Viscoelástica densoactiva

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 17 de xullo de 2014 Viscoelàstica densoactiva, de Claudi Mans, que pode lerse nesta ligazón.]

Gustaríame meterme nunha reunión entre os de publicidade e mais os de I+D dunha empresa, para ver como valoran os argumentos duns e doutros para faceren as campañas publicitarias. Como se lles ocorreu aos do Volkswagen Polo afirmar que levaba Ziritione? Os xampús contra a caspa levan un compoñente denominado «piritionato de cinc», en inglés zinc pyrithione. Os publicistas imaxinaron que podían simular (en complicidade co receptor do anuncio) que o seu produto, un coche, era coma un produto de hixiene persoal, do que adoitan salientarse os compoñentes. Enxeñaron aquilo do Ziritione, un nome completamente inventado, crendo que os clientes entenderían a broma.

Os fabricantes de iogures son uns mestres en creación publicitaria. Danone ten etiquetado iogures indicando que conteñen Saciactiv, ou Calciforte. Agora hai un leite de Pascual que di que ten Eficalcio. Non son substancias que existan tal cal na listaxe de ingredientes, senón mesturas de ingredientes nunhas determinadas proporcións. Mesturas patentadas, pero que calquera fabricante pode pór nos seus iogures ou leites equivalentes da mesma gama. Porén, soamente Danone ou Pascual poden engadilos nas etiquetas cos nomes rexistrados. «O único con Calciforte», di o iogur, e é verdade; unha verdade puramente lexislativa, pero verdade. Iogures doutras marcas fan artimañas semellantes.

lleixius-densos-o-densoactius
Lixivias que afirman ser densas ou densoactivas.

E logo chegamos á lixivia Neutrex Futura, de Henkel, que dicía que tiña unha fórmula densoactiva. Que querían dicir? Seguir lendo

Chocolate para esteviófilos

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 29 de marzo de 2014 Xocolata per a steviòfils, de Claudi Mans, que pode lerse nesta ligazón.]

amb-stevia-davant
Cuberta dun chocolate Torras con estevia.

Por que se inventan os chocolates sen azucre, os turróns sen azucre, a goma de mascar sen azucre, as bebidas sen azucre? Xeralmente, por tres razóns. Os diabéticos queren alimentos sen azucre para evitar as subidas bruscas de glicosa no sangue. As persoas con sobrepeso ou obesas, para evitar inxerir as calorías do azucre. E para evitar as caries, especialmente nos nenos. A estas razóns engádeselles agora unha sacarosafobia (aversión aos azucres refinados) que, xunto coa fariñabrancafobia e a salrefinadofobia, constitúen tres fobias presentes nunha parte da poboación. Entre parénteses, podo comprender a fariñaintegralfilia, a azucresenrefinarfilia ou a saldohimalaiafilia (que achegan, respectivamente, fibra, algunhas proteínas e vitaminas, e arxilas), pero non as fobias citadas, porque os produtos non refinados conteñen o produto refinado.

Como fan os elaboradores de alimentos preparados para substituír o azucre nos seus produtos? Pois empregan dúas estratexias, grazas á dispoñibilidade de edulcorantes con propiedades moi diversas. Se a cantidade de azucre presente no alimento era moi grande, como é o caso dos chocolates (ata o 50 % ou máis), hai que buscar algún edulcorante que lle dea masa ao produto, que non sexa moi doce, que non suba o índice glicémico e que produza unha textura semellante no produto final. Isto conséguese grazas a produtos como o maltitol e965, a isomaltosa e953, o eritritol e968 e outros. Son derivados de azucres ou amidóns e satisfán os requisitos indicados. Ata hai pouco, estaban presentes na meirande parte dos alimentos sen azucre.

Para axustar o sabor doce ao que tiñan os alimentos con azucre, están os produtos con alto poder edulcorante, que tampouco provocan caries, non engordan nin suben o índice glicémico. Seguir lendo

DDT inorgánico, xofre orgánico

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 28 de abril de 2016 DDT inorgànic, sofre orgànic, de Claudi Mans, que pode lerse nesta ligazón.]

Cando Alicia lle lembra a Roncho Rechoncho que unha mesma palabra non pode ter dous significados diferentes, este responde que, cando el emprega unha palabra, significa exactamente o que el decide que signifique en cada momento. Alicia, desconcertada, dubida que se poida facer que as palabras teñan tantos significados distintos. E Roncho Rechoncho contéstalle que «a cuestión é quen manda aquí, e máis nada».

Quen ten a propiedade das palabras? Segundo Roncho Rechoncho, o que manda. Non son os dicionarios nin as academias, que se limitan a dar fe do uso que ten cada palabra nun momento histórico, agás cando fan política e lles engaden ou tiran significados ás palabras de acordo con intereses partidistas.

Nun web de comida ecolóxica, natural e orgánica, lin a afirmación de que o praguicida ddt era rexeitable porque era inorgánico e, pola contra, o tratamento de pragas con xofre era aceptable porque era orgánico. Se repasamos a química, está ben claro que o ddt, de nome sistemático 1,1,1-tricloro-2,2-bis(4-clorofenil)etano, antes denominado dicloro-difenil-tricloroetano, é un praguicida organoclorado, claro exemplo de molécula da química orgánica; contrariamente, o xofre é un claro representante dos non metais inorgánicos.

640px-ddt-from-xtal-3d-balls
Modelo da molécula de ddt. [Dominio público]
Poderiamos dicir que os dese web son uns ignorantes e que non teñen nin idea de química. E se cadra é certo, pero o uso dos termos «inorgánico» e «orgánico» co senso oposto ao que empregamos os químicos non é un simple problema de ignorancia; oxalá fose soamente iso. Este é un exemplo máis dunha terminoloxía que se xerou nun contexto e que escapou e superou o eido estrito no que estaba; que colonizou outros ambientes e chegou a tomar sentidos contrarios aos orixinais.

Seguir lendo