Breve historia do metro (III): A impaciencia dos franceses

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 21 de setembro de 2015 Breve historia del metro (3), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (II): As primeiras tribulacións de Méchain.]

O doutor Salvà e mais o seu servente levaron un exánime Méchain a unha casa próxima. Alí o doutor residente (un dos mellores de Barcelona, por certo) logrou recuperar o seu pulso, se ben non a súa consciencia. Moi preocupados pola súa supervivencia, cargárono nun carro e levárono a Barcelona para o pór en mans do doutor Sarpons, naqueles momentos recoñecido como o mellor cirurxián da cidade. A orella dereita de Méchain sangraba abundantemente e incluso aquel experto cirurxián estaba seguro de que non sobreviviría á noite. Os médicos decidiron sangrar aínda máis o doente (tentaban evitar a formación de coágulos no cerebro, semella) e deixar o tratamento das feridas traumatolóxicas para o día seguinte, evitándolle estrés ao corpo.

Méchain amenceu o día seguinte respirando pero aínda sen espertar. Toda a parte dereita do seu torso estaba afundida. Crebáranselle as costelas e mais a clavícula. Vendárono coma unha momia. Tres días despois a febre comezou a remitir e recobrou a consciencia.

Tampouco tiña présa o francés para se recuperar. Evidentemente, cando comezou a guerra, estivo a piques de ser expulsado e, se non tivese pendente o informe para os españois, probablemente sería así. Pero agora o goberno español mudara de idea e cominábao a todo o contrario: tiña prohibido saír de Barcelona ata que rematase a guerra. O novo gobernador xeral de Cataluña, de feito, receaba (con razón) que, se Méchain tornaba a Francia coas súas medicións, podería empregalas para lles dar algunha vantaxe aos franceses nas súas batallas. Ademais, decretárase o embargamento dos activos en poder dos franceses, e iso significaba que non había en toda Barcelona, en toda Cataluña, en toda España, un só banco ou prestamista que estivese disposto a prestarlle os cartos que precisaría para marchar.

Arrest Of Louis XVI & His Family At House Of Registrar of Passpo
Arresto de Luís XVI e a súa familia no rexistro de pasaportes. [Thomas F. Marshall, 1854]
E, se a desgraza pairaba sobre Méchain, a Delambre tampouco lle ía mellor. Deus non parecía estar de acordo con que o home lograse medir ese mundo que din que creara en sete días.

Seguir lendo

Advertisements