica, como eu mesmo expliquei varias veces. E de súpeto sáenos con que a carne ecolóxica é a única que se alimenta de residuos e de pastos naturais. Outra vez demostran o seu descoñecemento do regulamento da produción ecolóxica, que non impide o emprego de pensos se son ecolóxicos… ou non, pois unha das numerosas excepcións que recolle o regulamento ten que ver con isto. Excepción que se aplica con alegría.

2017-01-18-7
O gando ecolóxico aliméntase de pastos naturais… seguro? [Tamaño completo]

Menor pegada ecolóxica

A agricultura xoga un importante papel nas emisións daniñas para o planeta. Calcúlase que a alimentación é a responsable da metade das emisións de gases con efecto invernadoiro, se temos en conta todos os factores involucrados nos procesos produtivos (produción agrícola e gandeira, deforestación, transporte e conservación de alimentos, procesamento e embalaxe dos mesmos e todos os reboutallos que se xeran). A agricultura ecolóxica é máis eficiente na captura de carbono ao aumentar os contidos de materia orgánica no solo, polo que é un sistema de produción válido na loita contra o cambio climático, tal como apuntaba o «dossier» editado pola Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica en 2007.

Vaia, isto si que é raro. Non presentan nin un dato de pegadas ecolóxicas. O regulamento tampouco o recolle. Pero si que presentan un dossier publicado por eles mesmos. Isto soa un pouco a Juan Palomo, yo me lo guiso, yo me lo como. Isto é bo porque cho digo eu. Pero o gordo vén agora.

plana-greenpeace
Variedades locais?

Pola contra, segundo un estudo publicado no «African Journal of Biotechnology» [Revista Africana de Biotecnoloxía], o emprego de herbicidas diminúe o contido de materia orgánica dos solos e, polo tanto, prexudica o seu papel como almacén de carbono. O efecto é meirande no caso específico do glifosato, herbicida amplamente utilizado nos cultivos transxénicos desenvolvidos para seren resistentes á súa aplicación, os cales representaban en 2015 un 53 % do total dos cultivos transxénicos no mundo segundo un informe do Servizo Internacional de Adquisición de Aplicacións de Biotecnoloxía Agrícola (ISAAA) [International Service for the Acquisition of Agri-biotech Applications].

Aquí desvían o foco da atención falando, sen vir a conto, de transxénicos e de glifosato (lembremos que o debate é de ecolóxico fronte a non ecolóxico). Este punto a nivel europeo é irrelevante, pois aquí non se sementan variedades resistentes ao glifosato. Pero é que ademais xogan sucio e fan trampa falando do impacto do uso de herbicidas sinalando un artigo que di xustamente o contrario. Compara catro herbicidas, tres dos cales están prohibidos en Europa, e o que demostra é que o glifosato é o que menos impacto ten no solo. Por certo, non estaría de máis que sinalasen algún estudo coma este que indica que o uso de cobre nos viñedos é tremendo para as miñocas. O caldo bordelés é ecolóxico, pero non é respectuoso co medio.

A deforestación para obter solo cultivable é outra das causas que inciden no cambio climático. Un estudo levado a cabo pola Universidade de Wageningen [Wageningen University & Research] e por investigadores do Canadá sobre as causas da deforestación no mundo concluíu que a agricultura é unha das principais actividades e que os cultivos comerciais como a soia, utilizada basicamente para a alimentación gandeira, son un dos meirandes responsables.

E xa volvemos mover o albo. Obviamente a agricultura non é respectuosa co medio, e alimentar 7000 millóns de persoas implica unha presión sobre o solo. Pero semella que esquecen o detalle de que, a nivel mundial, a produción ecolóxica é menos do 1 % do total. Se toda a produción mundial se fixese ecolóxica, non iamos deixar ningunha árbore en pé.

img_20160929_134336
Onde está esa eficiencia? Que a vexa eu.

Outro factor importante é o custo enerxético dos produtos fitosanitarios e os fertilizantes químicos, para cuxa síntese precísanse grandes cantidades de enerxía e comportan unha importante emisión de CO2. Segundo o IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) [Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía], dependente do Ministerio de Enerxía, a produción de fertilizantes químicos é o segundo responsable do consumo enerxético na agricultura a nivel mundial. En determinados cultivos convencionais como o trigo, os fertilizantes químicos, especialmente os nitroxenados, poden supor un 60 % do gasto enerxético, moi por riba dos labores agrícolas. Por isto o propio IDAE propón prácticas habituais da agricultura ecolóxica, como as rotacións con leguminosas ou o uso de fertilizantes orgánicos, como medidas de aforro enerxético na agricultura.

