Breve historia do metro (X): Méchain acepta tornar a París

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 26 de outubro de 2015 Breve historia del metro (10), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (IX): As confesións de Méchain.]

Delambre prometéralle a Méchain un informe completo verbo das súas medicións en Dunkerque, pero canto este recibiu foi un escrito indirecto (de Lalande) que apenas mencionaba que as medicións se fixeran sobre Polaris e Kochab. Ben cabreado, Méchain escribiulle ao seu colega unha carta extraordinariamente educada, pero na que deixaba ben claro que os seus intentos de entender os problemas que xurdiran coa refracción dependían dos datos que el lle facilitase.

Táboa de logaritmos

Delambre respondeu a Méchain cunha longa carta que, de feito, era unha sorte de mercancía avariada, pois era o texto dunha disertación que o propio Delambre fixera perante a Academia de Ciencias en París. Explicaba no dito texto que rexeitara facer medicións coas catro estrelas adicionais que Méchain si empregara porque en todas elas atopara argumentos para non o facer: por exemplo, Algedi colocábase en posición unicamente durante as horas do día de Dunkerque (non tal en Barcelona); e moi especialmente Mizar, a estrela rebelde de Méchain, pasaba demasiado preto do horizonte. Así pois, Delambre consideraba que as dúas observacións que levara a cabo abondaban.

A carta incluía unha addenda especial para Méchain na que Delambre se desfacía en eloxios cara ao seu colega, de quen dicía que tiña unha capacidade de observar estrelas fóra do común e asegurándolle que o problema da refracción de Mizar non era importante. Todos os compañeiros científicos, incluído Borda, concordaban en considerar os datos de Méchain como definitivos. Todos os membros da Academia, informáballe, declararan unanimemente que a sección astronómica da misión do meridiano estaba completada.

Méchain leu estas novas cando estaba na zona de Perpiñán, tentando triangular cara ao norte con grande esforzo, pois a zona estaba moi axitada. O retorno dos soldados que estiveran loitando contra España xerara unha situación moi especial na zona que derivou nunha elevada actividade económica e a conseguinte hiperinflación. Novamente, a expedición quedou sen un can, ata tal punto que mesmo Tranchot chegou a lle ofrecer a Méchain o seu soldo. O Bureau des longitudes tivo de multiplicar os salarios dos cartógrafos por 18. Cando chegou decembro, apenas avanzara desde Perpiñán ata Carcasona.

Mentres Méchain avanzaba moi pouco a pouco, no cru inverno, polos territorios que podería triangular moito máis facilmente na primavera se non delongase as cousas, algúns temas evolucionaban en París. Aínda que a Comisión de Pesos e Medidas sempre considerara que as medicións astronómicas de Dunkerque e Barcelona, xunto coas triangulacións, eran máis ca suficientes para establecer a lonxitude do meridiano, entre algúns dos seus membros (notablemente Borda) comezou a ganar forza a idea de que talvez algunhas medicións intermedias servirían para precisar o coñecemento verbo da curvatura da Terra. Por este motivo decidiron encomendarlles aos astrónomos medicións adicionais en tres lugares: en París, é dicir en territorio de Delambre; en Évaux, na metade do arco, e en Carcasona, en territorio de Méchain. A comunicación urxía a Méchain a que bulise e se reunise con Delambre en Évaux, onde farían as observacións xuntos.

Cando recibiu a comunicación, Méchain respondeu que non. Que prefería que Delambre realizase as medicións en Évaux el só. Esta renuncia fíxoa acompañada dunha serie de afirmacións acerca da inferioridade das súas medidas comparadas coas de Delambre, e foi esta finxida modestia a que asañou os científicos de París. Borda escribiulle unha áspera carta na que lle dicía que, se infravaloraba os seus resultados, infravaloraba a misión toda. Dicíalle tamén que os resultados de Mizar non probaban outra cousa que a imprecisión das táboas de refracción que xacando utilizaban os astrónomos.

Pero ningún destes agarimos e ánimos axudou a que se sentise mellor.

Cando o verán de 1796 deveu en outono, Jean-Baptiste Delambre xa culminara a medición de sete nós ao sur de Bourges en dirección a Évaux. De feito, chegou a esta poboación, o medio camiño, o 24 de novembro de 1796, aloxándose no albergue do Castelo Branco. Tamén practicou un buraco na torre máis alta da aldea, fabricando un modesto observatorio no que realizou 210 observacións de Polaris ata que o inverno se puxo duro e xa non houbo noites axeitadas para a observación.

