Breve historia do metro (V): Nunha Cataluña en guerra

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 23 de outubro de 2015 Breve historia del metro (5), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (IV): O despedimento de Delambre.]

Mentres Jean-Baptiste Delambre se atopaba, ao seu pesar, inmerso dentro dos feitos da revolución e guerra francesas, Pierre François Méchain atopábase, se non na lúa de Valencia, ao menos si na de Barcelona. Efectivamente, o segundo dos membros da expedición do meridiano sabía moi pouco, na cidade condal, sobre o que estaba a pasar no seu país. A carta máis recente que recibira era de marzo de 1793; consecuentemente, do ocurrido desde aquel momento tiña informacións moi parciais.

Catedral de Barcelona

Méchain convaleceu en cama uns dous meses tras o seu accidente nas aforas da cidade. Pasado ese tempo, cando chegou a primavera e o bo clima, ergo achegábase o solsticio de verán, comezou a esixirlle á súa xente que o sacasen á terraza da Fontana de Oro, onde o instalaron no medio dunha morea de almofadas e co círculo de Borda.

A ambición do francés era medir a oblicuidade da Terra ou, dito doutro xeito, o ángulo da Terra sobre o plano da súa órbita arredor do Sol. Cumpría seguir o Sol ata que acadase a súa máxima altitude. Nese momento, Méchain orientaba os telescopios do círculo e Tranchot encargábase de xiralo. Era un esforzo moi duro para Méchain. A ferida afectaba gravemente a mobilidade do seu brazo dereito, polo que, sendo destro, debía realizar todas as medicións co esquerdo.

O doutor Salvà, que non estaba nada convencido dos progresos do doente, suxeriu unha cura de baños en Caldes. Méchain fíxolle caso; estaba moi preocupado pola inutilidade do seu brazo dereito que, segundo os doutores, podería non volver usar.

Cando retornou dos seus baños, Méchain atopouse con que España estaba a piques de obter unha vitoria militar a ambas as beiras dos Pireneos. Lavoisier escribiulle unha carta na que o informaba da disolución da Academia, pero tamén de que agora, como membro da Comisión de Pesos e Medidas, Méchain tiña dereito a un salario de dez francos diarios; a guerra, porén, encargouse de que Méchain nunca recibise esta misiva, polo que, máis ou menos ao mesmo tempo que Delambre recibía a comunicación do seu cesamento, el aínda andaba a enviar cartas a París agardando instrucións. Finalmente, a través de gacetas e Radio Macuto, acabou tendo algunha nova da disolución da Academia e chegou el só á conclusión de que poderían estar facendo con el o mesmo ca con Delambre: cesalo. Semella que non lle faltaba razón e que, de feito, se o Comité de Saúde Pública non foi tras el foi porque, estando en España, sempre podería buscar e atopar asilo no noso país (quedando co equipo e coas notas).

Méchain, ademais, estaba nunha situación tal que o máis lóxico sería que caese nos brazos de España. Non tiña un can, porque os banqueiros non lle daban crédito. A súa moeda francesa non valía nada en Barcelona. Media Francia xa estaba loitando contra Francia e, en último lugar, el mesmo non era nada partidario do ton que, segundo parecía, tomaran as cousas desde 1792. Secasí, todo iso cedía ante un sentimento que para el era máis forte: a profesionalidade. Méchain quería rematar o que comezara; sentíase obrigado.

Afortunadamente para el, no outono de 1793 o seu brazo dereito comezou a recuperarse. Por esta razón, solicitou o permiso do xeneral Ricardos para completar a súa triangulación nos Pireneos. Loxicamente, houbo de xurar solemnemente que nin el nin ningún dos membros do seu equipo pasaría a Francia nin lle facilitaría a París os datos xeodésicos antes da fin da guerra. Nesta situación, en setembro Méchain, Tranchot e o capitán Bueno viaxaron cara ás montañas. En Figueres, tras triangular o lugar meticulosamente, dividíronse en dous grupos: o capitán Bueno e mais Méchain por unha banda, e Tranchot pola outra.

O obxectivo de Tranchot era o Puig de l’Estella, no Canigó. Permitíronlle ir alí porque aquel lugar, malia formar parte de Francia, estaba dominado polos españois. Porén, cando chegou, as tropas francesas romperan a barreira que as mantiña en Perpiñán e empurraban os españois cara ao seu país. Tranchot seguiu facendo medicións, seriamente obstaculizado polo clima, pero o 7 de outubro, no medio dun ataque francés a posicións españolas, unha das moitas guerrillas rurais que formaran os habitantes tendeulle unha emboscada en nome da revolución. Tranchot reaccionou identificándose como un fiel francés que realizaba unha misión encomendada pola propia Asemblea Nacional, como demostraban os seus papeis. Pero os paisanos non se impresionaron con esta información, así que o ataron e levárono á aldea para enforcalo. Emporiso o alcalde, que probablemente non quería cargar coa morte dun home que seguía dicindo que estaba nunha misión oficial, cousa que os seus papeis semellaban demostrar, mandouno detido a Perpiñán.

