A elite das dúas culturas

[Esta é unha tradución autorizada do artigo orixinal de 18 de novembro de 2016 La élite de las dos culturas, de Deborah García Bello, que pode lerse no Cuaderno de Cultura Científica da upv/ehu.]

Papel e icosaedro
Rubén Ramos Balsa. «Papel e icosaedro», 2009.

Case seis décadas despois da influente conferencia de Charles Percy Snow en Cambridge teimamos en falar do estereotipo das dúas culturas, popularmente coñecidas como ciencias e humanidades. Non é casual. A principal razón estriba na educación compartimentada da que somos froitos e cómplices. Obrigáronnos a escoller un camiño ou outro en plena adolescencia, en plena e vasta ignorancia do un e do outro, sabedores de que había o un e mais o outro. Ensináronnos que os mellores optarían maioritariamente por un camiño e que os demais se conformarían co outro. Aos máis intelixentes ou tenaces, que neste caso era o mesmo, animábanos a elixir as ciencias no ensino obrigatorio.

Seguir lendo

Advertisements

As letras que son de ciencias, e viceversa

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 24 de novembro de 2016 Las letras que son de ciencias, y viceversa, de Pepe Cervera, que pode lerse nesta ligazón.]

letras-ciencias-640x265

Falamos con naturalidade das «dúas culturas», as ciencias e mais as letras; sempre inimigas, sempre mirándose con receo por riba dunha barreira imaxinaria e case insuperable. As ciencias son demasiado utilitaristas, próximas de máis á economía e ao poder, mesmo sospeitosas daqueles pecados contra a natureza e o futuro que os seus achados permitiron ou posibilitaron; as letras son abeiro de almas sensibles que pensan máis no que debería facerse ca no que é posible facer, condenadas ao segundo posto na batalla polos cartos ou as decisións dos pobos, carreiras cun incerto futuro profesional, se ben cun forte prestixio social. Discutimos, teimamos e xustificamos, facendo xogos malabares para que o «noso» bando quede por riba, para que un dos lados sexa superior, mellor, máis decisivo e importante ca o outro.

Pero raras veces definimos o que son as ciencias e o que son as letras; raras veces avanzamos alén das etiquetas convencionais e tradicionais, dos bandos cuxas fronteiras a miúdo están máis determinadas polos azares da historia ca por unha demarcación formal. Sabemos que as matemáticas son de ciencias e a literatura de letras, porque ambas as dúas están nos extremos das súas respectivas categorías, pero que ocorre coa bioloxía ou coa filoloxía? Onde pomos a lóxica ou a filosofía? Nestes tempos, nos que calquera disciplina quere ser unha ciencia polo prestixio intelectual que esa marca semella comportar, é a socioloxía unha ciencia? Éo a psicoloxía, que redescubriu nos últimos tempos a potencia dos experimentos? Cal é o criterio de delimitación que separa e enfronta as ciencias e as letras?

Seguir lendo