Estrelas en inverno

Cando chegaron as nubes que imposibilitaban o traballo de campo, Delambre púxose a traballar coas súas observacións e a comparalas coas que fixera Cassini no seu día. Inmediatamente descubriu que ambas as observacións eran moi diferentes. Se fose Méchain, seguramente entraría en pánico, pero Delambre estaba feito doutra madeira. Repasou os seus cálculos e mais os de Cassini ata que descubriu un erro no método deste. Así que volveu facer todos os cálculos, operación da que mantivo a Méchain puntualmente informado.

Delambre estaba totalmente convencido de que remataría a misión no verán. En decembro, pediulle a Calon un anticipo para financiar esa derradeira etapa e, se ben o xeneral prometeu que faría o que puidese, o que puido foi pouco. O país estaba asolagado pola inflación e falto dunha moeda forte. Francia era, en moitos sentidos, un estado militarizado no cal as decisións tomábanas persoas con uniforme, e Évaux estaba moi lonxe das frontes; ninguén querería enviar cartos alí. Consecuentemente, Calon foi perdendo a súa influencia e, de feito, destituiríano na primavera seguinte. Malia que Lalande realizaba incontables e incansables xestións en París, Delambre tivo de botar man de 2000 libras que tiña aforradas do seu propio peculio.

O 1 de abril de 1797, Delambre comezou a súa última etapa cara a Rodez. Quedábanlle trece nós e once triángulos que trazar sobre Auverña. Contemplou Rodez por primeira vez o 12 de agosto, desde Montsalvy. Cando chegou á cidade que era o seu destino, esperaba ter inmediatas noticias do seu compañeiro de misión, con quen perdera o contacto nos tres meses anteriores. E efectivamente o 23 de agosto, mentres facía observacións desde Rieupeyroux, moi preto de Rodez, avistou un dos nós de Méchain cara ao sur. O día seguinte, Delambre e mais o seu asistente Bellet comezaron a percorrer o camiño a Rodez. Na estrada atopáronse cun viaxeiro senlleiro no sentido oposto: era Tranchot, que os buscaba. No diario de Delambre de 9 do frutidor do ano v, é dicir o 26 de agosto de 1797, o astrónomo consignou un verso de Virxilio. Hic labor extremus, longarum haec meta viarum. «Esta é a fin do labor e a meta de longas viaxes».

Pero Méchain non estaba con eles. Precipitárase Delambre coa súa cita da Eneida.

En efecto, o representante do equipo de Méchain que contactou con Delambre foi Tranchot, pero só. De feito, levaba semanas colocando os nós el só. Delambre estaba tan preocupado que mesmo lle escribiu á muller de Méchain a París para saber se ela tiña algunha nova do paradoiro do seu home. Porén, Thérèse Méchain tampouco sabía nada do seu marido desde o 21 de xullo, data na que recibira a súa última carta.

Cando chegou unha carta de Méchain, xa era inverno e Delambre atopábase en París. A carta estaba datada o 10 de novembro nunha vila chamada Pradelles. Nela refería os escasos avances das medicións que estaba a realizar por mor do tempo e confesaba que volvera, por enésima vez, ás súas lecturas barcelonesas para volver chocar contra os datos de Mizar. A súa desesperación era tal que, escribiu na misiva, «oxalá nunca observase esa estrela», referíndose a Mizar. Neste punto, Méchain estaba moi preto da depresión. Empregando os datos de Delambre, combinou os datos de Dunkerque e Évaux obtendo unha conclusión que apenas variaba nun segundo como máximo. Pero cando introduciu as súas propias observacións de Barcelona e Carcasona, achou unha diverxencia de non menos de cinco segundos. Iso convenceuno de que non lle quedaba outra que volver a Barcelona aquel inverno, aínda que todo o mundo daba obviamente a misión por terminada. Por non mencionar que precisaría o acordo dos gobernos francés e español.

A carta de Méchain era desesperada. O obxectivo da mesma era pedirlle que lle botase unha man para convencer a Borda do seu retorno a Cataluña, pero o ton era case suicida. Nun dos seus puntos, afirmaba que lle quedaban dúas opcións: ou recuperar a enerxía que nunca debería perder (ir a Barcelona de novo) ou deixar de existir. Amais, o feito de que a carta chegase desde Pradelles, que (se ben Delambre non estaba seguro) podería ser unha poboación no Languedoc, suxería que nos últimos meses Méchain, persoalmente, non completara nin un só triángulo.

