Unha breve e incerta historia do escepticismo (VI): A nai de todas as causas perdidas

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 7 de outubro de 2015 Skepticism, a short uncertain story (6): The mother of all lost causes, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (V): O xenio maligno de Descartes.]

Cando Descartes abriu a caixa de Pandora do escepticismo e ceibou o xenio maligno, desencadeou un terrible tremor nas placas tectónicas do pensamento occidental, un tremor cuxas ondas chegan ata nós con máis ou menos forza e que contribuíron a conformar o noso panorama intelectual contemporáneo. O vindeiro artigo estará dedicado a narrar como o escepticismo poscartesiano (palabra que vén da versión latina do apelido de Descartes: Cartesius) afectou o statu quo das crenzas relixiosas, pero neste concentrarémonos en como o xenio maligno deu esquivado as tentativas de Descartes de domesticalo e mantelo caladiño no seu recuncho da caixa de Pandora.

descartes_evil_demon

Non cómpre dicir que os argumentos de Descartes a favor da existencia de Deus, da realidade das cousas que percibimos na nosa vida cotiá e da existencia e propiedades das nosas propias mentes foron criticados desde o principio. Por unha banda, a meirande parte das críticas das, digamos, posicións oficiais das universidades dubidaban da validez dos seus métodos, nun intento de salvar algúns tipos de «coñecemento» (xa fose ciencia aristotélica ou fe cristiá) que se consideraban importantes; porén, deixaremos isto para o artigo seguinte. O outro grupo principal de opoñentes a Descartes estaba composto por aqueles que máis tarde serían identificados como empíricos e que, talvez non por casualidade, adoitaban ser profesores non universitarios, ao menos durante a maioría das súas vidas intelectualmente activas. Estes non se opuñan á dúbida metódica de Descartes, senón á súa afirmación de poder probar tantas cousas grazas a el. Por suposto, houbo outros filósofos que estaban de acordo coas principais teses cartesianas e que as desenvolveron dun xeito máis amable; estes serían coñecidos máis tarde como racionalistas e os principais representantes serían Spinoza e Leibniz.

Seguir lendo

Advertisements