Unha perspectiva heurística acerca da creación e a transformación da luz

[Esta é unha tradución do artigo orixinal de 17 de marzo de 1905 Über einen die Erzeugung und Verwandlung des Lichtes betreffenden heuristischen Gesichtspunkt, de Albert Einstein, que pode lerse nesta ligazón. Hai dispoñible unha versión en pdf aquí. É o primeiro artigo da serie Wunderjahr.]

titular

Existen fondas diferenzas formais entre, por unha banda, as descricións teóricas dos gases e doutros corpos materiais empregadas polos físicos e, pola outra banda, a teoría de Maxwell dos procesos electromagnéticos no denominado «espazo baleiro». Mentres consideramos que o estado dun corpo queda perfectamente definido coas posicións e velocidades dunha determinada cantidade (certamente moi grande, si, pero finita) de átomos e electróns, para a descrición do estado electromagnético dunha rexión do espazo servímonos de funcións espaciais continuas, de xeito que unha cantidade finita de variables non pode considerarse abonda para determinar completamente o estado electromagnético da devandita rexión. Consonte a teoría de Maxwell, ao falar de fenómenos puramente electromagnéticos e, polo tanto, da luz, a enerxía debería interpretarse como unha función espacial continua; porén, a enerxía dun corpo material está representada, segundo a interpretación actual dos físicos, pola suma de todos os seus átomos e electróns. A enerxía dun corpo material non pode dividirse nunha cantidade arbitrariamente grande de partes arbitrariamente pequenas; secasí, consonte a teoría de Maxwell (ou consonte calquera teoría ondulatoria en xeral) a enerxía dun raio de luz emitido por unha fonte luminosa puntual distribúese continuamente por un volume cada vez máis extenso.

Seguir lendo

Advertisements

A mellor e a peor predición da ciencia

Desde Ciención de Breogán seguimos subtitulando en galego todos os vídeos de divulgación científica que podemos. Nesta ocasión é a quenda dunha das canles divulgativas máis importantes de YouTube: Veritasium. Este vídeo de hai un ano tenta explicar o fenómeno das partículas virtuais, que curiosamente serven como alicerce teórico dunha das predicións máis precisas da ciencia actual (o comportamento do Universo con relación á constante cosmolóxica) e, ao mesmo tempo, dunha das predicións máis salvaxemente erradas da ciencia actual (o comportamento do espazo baleiro). Como é posible que o mesmo principio responda de xeitos tan diferentes en ramas distintas da física? En Veritasium tentan explicárnolo.

Lembra que, para veres os subtítulos en galego, soamente tes de premer no vídeo en «Configuración», «Subtítulos» e escoller a túa lingua!

 

O mapa da física, con subtítulos en galego!

Hai máis dunha semana publicabamos a tradución do mapa da física de Dominic Walliman. Aquel mapa proviña dun vídeo en inglés do mesmo autor, vídeo que xa se pode ver subtitulado en galego. Para conseguilo, soamente tes de facer clic sobre o botón «Configuración» e elixir os subtítulos na lingua de Pondal. Gózao!