Delambre consultou a Borda. O asunto era complexo. Méchain tiña todos os datos das observacións de Delambre, pero o recíproco non era certo: Pierre François André nunca compartira os seus propios datos con Delambre. Tendo en conta iso e que a carta demostraba que estaba sometido a unha tensión nerviosa de enormes proporcións, existía a posibilidade de que, se volvía a España e as novas observacións non lle pracían, todo o seu traballo desaparecese. En todas as súas cartas, Méchain amosábase esquivo á hora de explicar, exactamente, o que non estaba ben nas observacións barcelonesas. Incluso, mentres o xeneral Calon foi o seu superior, déuselle a opción de lle enviar a el os datos, baixo a promesa solemne de que non llos ensinaría a ninguén, pero Méchain refusou a oferta. A manía persecutoria do astrónomo, que naquel momento ficaba torturado ante a idea de ser acusado e mesmo detido en calquera lugar onde estivese, levábao a dubidar nas súas cartas se Delambre «estaría escribíndolle a algún amigo, ou a alguén máis». Claramente cría na posibilidade de que o seu colega estivese permitindo que as súas cartas fosen espiadas por outros; por iso non lle enviaba os datos.

A mediados de xaneiro de 1798, Méchain deixou Pradelles para ir a Carcasona. En dous anos de campaña, a montaña de Pradelles, que subiu máis de trinta veces, era a única estación que medira, mentres Tranchot facía unha boa parte do resto do percorrido que lles correspondía (se ben é importante matizar que o labor de Tranchot foi principalmente erguer os postos de observación, pero non facer as medidas). A depresión e o medo, simplemente, levárano a esquecer a misión do meridiano ou a non valorala.

Carcasona

Máis ou menos nas mesmas xornadas nas que Méchain viaxaba a Carcasona, a Academia de Ciencias de París tentaba darlle o derradeiro empurrón ao proxecto. Decidiu convocar unha reunión científica internacional que revisaría os datos das observacións e definiría finalmente o metro. A reunión programouse para setembro de 1798, o que significaba que a totalidade dos datos debían estar en París para onte. Polo tanto, era necesario que Méchain rematase as súas observacións e que Delambre conducise as dos dous nós adicionais de base que quedaban, un en Melun e o outro en Perpiñán. Localizado por carta cando chegou a primavera, Méchain prometeu rematar a súa parte sen Tranchot. Atopara unha persoa na zona, chamada Marc Agoustenc, que podería axudarlle. Prometía completar naquela estación os triángulos pendentes desde Rodez ata Carcasona. Cando Delambre foi a Perpiñán para medir o nó de base do sur, convidou a Méchain a se incorporar; este rexeitou a invitación, formalmente porque non quería volver ver a Tranchot. Máis ca probablemente, receaba que lle roubasen os datos.

Nun intento desesperado, Thérèse Méchain uniuse á expedición de Delambre e escribiulle ao seu home coa intención de que, ao menos para vela a ela, o esquivo astrónomo se deixase ver. Funcionou, pois o 7 de xullo de 1798 e por primeira vez en seis anos, o matrimonio reuniuse en Rodez. Cinco semanas estiveron xuntos, durante as cales é seguro que o marido lle contou a ela, que non carecía en absoluto de coñecementos astronómicos, o problema que tiña. Tras máis dun mes, separáronse en Rieupeyroux; Méchain seguía negándose a xuntarse con Delambre en Perpiñán. Na carta que Thérèse lle enviou a este, afirmaba que o seu home renunciaba por completo á medición de Perpiñán e «esperaba así concederlles a gloria a aqueles que foron favorecidos pola fortuna». Tamén dicía que el nunca aparecería mentres Tranchot non fose apartado de todo, o que soa máis a desculpa ca a outra cousa. E remataba: «foi a extremada sensibilidade da súa alma a que o botou a perder». Un xeito neoclásico de dicir que o seu esposo tiña unha depresión de cabalo. Pierre François André, coma todos os depresivos, estaba recluído dentro do seu propio sufrimento.

A mediados de setembro, cos savants do mundo enteiro achegándose a París para a conferencia internacional, a Méchain aínda lle quedaban dúas estacións por medir: as de Montalet e Saint-Pons, na Montaña Negra. Un lugar repleto de bandas de foraxidos que, entre outras cousas, derrubaran as torres de observación que erguera Tranchot. Por mor disto o astrónomo investiu dez días en Montalet, vivindo nunha tenda na montaña mesma cun intenso frío. Desde alí, escribiulles cartas aos seus amigos de Carcasona expresando a típica ilusión do deprimido: marchar a un lugar moi afastado, deixalo todo, «procurar algún acolleito entre a calixe e a paz»… Palabras que facilmente poden interpretarse como un coqueteo co suicidio. Delambre estaba a menos de cen quilómetros del, do outro lado das montañas; chegara a últimos de xullo a Perpiñán para preparar a medición da base do sur. O labor propiamente dito comezou o 6 de agosto e os resultados achegábanse moitísimo ao esperado segundo as outras medicións. Remataran o 19 de setembro. Naquel momento, estaba recibindo cartas de Lalande desde París instándoo a rematar o traballo de Méchain, a quen Lalande xa consideraba totalmente botado a perder por causa «da súa doenza».

