Breve historia do metro (XII): O pasamento de Méchain

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 10 de novembro de 2015 Breve historia del metro (12), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (XI): O metro fíxase por fin.]

Pierre François André Méchain saíu da misión do meridiano convertido no primeiro astrónomo de Francia. Pero nin superara a súa depresión (de feito, sentíase cada vez peor conforme era obxecto de homenaxes e admiracións) nin consecuentemente se sentía cómodo. Tentou superar todo aquilo convertendo o Observatorio parisiense no primeiro do mundo. Mercou excelentes telescopios, descubriu con eles dous novos cometas e observou os asteroides.

Un pouquiño máis abaixo na escala da fama estaba Jean-Baptiste Delambre. Menos laureado ca o seu compañeiro, recibiu secasí o importante encargo de escribir a historia da expedición do meridiano e a exposición dos seus resultados. O astrónomo amañouse para deseñar unha obra de dúas mil páxinas en tres volumes. Para a cal, obviamente, precisaba os datos de Méchain, non os resumos. Aquel proxecto converteu os dous astrónomos, que polo de pronto foran colegas malia todo, en inimigos. Por exemplo, cando en 1800 Delambre foi nomeado presidente provisional do Bureau des longitudes, Méchain atizou unha moi agre discusión sobre quen tiña de controlar os libros de contas da institución.

En 1799, Méchain foi nomeado testamenteiro de Borda e tivo lóxico acceso a todas as súas posesións. Entre elas atopou as cartas que intercambiaran Delambre, Borda e a súa propia muller. Lelas cambiouno completamente: deixou de ser aquela persoa apoucada, temorosa de ser descuberta nos seus erros, para converterse no típico científico rancoroso que cre merecer méritos que outros lle escamotean. Segundo el, as cartas demostraban que Delambre deseñara unha estratexia para facer máis triángulos ca el e para medir nós que lle correspondían a el, como Perpiñán. Como sabemos, iso non é verdade: se Delambre tivo de facer todas aquelas cousas, foi porque Méchain nin estaba nin o esperaban. Pero iso, a unha persoa que está afeita a refocilarse coas súas propias reflexións, tanto lle ten.

Napoleón empeorou as cousas entre os dous excompañeiros ao nomear a Delambre, en 1801, secretario permanente da Academia de Ciencias (ou sexa, presidente in péctore, pois o presidente formal era Napoleón mesmo). O 6 de setembro de 1801, un membro non identificado do Bureau des longitudes propuxo que a misión do meridiano se ampliase desde Barcelona ata as Baleares. Ninguén dubidou nunca de que era Méchain e de que o facía para pór a Delambre un pouco entre a espada e a parede. Un ano despois, en setembro de 1802, Napoleón aprobou a expedición.

Méchain aceptou o reto, pero ao seu xeito. Tardou o resto do ano en seleccionar o seu equipo e perfeccionar os seus instrumentos. Iso si: o pacto, por dicilo así, consistía en que el podía ir á súa misión a cambio de lle dar a Delambre os datos das súas observacións. E fíxoo. Ou non. Porque lle entregou unha descrición das ditas observacións e o mesmo resumo que xa lle entregara no seu día á Comisión Internacional.

Méchain esperaba completar a súa misión en seis meses saíndo en febreiro, é dicir, coller toda a primavera e o verán. No inverno de 1803 esperaba fixar a latitude de Menorca, para tornar na primavera de 1804 a París e ao Observatorio. Porén, non puido saír de París ata o 26 de abril.

Chegou a Barcelona (again) o 3 de maio de 1803. E atopou unha España moito máis displicente ca a primeira vez que estivera alí. O gobernador xeral de Barcelona informouno friamente de que non chegaran os pasaportes que lle permitirían viaxar ás Baleares. Logo dixéronlle que un capitán que ía axudarlle nas triangulacións fora chamado a Cartaxena e non aparecería. Os amigos barceloneses explicáronlle que todo isto non era casualidade, pois o director do Observatorio de Madrid, o padre Salvador Jiménez Coronado, era un furibundo inimigo do metro. Logo tivo de agardar máis, ata que os seus amigos en París garantiron en Londres a neutralidade dos barcos británicos (Inglaterra e Francia estaban a piques de entrar en guerra) con relación a esta expedición científica.

Durante as semanas que debeu agardar, Méchain púxose a facer novos triángulos empregando novos nós barceloneses, coa clara intención de enterrar as súas observacións de Montjuïc e da Fontana de Oro baixo de toneladas de novos datos. En outubro chegou a Montserrat e en novembro baixou a Barcelona para ir ás illas. Precisaba ver Eivisa desde o cume do Montsià, pero na atmosfera do outono non o conseguiu. Así que non lle quedaba máis opción que ir ás illas e pregar para que o Montsià puidese verse desde Eivisa.

