Breve historia do metro (IX): As confesións de Méchain

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 16 de outubro de 2015 Breve historia del metro (9), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (VIII): Delambre reinicia a misión.]

Eu creo, aínda que non podo aseguralo, que Méchain, malia facer público o seu desexo de tornar a París, non tiña desexo ningún de facer tal viaxe. Se ben hai xente que o discute, eu creo que as trazas son bastante evidentes.

Barnaba Oriani

Soamente así pode entenderse que, días despois de anunciar a súa partida, contactase co astrónomo milanés Barnaba Oriani. Méchain e mais Oriani coñecíanse persoalmente (víranse había anos en París) e resulta moi difícil soster que o francés non estivese enterado de que o italiano andaba a realizar diversas triangulacións en Italia. O que seguiu é totalmente lóxico e, consecuentemente, non sería estraño que Méchain o tivese previsto: Oriani, informado por Méchain de todo o que fixera, propúxolle afervoadamente que as triangulacións francesa e italiana fosen postas en contacto a través de Xénova.

Se todo isto é, como sospeito eu, unha argallada de Méchain para ficar en Italia, saíulle ben. Escribiulle ao xeneral Calon para lle expor o proxecto do milanés e, probablemente sorprendido, atopouse con que o seu xefe non soamente abrazaba a idea, senón que lle prometeu por carta a Oriani o seu propio círculo de Borda asemade o rematase Lenoir. O apoio do militar francés ao proxecto probablemente teña moito que ver co desenvolvemento bélico da Revolución Francesa e as sospeitas máis ca evidentes de que Italia sería un dos teatros da conflagración que se aveciñaba; iso significaba que dispor de mapas fiables se convertía nunha necesidade. Porén, desgraciadamente para Méchain, Calon seguía cominándoo a ir a París, pois, lembráballe con diplomacia, «a misión que ten vostede pendente é o proxecto do meridiano compartido co señor Delambre». Noutras palabras: o exército francés estaba encantado de ter acceso a bos mapas de Italia, pero moito máis desexaba telos da propia Francia.

Seguir lendo

Advertisements