O peripatético comedor de arañas non se enganaba. Baixo a presión que só pode sufrir un científico, a falla de precisión que Méchain sabía que tiñan as súas medicións e a cada vez maior proximidade da data na que tería de expor o seu erro perante a comunidade científica internacional levaran o astrónomo a un ataque de nervios. Naqueles momentos escribía case a diario cartas desconexas nas que ofrecía unha e outra razón para non rematar as súas triangulacións e, sobre todo, non ir a París. Delambre ofreceuse a lle botar unha man; de feito, estaba a menos dun día de distancia, pero Méchain rexeitouno. Delambre, cabaleiroso, aceptou agardar que o seu colega rematase o traballo.

Pasou todo o mes de setembro pero Delambre non se achegou a Saint-Pons, como probablemente Lalande quería que fixese, talvez sospeitando que, se o fixer, acabaría cos escasos restos de confianza en si mesmo que lle quedaban a Méchain. Este prometía día tras día enviarlle todos os seus datos ao seu colega, pero sempre enviaba apenas resumos «cociñados». O 13 de outubro escribiu anunciando que remataría o 14, pero o 19 escribiu novamente con aquilo tan español de «estamos en ello». O 22 de outubro escribiu prometendo estar o 24 en Carcasona, pero o 28 escribiu de novo botándolle a culpa ao xinete que, segundo el, desconvocara a viaxe por un temporal.

Resumindo: a misión para definir o metro que habería medir as dimensións do humano fora adxudicada a dous homes, un dos cales apenas podía ver, e agora a metade dos datos necesarios estaba nas mans do outro, que tiña unha depresión do corenta e dous e negábase a facilitalos.

Por que, finalmente, baixou Méchain da montaña? Pois probablemente foi polo fino olfacto psicolóxico do seu compañeiro Delambre. Seguramente 99 de cada 100 persoas na súa situación considerariamos que o mellor era presentarse en Saint-Pons inopinadamente, quitarlle a Méchain os seus datos e acabar coa boubaría. Delambre, emporiso, dá na súa actuación mostras de comprender moi ben o estado mental no que se atopaba o seu colega e, malia non se produciren aínda décadas de investigación terapéutica sobre a depresión e o temperamento maníaco, semella que entendeu que o mellor que pode facerse con alguén nesa situación é darlle espazo e axudarlle a saír, pero partindo da premisa de que é unha piscina de merda da que ten de saír o bañista por si mesmo; porque se o sacaren sen querer el, volverase tirar decontado. Delambre non estaba disposto a ser o único que saborease os meles do triunfo da misión do meridiano, e esa innecesaria solidariedade probablemente conmoveu a Méchain ata facelo ceder. A primeiros de novembro de 1798, en cas dun tal Gabriel Fabre, o xuíz local de Carcasona, os dous compañeiros encontráronse por primeira vez desde o inicio da misión.

Ao encontro seguíronlle tres días de discusións durante os que Delambre tentou convencer o seu compañeiro de que o acompañase a París. Pero Méchain non se deixaba persuadir. «Non me exporei á humillación final», díxolle a Delambre, e seguidamente suxeriu que toda a súa fama a levase Tranchot (a quen chamaba sarcasticamente «meu director»).

Hai que dicir ademais que Méchain insistía en que, onde fose el, irían os seus datos.

O terceiro día, Delambre xogou a súa derradeira carta. Amosoulle unha carta do Bureau des longitudes cominando a Méchain a viaxar a París e ofrecéndolle a dirección do Observatorio de París.

O 14 de novembro, perante unha audiencia de cabreados científicos que levaban un mes e medio en París sobándose o escroto, Jérôme Lalande brandiu, triunfante, unha carta que acababa de chegarlle á posta.

Delambre e mais Méchain ían cas dos D’Assy en Bruyères-le-Châtel.

A un día de París.

[O seguinte artigo da serie é Breve historia do metro (XI): O metro fíxase por fin.]


Este artigo e mais a súa tradución están publicados baixo licenza CC BY-NC-ND 3.0.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s