Breve historia do metro (X): Méchain acepta tornar a París

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 26 de outubro de 2015 Breve historia del metro (10), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (IX): As confesións de Méchain.]

Delambre prometéralle a Méchain un informe completo verbo das súas medicións en Dunkerque, pero canto este recibiu foi un escrito indirecto (de Lalande) que apenas mencionaba que as medicións se fixeran sobre Polaris e Kochab. Ben cabreado, Méchain escribiulle ao seu colega unha carta extraordinariamente educada, pero na que deixaba ben claro que os seus intentos de entender os problemas que xurdiran coa refracción dependían dos datos que el lle facilitase.

Táboa de logaritmos

Delambre respondeu a Méchain cunha longa carta que, de feito, era unha sorte de mercancía avariada, pois era o texto dunha disertación que o propio Delambre fixera perante a Academia de Ciencias en París. Explicaba no dito texto que rexeitara facer medicións coas catro estrelas adicionais que Méchain si empregara porque en todas elas atopara argumentos para non o facer: por exemplo, Algedi colocábase en posición unicamente durante as horas do día de Dunkerque (non tal en Barcelona); e moi especialmente Mizar, a estrela rebelde de Méchain, pasaba demasiado preto do horizonte. Así pois, Delambre consideraba que as dúas observacións que levara a cabo abondaban.

A carta incluía unha addenda especial para Méchain na que Delambre se desfacía en eloxios cara ao seu colega, de quen dicía que tiña unha capacidade de observar estrelas fóra do común e asegurándolle que o problema da refracción de Mizar non era importante. Todos os compañeiros científicos, incluído Borda, concordaban en considerar os datos de Méchain como definitivos. Todos os membros da Academia, informáballe, declararan unanimemente que a sección astronómica da misión do meridiano estaba completada.

Méchain leu estas novas cando estaba na zona de Perpiñán, tentando triangular cara ao norte con grande esforzo, pois a zona estaba moi axitada. O retorno dos soldados que estiveran loitando contra España xerara unha situación moi especial na zona que derivou nunha elevada actividade económica e a conseguinte hiperinflación. Novamente, a expedición quedou sen un can, ata tal punto que mesmo Tranchot chegou a lle ofrecer a Méchain o seu soldo. O Bureau des longitudes tivo de multiplicar os salarios dos cartógrafos por 18. Cando chegou decembro, apenas avanzara desde Perpiñán ata Carcasona.

Seguir lendo

Advertisements

Breve historia do metro (V): Nunha Cataluña en guerra

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 23 de outubro de 2015 Breve historia del metro (5), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (IV): O despedimento de Delambre.]

Mentres Jean-Baptiste Delambre se atopaba, ao seu pesar, inmerso dentro dos feitos da revolución e guerra francesas, Pierre François Méchain atopábase, se non na lúa de Valencia, ao menos si na de Barcelona. Efectivamente, o segundo dos membros da expedición do meridiano sabía moi pouco, na cidade condal, sobre o que estaba a pasar no seu país. A carta máis recente que recibira era de marzo de 1793; consecuentemente, do ocurrido desde aquel momento tiña informacións moi parciais.

Catedral de Barcelona

Méchain convaleceu en cama uns dous meses tras o seu accidente nas aforas da cidade. Pasado ese tempo, cando chegou a primavera e o bo clima, ergo achegábase o solsticio de verán, comezou a esixirlle á súa xente que o sacasen á terraza da Fontana de Oro, onde o instalaron no medio dunha morea de almofadas e co círculo de Borda.

A ambición do francés era medir a oblicuidade da Terra ou, dito doutro xeito, o ángulo da Terra sobre o plano da súa órbita arredor do Sol. Cumpría seguir o Sol ata que acadase a súa máxima altitude. Nese momento, Méchain orientaba os telescopios do círculo e Tranchot encargábase de xiralo. Era un esforzo moi duro para Méchain. A ferida afectaba gravemente a mobilidade do seu brazo dereito, polo que, sendo destro, debía realizar todas as medicións co esquerdo.

Seguir lendo