Relatividade sen fórmulas (I): Limiar

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 13 de maio de 2007 Relatividad sin fórmulas – Preludio, de Pedro Gómez-Esteban González, que pode lerse nesta ligazón.]

No artigo sobre o «pozo intuitivo» pode xurdir a pregunta de por que non se pode ir máis rápido ca a velocidade da luz. Dediquei un tempo a pensar como explicalo sen usar fórmulas e sen dar cousas por sabidas, para que non sexa simplemente «pois porque esta ecuación di que faría falta unha enerxía infinita», que é o que adoito ler por aí… e non podo facelo. Ao menos, non sen establecer antes unhas bases.

De xeito que, á fin, decidín «tirar polo camiño do medio» e dedicarlle unha serie enteira de artigos á Teoría da Relatividade Especial; de paso, contestarei a devandita pregunta. Iso si, aquí imos tentar non empregar fórmulas, senón falar das cousas de maneira cualitativa. O meu obxectivo é explicar que todas as «cousas raras» que semella que pasan cando vas moi rápido (a dilatación do tempo, a contracción da lonxitude, etc.) son consecuencias moi lóxicas e inevitables dun punto de partida moi sinxelo.

É posible que esta serie enteira che pareza un fastío insoportable. Síntoo, pero se queres respostas terás de ter paciencia comigo, porque quero ir amodo. Por suposto, un aviso: esta non é unha análise exhaustiva da relatividade, imos realizar simplificacións que porán os pelos de punta a calquera físico decente. Simplificacións tremendas… e o peor é que nos gusta así.

Nesta primeira entrega da serie, imos falar de cal é a situación da física atinente á luz e ao movemento en 1905, cando Einstein publica a súa xenial Teoría da Relatividade Especial.

Seguir lendo