Breve historia do metro (IV): O despedimento de Delambre

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 23 de setembro de 2015 Breve historia del metro (4), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (III): A impaciencia dos franceses.]

Hôtel de Ville

Un síntoma ben claro da situación na que se atopaba aquela Francia da Revolución é que, ao menos en principio, o consello municipal de París rexeitou a petición de Delambre para continuar o seu periplo triangulador. O goberno da cidade, dominado naquel momento polos sans-culottes, contemplaba a Academia como unha institución elitista de señoritos, a «casta», e por iso espeliuse para deixala co cu ao aire. Cando Delambre repetiu o seu pedimento, esta vez avalado polas persoas axeitadas, pasou a votación, o que demostra a solidez das ideas que provocaran a votación contraria apenas uns días antes.

Delambre, unha vez fóra da cidade e (iso si) parando en cada aldea para amosar os seus papeis e deixar clara a súa misión, decidira, esta vez, renunciar á estratexia de irradiar o seu traballo desde París. No canto diso, comezaríao desde o principio, isto é, desde Dunkerque. Cando chegou ao lugar, as próximas terras chás de Flandres estaban en guerra e os inimigos de Francia avanzaban. Consecuentemente, Delambre tentou apresurarse e facer as súas medicións a fume de carozo, antes de que a cidade puidese caer noutras mans. Puido avanzar rapidamente, segundo os seus propios escritos, grazas a un dos sacerdotes da igrexa local apelidado García; de aquí pode colixirse facilmente que era descendente de españois, aínda que probablemente moi afastado, pois era unha familia que aseguraba levar tres séculos en Dunkerque.

Superada a etapa dunkerquiana, Delambre avanzou cara ao sur, con rumbo á rexión máis erótica de Europa: Picardía. Avanzou moi rapidamente, aproveitando as mellores condicións do verán para a triangulación, e a mediados de xullo xa completara tres triángulos. Ese mes, Lefrançois abandonou o equipo para ir a París porque a súa dona (filla de Lalande) estaba a piques de parir. De feito, o 27 de xullo deu a luz unha nena e chamárona Urania (é doado deducir que, se a rapaza nacese hoxe, chamaríana Supercorda ou Materiaescura), se ben o bautizo quedou pendente ata que Delambre puidese apadriñala. A verdade é que Lefrançois nunca regresou á misión. O 8 de agosto de 1793, antes de que lle dese tempo, a Academia foi abolida e el quedou traballando co seu sogro.

Seguir lendo

Advertisements