Breve historia do metro (VII): O proxecto descarrila (ou case)

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 2 de outubro de 2015 Breve historia del metro (7), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (VI): O erro de Méchain.]

No intre que relatamos, os líderes revolucionarios franceses, maioritariamente, xa perderan a paixón polo proxecto do meridiano. Moitos deles, de feito, considerábano unha molesta gaitada. Co metro provisional na man, non vían a necesidade de seguir botándolle billetes a aquel proxecto, propio de envarados e pretensiosos científicos (porque a xente, como se verá claramente no século xx e moi particularmente en España, séntese moito máis cómoda chamando intelectuais non os que saben moito, como os bos científicos, senón os que falan moito, como os actores, trobadores, etc.).

O primeiro de xullo de 1794 chegou a data fixada na norma para a obrigatoriedade de uso do metro (provisional). Pero iso é o que dicía o papel. Aínda que o goberno era consciente de que tiña cousas que facer para educar a xente e, de feito, albergara o proxecto de construír millóns de bastóns coa lonxitude do novo metro, no momento en que teoricamente o emprego destes bastóns era obrigatorio non estaban feitos nin mil, e toda Francia, mutatis mutandis, vivía dándolle as costas á nova unidade de medida. Se ben houbo certos avances: o 7 de decembro daquel ano, consonte a proposta dos científicos de que a nova moeda que había parir o novo estado equivalese a 0,01 gramos de ouro, declarouse esta nova moeda, o franco, equivalente á vella libra e divisible en 100 céntimos.

Brumario

Outro avance importante, na mesma liña de racionalización, foi o do tempo. Considerándose xestores dun novo tempo para Francia e a humanidade, para os revolucionarios era evidente que debían mudar o calendario. O calendario gregoriano, segundo a súa acertada reflexión, non deixaba de ser unha división do tempo montada sobre unhas palafitas que eran as festas cristiás. O primeiro bastión que quixeron atacar foi o do comezo do tempo, pois evidentemente contalo desde o nacemento de Xesús non lles atraía. Houbo varias propostas neste sentido, entre as cales ganaron máis apoio o 1 de xaneiro de 1789 e, por suposto, o 14 de xullo: o día da movida bastilleira.

Seguir lendo

Advertisements

Breve historia do metro (I): O principio de todo

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 7 de setembro de 2015 Breve historia del metro (1), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

meter-1427159

A historia que pretendo contarvos nas notas que comezan aquí é a historia da medición do mundo. Ben, non tal. Para ser precisos, trátase da historia da medición precisa da distancia existente entre Dunkerque e Barcelona; medición que había servir para obter unhas dimensións do mundo, amais de homoxeneizar a medida de lonxitude.

Todo isto é o que estaba en xogo en xuño de 1792, cando dous astrónomos comezaron viaxes en sentidos opostos. Jean-Baptiste Joseph Delambre saíu de París cara ao norte, mentres Pierre François André Méchain fíxoo cara ao sur. Cos datos que habían traer a París estableceríase a lonxitude da Terra e, unha vez feito isto, definiríase a medida universal de lonxitude, o metro, como a dezmillonésima parte da distancia entre o Polo Norte e o ecuador.

Aquel obxectivo estaba claramente influído, en realidade impulsado, polo espírito normalizador e excitadamente confiado nos poderes esencialmente bos da ciencia que trouxo a Ilustración, espírito que aínda non abandonamos de todo (malia que, de cando en vez, descubramos que os científicos poden ser tan mesquiños, tan mentireiros, tan interesados, tan corruptos incluso, como poidan selo os de letras). Iso si; o que era, por riba de todo, é unha necesidade imperiosa. O mundo da primeira revolución industrial, que se preparaba para o soño de medrar economicamente en medio século o que non se medrara desde a antiga Grecia, non podería acadar ese obxectivo se mantiña dúas cousas que conservaba desde os vellos tempos: unha, a complexa e molesta rede de fielatos e demais cargas alfandegueiras coas que se vía gravado o comercio cada vez que se saía dun condado; e dúas, a non menos complexa e non menos molesta rede de medicións.

Seguir lendo