Breve historia do metro (XII): O pasamento de Méchain

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 10 de novembro de 2015 Breve historia del metro (12), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (XI): O metro fíxase por fin.]

Pierre François André Méchain saíu da misión do meridiano convertido no primeiro astrónomo de Francia. Pero nin superara a súa depresión (de feito, sentíase cada vez peor conforme era obxecto de homenaxes e admiracións) nin consecuentemente se sentía cómodo. Tentou superar todo aquilo convertendo o Observatorio parisiense no primeiro do mundo. Mercou excelentes telescopios, descubriu con eles dous novos cometas e observou os asteroides.

Un pouquiño máis abaixo na escala da fama estaba Jean-Baptiste Delambre. Menos laureado ca o seu compañeiro, recibiu secasí o importante encargo de escribir a historia da expedición do meridiano e a exposición dos seus resultados. O astrónomo amañouse para deseñar unha obra de dúas mil páxinas en tres volumes. Para a cal, obviamente, precisaba os datos de Méchain, non os resumos. Aquel proxecto converteu os dous astrónomos, que polo de pronto foran colegas malia todo, en inimigos. Por exemplo, cando en 1800 Delambre foi nomeado presidente provisional do Bureau des longitudes, Méchain atizou unha moi agre discusión sobre quen tiña de controlar os libros de contas da institución.

En 1799, Méchain foi nomeado testamenteiro de Borda e tivo lóxico acceso a todas as súas posesións. Entre elas atopou as cartas que intercambiaran Delambre, Borda e a súa propia muller. Lelas cambiouno completamente: deixou de ser aquela persoa apoucada, temorosa de ser descuberta nos seus erros, para converterse no típico científico rancoroso que cre merecer méritos que outros lle escamotean. Segundo el, as cartas demostraban que Delambre deseñara unha estratexia para facer máis triángulos ca el e para medir nós que lle correspondían a el, como Perpiñán. Como sabemos, iso non é verdade: se Delambre tivo de facer todas aquelas cousas, foi porque Méchain nin estaba nin o esperaban. Pero iso, a unha persoa que está afeita a refocilarse coas súas propias reflexións, tanto lle ten.

Seguir lendo

Advertisements

Breve historia do metro (VI): O erro de Méchain

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 2 de outubro de 2015 Breve historia del metro (6), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (V): Nunha Cataluña en guerra.]

Estrelas

Aquilo do que se decatou Méchain é o seguinte: para calcular a posición de Montjuïc, o astrónomo calculara a altura de seis estrelas diferentes. Estas eran Polaris, Thuban, Kochab, Mizar, Elnath e Pólux. Para a súa análise final empregara as catro primeiras, pois eran aquelas das que obtivera máis datos. Tres desas estrelas converxían nos seus resultados dun xeito máis ca razoable:

  • Polaris derivaba unha latitude de 41° 21′ 44,91″.
  • Thuban, 41° 21′ 45,19″.
  • Kochab, 41° 21′ 45,19″.

Consecuentemente, estas medicións atopábanse todas nun ámbito de 0,3 segundos de grao ou, similarmente, un erro duns 30 pés. Para non ter gps, estaba máis que ben.

Porén, a cuarta estrela, Mizar, xa era outra cousa. Seguir lendo

Breve historia do metro (V): Nunha Cataluña en guerra

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 23 de outubro de 2015 Breve historia del metro (5), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (IV): O despedimento de Delambre.]

Mentres Jean-Baptiste Delambre se atopaba, ao seu pesar, inmerso dentro dos feitos da revolución e guerra francesas, Pierre François Méchain atopábase, se non na lúa de Valencia, ao menos si na de Barcelona. Efectivamente, o segundo dos membros da expedición do meridiano sabía moi pouco, na cidade condal, sobre o que estaba a pasar no seu país. A carta máis recente que recibira era de marzo de 1793; consecuentemente, do ocurrido desde aquel momento tiña informacións moi parciais.

Catedral de Barcelona

Méchain convaleceu en cama uns dous meses tras o seu accidente nas aforas da cidade. Pasado ese tempo, cando chegou a primavera e o bo clima, ergo achegábase o solsticio de verán, comezou a esixirlle á súa xente que o sacasen á terraza da Fontana de Oro, onde o instalaron no medio dunha morea de almofadas e co círculo de Borda.

A ambición do francés era medir a oblicuidade da Terra ou, dito doutro xeito, o ángulo da Terra sobre o plano da súa órbita arredor do Sol. Cumpría seguir o Sol ata que acadase a súa máxima altitude. Nese momento, Méchain orientaba os telescopios do círculo e Tranchot encargábase de xiralo. Era un esforzo moi duro para Méchain. A ferida afectaba gravemente a mobilidade do seu brazo dereito, polo que, sendo destro, debía realizar todas as medicións co esquerdo.

Seguir lendo

Breve historia do metro (II): As primeiras tribulacións de Méchain

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 9 de setembro de 2015 Breve historia del metro (2), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (I): O principio de todo.]

castell_de_montjuic_-_fossat_entrada_-_barcelona_28catalonia29

Agora que xa presentamos o noso amigo Delambre, temos de pasar á vertente sur do proxecto, é dicir, Méchain.

Pierre François André Méchain saíu desde París cara a Barcelona acompañado por tres asistentes o 25 de xuño de 1792, algunhas semanas despois de que o Goberno francés negociase a colaboración de España nos seus labores. Atrás deixou a muller, Barbe Thérèse Méchain, nada Marjou, quen, por certo, houbo de se comprometer a seguir realizando as medicións que facía o seu home no observatorio parisiense, así como rematar un estudo que estaba a realizar verbo das eclipses lunares.

O primeiro axudante no equipo de Méchain era un enxeñeiro cartógrafo militar chamado Jean Joseph Tranchot. Tiña no seu currículo o importante mérito de ocuparse durante anos da triangulación de distancias na illa de Córsega, o que o facía, para Méchain, especialmente axeitado para se enfrontar ao labor de triangular os Pireneos. Igualmente, no equipo había un especialista en construír e reparar instrumental, chamado Esteveny, e mais un criado chamado Lebrun.

A viaxe cara ao sur foi relativamente tranquila, se ben pouco despois de deixar París, na área de Essonne, déronlle o alto á expedición nunha barricada. Igual que lle pasou a Delambre, a milicia tomou os aparellos de triangulación por estrañas armas secretas, polo que foron detidos. Tiveron a sorte de que, como a detención se produciu antes da caída de Luís XVI, os papeis que levaban asinados polo rei serviron para liberalos.

Unha semana despois de comezar a viaxe, Méchain e os seus chegaron a Perpiñán, e arribaron a Barcelona o 10 de xullo. O enlace que lles asignaron foi un militar, o tenente José González, experto en navegación astronómica. Tanto González como outros interlocutores que chegaron con el, ao seren científicos, estaban afeitos a falar o francés (como o están os de hoxe en día co inglés). O francés encargoulles a artesáns cataláns a fabricación dunhas tendas de forma cónica onde debía situarse o novísimo aparello que traía consigo para as medicións, coñecido como círculo de Borda (en honor de Jean-Charles de Borda) e que quedou embalado na súa caixa polo de pronto. Cando este traballo estivo completado, o equipo saíu de viaxe cara ao norte para buscar e seleccionar as estacións e os nós que ían empregar, tras o cal volverían ao sur para comezar a medir. Tal excursión, por certo, houberon de facela case ás apalpadas porque, aínda que poida semellar estraño, non foron quen de atopar un mapa de Cataluña en toda Barcelona.

Seguir lendo