Pode unha máquina computacional ser libre? (II): Que é ser libre?

[Esta é unha tradución autorizada da segunda parte do artigo orixinal de 10 de xaneiro de 2018 ¿Puede ser libre una máquina computacional?, de Gonzalo Génova, publicada en Naukas e reeditada en tres partes no seu blog persoal, De máquinas e intenciones.]

[O artigo previo da serie é Pode unha máquina computacional ser libre? (I): Que é unha máquina computacional?]
Liberdade

A meirande parte da xente asume sen moita reflexión que os seres humanos somos libres, é dicir, que somos responsables das nosas decisións. E somos responsables precisamente porque podemos decidir actuar dun xeito ou outro; dito doutra maneira, non estamos completamente determinados polos estímulos que recibimos do noso contorno, nin pola nosa educación, nin pola nosa xenética. Sen dúbida todos estes factores condiciónannos, impón límites á nosa liberdade, pero non determinan completamente a nosa resposta. O peor ataque que pode sufrir a miña liberdade non é que me encerren nun cárcere ou me tapen a boca, senón que supriman a miña vontade (a miña liberdade interior, a miña capacidade de decidir) mediante un concienciudo lavado de cerebro usando propaganda, drogas ou o que sexa.

Non falta, emporiso, quen negue que a liberdade sexa unha característica humana real. O argumento adoita ser que, pois que somos seres materiais, estamos sometidos ás leis deterministas da materia, logo non somos libres. Desde esta perspectiva mecanicista, o comportamento de todos os seres vivos, incluíndo os humanos, explicaríase mediante as leis da natureza e o procesamento de información no cerebro, de xeito análogo ao que ocorre nun ordenador: o comportamento está completamente determinado polos estímulos recibidos e o seu correspondente procesamento neurolóxico, conforme a programas máis ou menos complexos de orixe biolóxica ou cultural.

Así pois, sexa para afirmar que somos libres, sexa para negalo, podemos dicir que ser libre implica non estar completamente determinado por algo exterior a un mesmo. Pero hai varias formas de non estar determinado. A primeira e máis evidente é estar indeterminado, o que significa engadir incerteza ao comportamento resultante. Pódese engadir un factor de aleatoriedade na toma de decisións (guindar unha moeda ao aire para escoller se tomo xeado de chocolate ou de vainilla), ou pode ocorrer que, pola propia incerteza física, o comportamento non se execute exactamente como se ordenara. Secasí, o indeterminismo apenas achega nada á situación anterior. Non nos enganemos: a mecánica cuántica non é o cobizado refuxio da liberdade. Desde ambas as perspectivas, determinismo e indeterminismo, a liberdade é unha ilusión do cerebro, é dicir, non é algo real que poida influír no comportamento humano.

Ser verdadeiramente libre, nun humano ou nun robot, implica polo tanto a posibilidade de autodeterminación, é dicir, ser dono das propias accións e, consecuentemente, responsable. Esta autodeterminación aínda pode darse de dous xeitos distintos:

  • Autodeterminación cara a un obxectivo. Nesta versión, o individuo libre persegue un certo obxectivo e pode escoller entre diferentes comportamentos para logralo. Pero o obxectivo, como tal, está dado. Velaí unha definición bastante modesta de liberdade, que consiste soamente na posibilidade de elixir entre varios medios para acadar un fin dado e, como moito, a posibilidade de aceptar ou rexeitar tal fin.
  • Autodeterminación do obxectivo. Nesta versión, moito máis radical, o individuo libre non soamente se determina a si mesmo cara a un obxectivo, senón que tamén determina por si mesmo o obxectivo: o fin non está dado, hai que inventalo. Por así dicilo, o ser libre non só ten un destino, senón que tamén forxa o seu propio destino. Non só elixe como converterse en algo, senón tamén en que quere converterse. Parafraseando a Cervantes, «yo sé quién soy y sé qué puedo ser».1 E isto é precisamente o que fai que sexa tan difícil tomar certas decisións.

Entendida así, a autodeterminación fai que xurdan dous difíciles problemas que non imos resolver aquí. O primeiro, de carácter metafísico, é o problema mente-corpo, é dicir, a relación entre o inmaterial e o material (en calquera caso, o dualismo cartesiano non é unha solución válida, pois un ente inmaterial non pode interactuar cun ente material; a relación mente-corpo debe ser dun tipo radicalmente diferente da interacción que se dá entre os corpos materiais). O segundo é o problema moral da arbitrariedade na escolla autodeterminada dos fins: importa se un escolle este ou aquel fin para a súa vida?, hai certos fins mellores ca outros?


Sobre o autor: Gonzalo Génova Fuster é profesor do departamento de Informática da Universidade Carlos III de Madrid (Universidad Carlos III de Madrid), principalmente das asignaturas de Enxeñaría do Software e Ética para Enxeñeiros, e autor do blog De máquinas e intenciones.


1. «Yo sé quién soy -respondió don Quijote-, y sé que puedo ser, no solo los que he dicho, sino todos los doce Pares de Francia, y aun todos los nueve de la Fama, pues a todas las hazañas que ellos todos juntos y cada uno por sí hicieron, se aventajarán las mías». Cervantes Saavedra, M.: El ingenioso hidalgo don Quixote de la Mancha, c. 5. Madrid: Juan de la Cuesta, 1605. Curiosamente, o outro xenio universal di algo moi semellante, que só a primeira vista é contraditorio: «Sabemos o que somos, pero non o que podemos ser». Shakespeare, W.: The Tragicall Historie of Hamlet Prince of Denmarke, acto cuarto, escena 5. Londres: N. L. and John Trundell, 1603. Ambos os autores pon de manifesto a apertura da natureza humana a unha plenitude que non esta prefixada.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s