Breve historia da cristalografía (VI): O crego rompecristais

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 19 de decembro de 2013 Breve historia de la cristalografía: (VI) El cura rompecristales, de César Tomé López, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia da cristalografía (V): Cristais de neve, Frankenheim ou o novo Euclides.]

rene-just-hauy-el-cura-rompecristales

Durante a década de 1770 o novísimo crego René Just Haüy adoitaba pasar unha boa parte do seu tempo no xardín botánico de París. Había tempo que se interesaba na ciencia e decidira que ía estudar botánica. Co gallo de avanzar nos seus estudos mercou un exemplar do Systema naturæ de Linné. Pouco despois comezou a desatender os seus asuntos botánicos e a asistir ao curso sobre mineraloxía que impartía Louis Jean-Marie D’Aubenton. Cando concluíu o curso, Haüy dedicaríase só aos minerais.

calcita

Se houbésemos de crer a Georges Cuvier, o primeiro achado de Haüy debeuse á serendipia. En 1780, mentres observaba un fermoso agregado de grandes cristais prismáticos de calcita, un dos prismas rompeu, caeu ao chan e esnaquizouse. Sorprendentemente, todos os anacos tiñan a mesma forma, non prismática, senón romboédrica coma o espato de Islandia, outra variedade de calcita. Este feito ocorrería na historia centenares de veces pero, como diría despois Pasteur, «o azar favorece a mente preparada». Haüy correu ao seu estudio, colleu un grande escalenoedro de calcita e, sen dubidalo, arreoulle unha martelada: os fragmentos eran todos romboédricos. Haüy acadou a conclusión de que todos os cristais de calcita, independentemente do seu hábito (aspecto xeométrico) externo, están compostos de «moléculas» romboédricas. Non nos resistimos ao xogo de palabras facilón; Haüy, como abade, coñecía ben o tema: o hábito non fai ao frade, neste caso, ao cristal.

Seguir lendo

Breve historia da cristalografía (V): Cristais de neve, Frankenheim ou o novo Euclides

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 12 de decembro de 2013 Breve historia de la cristalografía: (V) Copos de nieve, Frankenheim o el nuevo Euclides, de César Tomé López, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia da cristalografía (IV): Átomos e balas de canón.]

Viamos na entrega anterior desta serie que Kepler mantivera unha correspondencia moi interesante con Thomas Harriot e que, no transcurso desta, Harriot lle mencionara a Kepler o problema do empaquetado de esferas. Diciamos tamén que Kepler chegou decontado á conxectura que leva o seu nome.

8629790711_eef26cd72b_z
Fonte: Alexey Kljatov

Como parte deste proceso, Kepler decatouse de que o empaquetado compacto de esferas nunha soa capa daba lugar a estruturas hexagonais que evocan un panal de abellas. Isto levouno a cuestionarse (e a buscar unha resposta satisfactoria) sobre a forma hexagonal dos cristais de neve no seu tratado de 1611 Strena seu de nive sexangula («Un cristal de neve hexagonal»). Isto xa era bastante excepcional, pois daquela non era común o coñecemento sobre a forma dos cristais de neve.

Olaus Magnus Historia om de nordiska folken

Seguir lendo