E seguimos a desviar o albo. O problema é que a produción de trigo ecolóxico fai que caia a produción a menos da metade, o que implica un maior custo enerxético por investir máis recursos para recoller menos. E son datos dos mesmos produtores ecolóxicos que, obviamente, esquecen mencionar.

Promover a proximidade?

Co obxectivo de reducir as emisións de GEI (gases de efecto invernadoiro), a agricultura ecolóxica ofrece unha alternativa viable. Unha análise detallada levouse a cabo na Berea College Farm, unha das leiras experimentais e educativas máis antigas dos Estados Unidos, durante o proceso de transición cara á agricultura ecolóxica e a introdución de técnicas de maior eficiencia enerxética. Entre 2007 e 2013 puideron comprobar a diminución na emisión de GEI sen que a produtividade da leira se vise afectada.

No noso país o equipo da Universidade Pablo de Olavide [Universidad Pablo de Olavide] formado por Eduardo Aguilera, Gloria Guzmán e mais Antonio Alonso estudaron as diferenzas nas emisións de GEI entre cultivos ecolóxicos e convencionais, atopando unha redución media do 30 % por kg producido nas producións ecolóxicas no caso de cultivos herbáceos. No caso de cultivos leñosos como a froita doce, a viña ou a oliveira a redución media ascendía ata o 39 % por kg de produción, explicada principalmente polo secuestro de carbono nos solos dos cultivos ecolóxicos.

fig-6
Regulamento con base científica? [Tamaño completo]
Insisten en que si son máis eficientes e apostan por sinalar os poucos estudos que indican o contrario. De feito, ás veces cústalles tanto atopalos que ligan a un póster presentado nun congreso. Imos supor que todos están enganados e que, realmente, a agricultura ecolóxica é máis eficiente e ten menos impacto ambiental. Isto provoca unha pregunta moi incómoda: por que é máis cara ca a convencional? Cando un proceso é eficiente aforra custos e isto reflíctese no prezo. Se a ecolóxica é máis eficiente e, malia as subvencións, segue a ser máis cara, quen está quedando cos cartos? Daquela estannos estafando ou cobrando un sobreprezo abusivo. Insisto en que non serve comparar o consumo ou a fixación de carbono nun campo e non ter en conta o dos insumos e a aplicación destes (dous erros comúns). As emisións e a eficiencia hai que calculalas por quilogramo de produto; se non, é trampa. Non quero esquecer o detalle de empregar a falacia ad antiquitatem. O estudo do Berea College Farm é bo porque é un colexio dos máis antigos dos Estados Unidos. Ben, pois a leira agrícola experimental máis antiga do mundo é a estación de Rothamsted en Inglaterra. Traballa con OXM (organismos xeneticamente modificados) e ten sufrido repetidos ataques de parte dos defensores da comida ecolóxica.

Etiquetaxe e conciencia

A certificación ecolóxica non está baseada nunha listaxe de produtos permitidos ou prohibidos. O sistema de certificación ecolóxica, regulamentada pola UE desde 1991, implica a aceptación dunha serie de principios nos que se recoñece o papel que este método produtivo ten de desempeñar na protección do medio, o benestar animal e o desenvolvemento rural. O cumprimento dos principios garántese por un seguimento anual das leiras por inspectores.

Insisto en que confunden o que é a agricultura ecolóxica co que a eles lles gustaría que fose. A agricultura ecolóxica hoxe en día soamente é autorizar insumos de orixe natural. E de feito, estes principios (o natural é mellor) non teñen base científica ningunha. Que me digan como se aplican estes principios, por exemplo, nun invernadoiro a grande escala en Almería ou nunha explotación en Ecuador de onde logo se sacarán as chirimoias ou o café que se venderá como ecolóxico en Europa. Semella que hai pouca conciencia detrás desta etiqueta.

