Breve historia do metro (VI): O erro de Méchain

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 2 de outubro de 2015 Breve historia del metro (6), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (V): Nunha Cataluña en guerra.]

Estrelas

Aquilo do que se decatou Méchain é o seguinte: para calcular a posición de Montjuïc, o astrónomo calculara a altura de seis estrelas diferentes. Estas eran Polaris, Thuban, Kochab, Mizar, Elnath e Pólux. Para a súa análise final empregara as catro primeiras, pois eran aquelas das que obtivera máis datos. Tres desas estrelas converxían nos seus resultados dun xeito máis ca razoable:

  • Polaris derivaba unha latitude de 41° 21′ 44,91″.
  • Thuban, 41° 21′ 45,19″.
  • Kochab, 41° 21′ 45,19″.

Consecuentemente, estas medicións atopábanse todas nun ámbito de 0,3 segundos de grao ou, similarmente, un erro duns 30 pés. Para non ter gps, estaba máis que ben.

Porén, a cuarta estrela, Mizar, xa era outra cousa. A latitude que indicaban as súas lecturas era 41° 21′ 41,00″, ou sexa, uns catro segundos de diferenza. Méchain entendeu que as lecturas de Mizar daban estes resultados por mor da refracción. As correccións deste efecto foran elaboradas por astrónomos que traballaban en París ou en Londres pero, teorizaba Méchain, en cidades máis ao sur como Barcelona, nas que as estrelas circumpolares cruzaban o meridiano máis preto do horizonte, a distorsión podía ser superior.

Cando viu isto, Méchain decidiu investir o inverno de 1793 na terraza do seu hotel, tomando observacións nocturnas que lle permitisen corrixir os resultados iniciais. Tomou a asombrosa cifra de 910 observacións estelares, cada unha con dez repeticións ou máis. Nas horas diúrnas, na habitación do hotel, realizaba os cálculos e correccións. En marzo de 1794 xa determinara a latitude norte do hotel en 41° 22′ 47,43″ baseándose en Polaris, 41° 22′ 48,38″ baseándose en Kochab e, finalmente, 41° 22′ 44,10″ baseándose en Mizar. Novamente o mesmo efecto: Mizar teimaba en dar outra lectura.

Decidiu Méchain dar un derradeiro paso para aclarar toda aquela enleada. Tratábase de comparar estes novos resultados da Fontana de Oro cos conseguidos en Montjuïc mediante a subtracción da distancia que os separaba. Para facer isto, realizou unha triangulación que incluía o hotel, Montjuïc e un pequeno faro do porto. O problema é que tiña de medir ángulos nos tres puntos de triangulación, e agora mesmo o castelo estáballe vedado, na súa condición de francés.

A mediados de marzo, asistido por Tranchot, xa tomara medicións no hotel, na catedral e mais no faro. Do mesmo xeito, foi quen a convencer dalgún modo o comandante do castelo para que lle permitise facer observacións durante un só día. Ese día foi o domingo, 16 de marzo de 1794. A triangulación decretou que Montjuïc se atopaba a 59,6 segundos da Fontana de Oro, é dicir, pouco máis dunha milla ou un quilómetro e medio. Polo tanto, se a Fontana de Oro estaba a 41° 22′ 47,91″, subtraendo os correspondentes 59,6 segundos, debía quedar 41° 21′ 45,10″.

A catástrofe.

Os resultados quedaban curtos nunha magnitude de 3,2 segundos de arco. Nun arco coma o descrito entre os dous puntos barceloneses, iso supuña un erro do 5,4 %.

O problema para Méchain era simple: tiña de existir un erro e ese erro cometérase nalgunha medición. Pero cal? Enganárase na terraza do hotel, no castelo ou no faro? O que aínda é peor: Méchain xa enviara a París os resultados correspondentes a Montjuïc. Co agravante de que non podía volver realizar esas observacións e corrixilas, porque xa tivera bastante co permiso de repetilas durante un só día.

Agora mesmo, pois, Méchain non sabía se un dos datos fundamentais para establecer a lonxitude do metro era correcto. E, se era incorrecto, tampouco sabía como podía remediar o problema.

De feito, todo indicaba que os franceses terían de deixar Barcelona. Os franceses avanzaban, creando cada vez máis tensión. O xeneral Ricardos, principal defensor da permanencia de Méchain en Barcelona, morrera. Tranchot e mais Esteveny querían volver.

Aconsellado polos seus amigos cataláns, Méchain proveuse dun pasaporte para a Italia neutral, tentando así sortear a súa obriga de informar o exército español da súa partida. En maio, tras pasar dous anos en Barcelona, Méchain subiu a un barco veneciano con destino a Xénova, a cidade máis próxima á fronteira con Francia. O 25 daquel mes, tres días despois de que cargase os seus círculos de Borda no barco, un raio caeu sobre o mastro, chamuscando as caixas de madeira que levaban os instrumentos. Se ben semella que os instrumentos quedaron intactos, probablemente Méchain sentiuse aliviado cando deixou o porto o 4 de xuño.

As novas verbo da marcha de Méchain de Barcelona non chegaron a París. De feito, dúas semanas despois de que marchase, os franceses esixíronlles aos españois a súa liberación.

No outono de 1794, o asedio francés de Figueres acadou o seu punto máis intenso. Dugommier, de feito, faleceu alí o 17 de novembro. Pouco despois, os dous países comezaron as negociacións de paz e, en xullo de 1795, asinaron o tratado de Basilea, recuperando as vellas (e pouco definidas) fronteiras entre as dúas nacións.

[O seguinte artigo da serie é Breve historia do metro (VII): O proxecto descarrila (ou case).]


Este artigo e mais a súa tradución están publicados baixo licenza CC BY-NC-ND 3.0.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s