As desgrazas da expedición aínda non remataran. Cando o barco que ía transportalo arribou a Barcelona, declarouse no seu interior unha epidemia de febre amarela que matou a metade da tripulación. Loxicamente, decretouse unha corentena. Era unha auténtica epidemia xurdida en Andalucía que volveu inmobilizar a Méchain, outra vez na Fontana de Oro. E acabáranselle os cartos. Os dous asistentes que tiña abandonárono, obrigándoo a recrutar un frade español chamado Agustín Canellas. Pero non todo era malo. O barón de La Pobla, un aristócrata valenciano afeccionado á astronomía, díxolle a Méchain que a montaña do deserto de Les Palmes si se vería desde Eivisa (as crónicas deben de referirse ao chamado monte Bartolo, que hoxe en día é frecuentado sobre todo por ciclistas. Segundo a Wikipedia, «un científico galo» trazou neste monte a primeiros do século xix o paso do meridiano de Greenwich pola montaña; é posible que o galo resabido sexa Méchain e que a misión, en realidade, fosen as observacións relacionadas co proxecto balear). O barón, ademais, ofreceuse para construír alí un posto de observación cando Méchain partise cara ás illas.

Finalmente, Méchain e mais seu fillo saíron cara a Eivisa en xaneiro de 1804. No canto dun día, tardaron tres en chegar, e cando arribaron non puideron entrar no porto de Eivisa. Tentaron desembarcar nunha rada, pero un grupo de baleáricos armados impedíullelo temendo que trouxesen a febre amarela. Despois de dous días autorizaron a Méchain para procurar un punto de observación na illa.

Secasí, as desgrazas aínda non remataran. Ao subir a un dos picos da illa, Méchain caeu do burro que o levaba, feríndose na cabeza e nun pulso. Cando chegou ao cume, descubriu que non se vía o Montsià, aínda que lle asegurasen que si. Deste xeito, ou tornaba á península para alongar as súas triangulacións ata Valencia ou tería de saltar dunha illa á outra, conectando con triángulos Barcelona e Eivisa a través de Mallorca. Todo iso coa estación para medir case esgotada e o presuposto co que contaba completamente gastado.

Last but not least, Méchain non tardaría en comprobar que o barco que o trouxera a Eivisa, simplemente, liscara (máis tarde descubriría que fora a Mallorca a buscar provisións). Desesperado, escribiulle unha carta a Delambre, pedíndolle consello verbo do que facer.

O 27 de xaneiro de 1804, Méchain navegou cara a Palma, onde se reuniu con seu fillo e estivo case dous meses. Non foi ata marzo que viaxou a Sóller, onde comprobou que era quen a ver Barcelona cara ao norte e Eivisa cara ao sur, o que demostraba que a triangulación era posible. Porén, para levar a cabo esta misión precisaba a aprobación do Bureau e, para a súa desgraza, a mediados de marzo chegou a resposta de Delambre indicándolle que a dita institución se decantaba pola solución de triangular a costa levantina. Tecnicamente era a mellor decisión: precisaríase o cálculo dun só triángulo de grandes dimensións (os máis proclives aos erros), mentres a solución a través das illas demandaría calcular tres. Iso si, os científicos parisienses recoñecían que era Méchain quen estaba alí, polo que lle atanguía a el a decisión última.

Coas cousas neste estado, a primeiros de abril, Méchain saíu cara a Valencia. Atopábase no mellor momento para facer observacións, pero perdeu un mes e medio na cidade agardando polos pasaportes. Estes non chegaron ata mediados de xuño, polo que Méchain saíu a fume de carozo para facer o seu traballo, percorrendo uns 500 quilómetros en dezaoito días. En xullo dispersou o equipo para realizar medicións nocturnas, comezando por Cullera. Diversos problemas, entre eles unha epidemia de febres terzás (ou sexa, malaria) e algúns erros cometidos polo seu equipo que o obrigaron a repetir medicións, fixérono chegar a setembro sen rematar o seu traballo. Nas últimas semanas do verán caeu enfermo. O 12 de setembro, aínda que quedaban cousas por facer, sacárono da Serra d’Espadà para o levaren a Castelló de la Plana, o fogar do seu amigo o barón de La Pobla. Na cidade (ou máis ben vila) tomou unha habitación nun hotel. Inicialmente a súa doenza non semellaba grave, pero comezou a pasar noites terribles. Cando o barón chegou desde Valencia, trasladárono á súa residencia. O mércores 19 de setembro, Méchain negábase a beber e a tomar a súa menciña. Máis tarde cae na inconsciencia e apréciase unha intensa ictericia. Os brazos trémenlle, o que fai pensar aos médicos que sofre unha apoplexía. A mediodía mellora, pero ás dúas da tarde comeza a agonizar, con graves accesos de tose e febre moi alta. Cando chegaron os doutores, non fixeron máis ca comprobar que o seu estado era terminal. Morrería ás cinco da madrugada do día 20.

Á mañá seguinte, un curioso cortexo fúnebre liderado polo barón de La Pobla e formado polo equipo de Méchain, nobres e militares españois, residentes franceses da zona e non menos de tres centenares de monxes cruzou Castelló co cadáver de Pierre François Méchain. Díxose unha misa e despois soterrárono no cemiterio da catedral.

[O seguinte artigo da serie é Breve historia do metro (XIII): A herdanza da expedición.]


Este artigo e mais a súa tradución están publicados baixo licenza CC BY-NC-ND 3.0.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s