As cousas pintaban mal para Tranchot, pero en realidade tivo sorte. O administrador de Perpiñán era François-Xavier de Llucia, que resultou estar informado da misión do meridiano. Conforme chegou Tranchot á cidade, ceibouno e garantiulle liberdade de movementos. Algúns días antes, Méchain falara con el para lle solicitar que construíse pequenos postos de observación nalgúns cumes, de xeito que el puidese observalos na distancia.

Pero, contra as promesas que Méchain lles fixera aos españois, Tranchot estaba no lado francés.

Moito máis ca iso. Un pode preguntarse, de feito, por que Puig de l’Estella foi, en realidade, o único cume de observación en toda a metade do proxecto adxudicada a Méchain no que este lle permitiu a Tranchot traballar só. Non puido ser por desconfianza nas súas habilidades, pois o asistente dominaba perfectamente a técnica. Foi, sobre todo, porque Tranchot, e isto Méchain sabíao, era un devoto republicano, amais de capitán cartógrafo. Na súa condición de militar, polo tanto, estaba obrigado a darlles ás tropas francesas, se podía, canta información tivese verbo das fortalezas españolas e da súa ubicación.

Méchain e mais Bueno estaban en Puig Camellas. O 25 de outubro puideron ver co seu telescopio unha figura escura en Puig de l’Estella: Tranchot. Méchain rematou as súas medidas o 4 de novembro, mentres Tranchot aínda estaba triangulando. Agardaron dúas semanas pero o asistente non apareceu, o que preocupou fondamente a Pierre François.

A cousa era evidente: coas medicións pirenaicas, a misión en Cataluña, é dicir, España, estaba rematada. O que todo o mundo esperaría en París non era que Tranchot volvese cruzar a fronteira para se xuntar co seu xefe, senón que o seu xefe fixese a viaxe exactamente oposta. Pero Méchain era un home extraordinariamente escrupuloso e pouco proclive a deixarse influír por feitos externos á ciencia. El fixera un xuramento solemne perante o xeneral Ricardos e, para el, iso era o único que valía.

O momento no que Méchain estaba escribíndolle acesas cartas a Tranchot instándoo a tornar, foi o que escolleu o exército español para contraatacar na zona. Lograron avanzar ata volver recluír os franceses en Perpiñán, co cal inmobilizaron a Tranchot de novo.

Perpiñán

Perpiñán, cidade sometida á máis ca probable invasión española, reaccionou como adoita ocorrer: cunha grave loita interna entre moderados e radicais, loita que ganaron estes últimos. O goberno da cidade dedicouse a executar militares e civís que considerou próximos de máis á reacción monárquica. Entre os que visitaron o patíbulo atopábase Llucia, o gobernador franco-catalán. Se non caeu Perpiñán foi porque o impediron as choivas de novembro. Coa situación estabilizada, un preocupado Méchain tornou a Barcelona; Tranchot, pola súa banda, seica tras valorar as súas posibilidades ou seriamente acolloado ante a sorte que sufrira o seu único valedor en Perpiñán, apañouse para cruzar o cordal aquel inverno e reunirse en Barcelona co seu xefe.

Aquel signo de franqueza non impresionou a Ricardos. O xeneral probablemente consideraba algo que eu, persoalmente, tamén penso: que Tranchot non se atrevese a pasar a Francia non quería dicir necesariamente que non o desexase ou que non o contemplase. En consecuencia, non se fiaba dos franceses; así pois, decretou que non poderían pasar a Francia e continuar a súa misión ata despois de rematada a guerra, e que tampouco poderían manter correspondencia ningunha na que se incluísen cálculos ou cifras.

En marzo de 1794, Ricardos morreu en Madrid. Cando o tempo o permitiu, os franceses, baixo o mando do xeneral Jacques Dugommier (que, por certo, tivera ao seu cargo en Toulon un tal Napoleón Bonaparte), atacaron no teatro pirenaico. A mediados de xuño, os altos pasos de montaña xa eran seus, obrigando os españois a se encastelaren en Figueres. Naqueles momentos, Méchain xa tivera confirmación da disolución da Academia a través da prensa, e chegara á conclusión de que o proxecto do meridiano sufrira a mesma sorte. Sentíase inxustamente retido polos españois; de feito, tentara saír de Barcelona en barco, sen éxito. Quería tornar a Francia porque sabía que a parte da misión que lle quedaba (se aínda había misión, claro) era moito máis doada: pois que o percorrido xa fora triangulado por Cassini, todo se reducía a revisar aqueles ángulos co círculo de Borda. Para soportar mellor a frustración, volveu comezar as súas observacións astronómicas na terraza da Fontana de Oro.

E, nese momento, decatouse dunha cousa.

[O seguinte artigo da serie é Breve historia do metro (VI): O erro de Méchain.]


Este artigo e mais a súa tradución están publicados baixo licenza CC BY-NC-ND 3.0.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s