A produción agropecuaria ecolóxica promove o emprego de variedades e razas autóctonas, máis rústicas e resistentes para un mercado globalizado, pero normalmente con mellores condicións organolépticas.

A produción ecolóxica fai referencia ao método de produción, non ao produto. Ti podes criar variedades autóctonas como ecolóxicas ou como non ecolóxicas, e sementes patentadas como ecolóxicas ou non, como sabe ben Greenpeace. Enténdase promover por «poida que si, poida que non». Outro salto mortal argumentativo: que unha variedade sexa autóctona non implica que saiba mellor nin que sexa máis resistente. Poida que si, poida que non. Por certo, os tomates autóctonos cultívanse só nos Andes? As laranxas autóctonas, na China? Canta xenofobia agraria.

Aínda que a certificación ecolóxica non especifica a pegada de carbono dos alimentos, o sector da alimentación ecolóxica anda a levar a cabo un importante labor na promoción do consumo de proximidade e no establecemento de novas formas de consumo baseadas en canles curtas como as cooperativas de consumo ou a compra na propia leira.

E poden especificar o que están a facer? Algunha medida concreta? O sector da agricultura ecolóxica maniféstase decontino para pedir máis subvencións; puxo un xuízo en Europa para rexistrar as denominacións de Biolóxico e Orgánico, que non estaban rexistradas en España; apoia propostas contra os transxénicos, os insecticidas… pero, doutra banda, nunca vin proposta ningunha procedente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica neste sentido. E logo está o erro de vulto de pensar que a pegada ecolóxica só se debe ao transporte, cando inflúen moitos máis factores. Por certo, tamén se están a facer propostas «quilómetro cero» que non teñen que ver coa produción ecolóxica.

snc028331
Café de Colombia certificado en Asturias e Galicia… quilómetro cero?

Todo paga a pena tamén pola saúde

Outro motivo polo que o consumidor escolle produtos ecolóxicos é a preocupación pola saúde. Os traballos da doutora Dolores Raigón da Universidade Politécnica de Valencia [Universitat Politècnica de València] levan tempo demostrando que os alimentos ecolóxicos teñen mellor calidade nutricional, como se recolle na súa publicación «Alimentos ecolóxicos, calidade e saúde».

O pequeno detalle que non mencionan é que Dolores Raigón é a presidenta da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica. Non é un conflito de interese? Que a mesma asociación que promove o consumo sexa a que publica os estudos que falan dos seus beneficios. Por certo, o método científico implica facer os estudos e, baseándose neles, realizar as afirmacións; pola contra, a pseudociencia fai as afirmacións e logo busca estudos que as confirmen. Que a agricultura ecolóxica é superior nutricionalmente tense dito desde hai moito tempo. Que data teñen eses estudos?

Método científico

Tamén hai que ter en conta a seguridade alimentaria. Unha dieta ecolóxica implica unha menor inxestión de residuos de pesticidas, como amosa un estudo publicado polo Environmental Health Perspectives, e a OMS xa está alertando dos riscos para a saúde que implica o contacto con produtos químicos que teñan acción como interruptores endócrinos, moitos deles pesticidas e coadxuvantes empregados na agricultura convencional.

E chegamos á traca final. O único artigo que é quen de citar está desmontado pola propia revista, que o acusa de estar feito á medida para promover a agricultura ecolóxica (soamente hai que seguir a ligazón que aparece baixo o título do artigo). E outro argumento tirado da manga: menciona os interruptores endócrinos, un informe da OMS e este é o argumento da peligrosidade da agricultura convencional. Pois non, síntoo, non é certo. A xente que consume agricultura convencional non nos estamos a envelenar, entre outras cousas porque xa estariamos todos mortos e non é o que indican as cifras e repetidos estudos que, unha vez máis, esquecen mencionar. Os controis sobre a alimentación son exhaustivos e, curiosamente, os produtos ecolóxicos son dos que máis problemas están a dar (recomendo repasar os informes da RASFF). Así que mellor que solucionen os seus problemas antes de se poren a pontificar sobre os problemas dos demais. Con artigos coma este pérdese o pouco aproveitable que hai nas prácticas ecolóxicas e queda claro que a súa base científica nin está nin lles interesa aos seus promotores. Que queden cos seus homeópatas, os seus antivacinas, as súas subvencións e os seus cornos cheos de esterco e que non amolen. Namentres, os que consideramos que a agronomía é unha ciencia encargarémonos de alimentar a humanidade, como temos feito e seguiremos a facer.


