Breve historia do metro (III): A impaciencia dos franceses

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 21 de setembro de 2015 Breve historia del metro (3), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (II): As primeiras tribulacións de Méchain.]

O doutor Salvà e mais o seu servente levaron un exánime Méchain a unha casa próxima. Alí o doutor residente (un dos mellores de Barcelona, por certo) logrou recuperar o seu pulso, se ben non a súa consciencia. Moi preocupados pola súa supervivencia, cargárono nun carro e levárono a Barcelona para o pór en mans do doutor Sarpons, naqueles momentos recoñecido como o mellor cirurxián da cidade. A orella dereita de Méchain sangraba abundantemente e incluso aquel experto cirurxián estaba seguro de que non sobreviviría á noite. Os médicos decidiron sangrar aínda máis o doente (tentaban evitar a formación de coágulos no cerebro, semella) e deixar o tratamento das feridas traumatolóxicas para o día seguinte, evitándolle estrés ao corpo.

Méchain amenceu o día seguinte respirando pero aínda sen espertar. Toda a parte dereita do seu torso estaba afundida. Crebáranselle as costelas e mais a clavícula. Vendárono coma unha momia. Tres días despois a febre comezou a remitir e recobrou a consciencia.

Tampouco tiña présa o francés para se recuperar. Evidentemente, cando comezou a guerra, estivo a piques de ser expulsado e, se non tivese pendente o informe para os españois, probablemente sería así. Pero agora o goberno español mudara de idea e cominábao a todo o contrario: tiña prohibido saír de Barcelona ata que rematase a guerra. O novo gobernador xeral de Cataluña, de feito, receaba (con razón) que, se Méchain tornaba a Francia coas súas medicións, podería empregalas para lles dar algunha vantaxe aos franceses nas súas batallas. Ademais, decretárase o embargamento dos activos en poder dos franceses, e iso significaba que non había en toda Barcelona, en toda Cataluña, en toda España, un só banco ou prestamista que estivese disposto a prestarlle os cartos que precisaría para marchar.

Arrest Of Louis XVI & His Family At House Of Registrar of Passpo
Arresto de Luís XVI e a súa familia no rexistro de pasaportes. [Thomas F. Marshall, 1854]
E, se a desgraza pairaba sobre Méchain, a Delambre tampouco lle ía mellor. Deus non parecía estar de acordo con que o home lograse medir ese mundo que din que creara en sete días.

Seguir lendo

Advertisements

Breve historia do metro (II): As primeiras tribulacións de Méchain

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 9 de setembro de 2015 Breve historia del metro (2), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (I): O principio de todo.]

castell_de_montjuic_-_fossat_entrada_-_barcelona_28catalonia29

Agora que xa presentamos o noso amigo Delambre, temos de pasar á vertente sur do proxecto, é dicir, Méchain.

Pierre François André Méchain saíu desde París cara a Barcelona acompañado por tres asistentes o 25 de xuño de 1792, algunhas semanas despois de que o Goberno francés negociase a colaboración de España nos seus labores. Atrás deixou a muller, Barbe Thérèse Méchain, nada Marjou, quen, por certo, houbo de se comprometer a seguir realizando as medicións que facía o seu home no observatorio parisiense, así como rematar un estudo que estaba a realizar verbo das eclipses lunares.

O primeiro axudante no equipo de Méchain era un enxeñeiro cartógrafo militar chamado Jean Joseph Tranchot. Tiña no seu currículo o importante mérito de ocuparse durante anos da triangulación de distancias na illa de Córsega, o que o facía, para Méchain, especialmente axeitado para se enfrontar ao labor de triangular os Pireneos. Igualmente, no equipo había un especialista en construír e reparar instrumental, chamado Esteveny, e mais un criado chamado Lebrun.

A viaxe cara ao sur foi relativamente tranquila, se ben pouco despois de deixar París, na área de Essonne, déronlle o alto á expedición nunha barricada. Igual que lle pasou a Delambre, a milicia tomou os aparellos de triangulación por estrañas armas secretas, polo que foron detidos. Tiveron a sorte de que, como a detención se produciu antes da caída de Luís XVI, os papeis que levaban asinados polo rei serviron para liberalos.

Unha semana despois de comezar a viaxe, Méchain e os seus chegaron a Perpiñán, e arribaron a Barcelona o 10 de xullo. O enlace que lles asignaron foi un militar, o tenente José González, experto en navegación astronómica. Tanto González como outros interlocutores que chegaron con el, ao seren científicos, estaban afeitos a falar o francés (como o están os de hoxe en día co inglés). O francés encargoulles a artesáns cataláns a fabricación dunhas tendas de forma cónica onde debía situarse o novísimo aparello que traía consigo para as medicións, coñecido como círculo de Borda (en honor de Jean-Charles de Borda) e que quedou embalado na súa caixa polo de pronto. Cando este traballo estivo completado, o equipo saíu de viaxe cara ao norte para buscar e seleccionar as estacións e os nós que ían empregar, tras o cal volverían ao sur para comezar a medir. Tal excursión, por certo, houberon de facela case ás apalpadas porque, aínda que poida semellar estraño, non foron quen de atopar un mapa de Cataluña en toda Barcelona.

Seguir lendo