Relatividade sen fórmulas (X): A relatividade na realidade

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 21 de xuño de 2007 Relatividad sin fórmulas – La relatividad en la realidad, de Pedro Gómez-Esteban González, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Relatividade sen fórmulas (IX): Paradoxo dos xemelgos.]

Agora que xa percorremos o camiño que nos levou desde o Limiar da Teoría Especial da Relatividade ata o Paradoxo dos xemelgos, pasando polos efectos relativistas máis coñecidos, imos concluír a parte principal desta serie falando dalgúns experimentos que demostran que a Teoría Especial non é unha «ilusión» nin un invento matemático: a relatividade existe.

albert_einstein_1947

Por certo, lembra que nesta serie falamos da Teoría da Relatividade Especial, non Xeral, de xeito que non imos falar neste artigo da curvatura da luz ao pasar preto do Sol nin cousa semellante.

En primeiro lugar, o punto máis feble de calquera teoría son os seus puntos de partida: neste caso, os dous postulados de Einstein (se non os lembras, podes refrescar a túa memoria aquí). Os físicos realizaron moitísimos experimentos tentando asegurarse, por unha banda, de que é imposible distinguir dous sistemas inerciais, e, pola outra banda, de que a velocidade da luz é sempre a mesma.

Seguir lendo

Relatividade sen fórmulas (III): Dilatación do tempo

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 18 de maio de 2007 Relatividad sin fórmulas – Dilatación del tiempo, de Pedro Gómez-Esteban González, que pode lerse nesta ligazón.]

Despois de falarmos da situación da física do movemento e das ondas a principios do século xix e dos postulados de Einstein, neste terceiro artigo da serie Relatividade sen fórmulas comezaremos a tirar conclusións deses postulados. Se aínda non liches os artigos anteriores da serie, recoméndoche encarecidamente que o fagas, ou este (e os seguintes) poden resultarche incomprensibles. Ademais, non imos repetir aquí as advertencias acerca do contido desta serie: le os artigos anteriores para saberes que esperar e que non esperar desta serie de entradas.

Hoxe ímonos centrar nunha consecuencia inmediata dos postulados de Einstein: o que adoita chamarse «dilatación do tempo». Para isto, imos realizar un experimento mental no cal, por suposto, van participar Ana e mais Alberte, os nosos «observadores relativistas» ficticios.

Supoñamos que Ana e Alberte se atopan no baleiro do espazo, lonxe de calquera outro obxecto, e que se moven o un con relación ao outro a unha velocidade constante. Consonte os postulados que enunciamos no artigo anterior, non ten sentido preguntar se Alberte se move e Ana está quieta ou se é ao revés. Simplemente, móvense o un con relación ao outro.

Por certo, ten en conta unha cousa: na realidade, moitos sistemas de referencia non son inerciais (non se moven a unha velocidade constante ou están en repouso), conque si se sabe quen se move. Por exemplo, se Ana comeza a acelerar ata que se move a unha determinada velocidade con relación a Alberte, que nunca acelerou, o que dicimos será certo, pero daquela ambos saberán que é Alberte o que «ten razón», pois é Ana a que comezou a moverse. O «non saber quen se move e quen non» só serve se os dous sistemas son inerciais.

O que imos demostrar con este experimento mental é que, se aceptamos os dous postulados de Einstein, dedúcese de xeito lóxico e inevitable que Ana e Alberte non miden o tempo igual.

Seguir lendo