Sobre o autor: José Miguel Mulet Salort (@jmmulet) é divulgador científico e investigador, profesor titular de biotecnoloxía na Universidade Politécnica de Valencia (Universitat Politècnica de València) e director do Máster de Biotecnoloxía Molecular e Celular de Plantas do CSIC. É o autor de Comer sin miedo e Medicina sin engaños (Destino) e de Los productos naturales ¡vaya timo! (Laetoli).

Advertisements

3 thoughts on “A agricultura ecolóxica non salvará o planeta

  1. Carlos Sequeiro 19 de Decembro de 2017 / 6:47 am

    Primero, disculparme por expresarme en Castellano en un blog en galego.
    Felicitar la iniciativa de estas impecables traducciones.
    Manifestar una duda. ¿Quien modera estos comentarios?
    Agradecer la difusión de estos temas.
    Y sobre el asunto, aunque están bien rebatidas y argumentadas todas las “bondades” que nos intentan convencer de la agricultura ecologica, echo de menos una conclusión positiva. Probablemente mi reflexión tenga que ver con un sistema de diseño de las cosas de la vida, en la que intervienen tantos elementos, todo ello orientado a resolver los problemas de siempre. Me refiero a la Permacultura.
    Y me parece bien denunciar la presión del mercado y del sistema sobre concepciones muy bien intencionadas y dificil defensa.
    csl.

    Gústame

    • Saúl Iglesias 19 de Decembro de 2017 / 5:57 pm

      Ola, Carlos,

      Antes de nada, perdóame por responder en galego ó teu comentario en castelán, pero interpreto que non tes problema en comprendelo (xa que chegaches ata a fin do artigo e tiveches a ben comentar…) 😉

      Moitas grazas pola túa felicitación. En resposta ás túas preguntas, este blog é (de momento) un proxecto unipersoal, así que o encargado de modera-los comentarios son eu mesmo. Paréceme que, nun primeiro momento, se aproban todos automaticamente e despois eu teño a posibilidade de eliminalos á man.

      Canto á túa apreciación, é certo que o artigo pode deixar un sabor algo amargo, talvez debido ó estilo algo expeditivo e «intenso» do Dr. Mulet, pero creo que é moi efectivo cando tenta apuntar ás afirmacións anticientíficas dos incondicionais da agricultura ecolóxica. Eu non podo falar da permacultura porque non teño case ningún coñecemento dela; simplemente teño a sensación (co que lin sobre ela) de que é un enfoque máis filosófico ca científico, sen que iso queira ser unha crítica. Si sei que o autor do artigo non se ten pronunciado moi a favor desta visión: http://jmmulet.naukas.com/2014/04/02/entrevista-en-metode-tv/#comment-2337

      Moitas grazas por comentares, espero seguir véndote por aquí no futuro!
      Saúl

      Gústame

  2. Carlos Sequeiro 8 de Xaneiro de 2018 / 9:35 am

    Gracias por la respuesta Saúl.
    En mi caso mis decisiones se mueven entre agricultura ecológica o agricultura sostenible, como propone Alonso Rodríguez Navarro (UPM).
    Entre dar valor a actividades con un gran peso emocional como Homeopatía, Reiki, Astrología, etc. o declarar el cuestionamiento científico de lo que proclaman estas actividades y permitir la opción legítima del que a través de su convencimiento, fe o como quiera llamar opta por los procedimientos de estas actividades.
    Actualmente estoy liderando un proyecto de Permacultura, ecología y sostenibilidad como una asociación sin ánimo de lucro. Estamos en su etapa inicial, es decir solicitado su registro y a la espera de su aprobación y consiguiente puesta en marcha, la asociación se llama LABECOS (Laboratorio de Experiencias ecosostenibles) y se desarrollará principalmente en proyectos de formación en Permacultura (online y prácticos presenciales) permaculturastudio.com y proyectos de concienciación, ecoaldeavirtual.org de lucha específica contra el cambio climático.
    Estamos abiertos a incorporaciones y colaboraciones en el proyecto en general y en estos temas.
    Saludos.
    csl.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s