Relatividade sen fórmulas (VII): Adición de velocidades

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 3 de xuño de 2007 Relatividad sin fórmulas – Adición de velocidades, de Pedro Gómez-Esteban González, que pode lerse nesta ligazón.]

Iniciamos esta serie de Relatividade sen fórmulas falando da situación da física cando Einstein sae a escena, para discutirmos despois os seus postulados, a dilatación do tempo, a relatividade da simultaneidade, a contracción da lonxitude e mais o aumento da masa. Continuamos hoxe con outra consecuencia da teoría que vai contra da nosa intuición: a adición de velocidades.

Esta entrada é bastante abstracta; ademais, ten en conta que, ao non empregarmos fórmulas, non poderemos demostrar resultados exactos. Lembra que o obxectivo desta serie non é convencerte de que os efectos relativistas teñen un ou outro valor, senón de que as cousas «raras» que ocorren na relatividade son unha consecuencia directa dos postulados de Einstein.

En primeiro lugar, se entendiches os artigos anteriores, espero que vexas inmediatamente que a suma de velocidades «intuitiva» (newtoniana) é incompatible de vez coa relatividade.

A teoría clásica (newtoniana), que é a que damos por certa intuitivamente, di o seguinte. Supoñamos que os nosos observadores, Ana e Alberte, se atopan, coma sempre, no espazo, lonxe de calquera punto de referencia e influencia exterior. E supoñamos que Alberte se afasta de Ana a 200 000 km/s e que ten unha laranxa na man.

Seguir lendo

Advertisements