Breve historia do metro (XI): O metro fíxase por fin

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 28 de outubro de 2015 Breve historia del metro (11), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (X): Méchain acepta tornar a París.]

A chegada de Pierre Méchain a París, en efecto, non se pareceu nada á que el esperaba. Case non tivera tempo de limparse o po da viaxe cando Delambre veu buscalo para o levar a unha cea de gala no seu honor, na que estiveron presentes o presidente do Directorio, o ministro do Interior, o de Asuntos Exteriores e mais a Academia de Ciencias en pleno. Alí confirmáronlle o posto de director do Observatorio de París, a meirande distinción que podía recibir un astrónomo en Francia. Méchain, horas despois, escribiríalles todo aquilo aos seus amigos de Carcasona (que semellaban ser os únicos nos que confiaba realmente daquela) preguntándose como serían as cousas cando toda aquela xente metese o nariz nos seus cálculos e observacións.

Agora o importante era a convención científica que se convocara, con convidados da República Batava, Dinamarca, Suíza, España e Italia (casualmente, as nacións que ían formar parte da liga antiinglesa; nin Inglaterra nin os Estados Unidos nin Alemaña foron convidadas).

Como xa sabemos, Francia confiara en que os nacentes Estados Unidos fosen a primeira nación que a seguise na adopción do metro. Porén, xa contamos que, cando decidiu optar pola metodoloxía do meridiano no canto da do péndulo, evitando así que Thomas Jefferson puidese facer pasar á historia a súa vila de Monticello, este afastouse completamente do proxecto.

Seguir lendo

Advertisements

Breve historia do metro (I): O principio de todo

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 7 de setembro de 2015 Breve historia del metro (1), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

meter-1427159

A historia que pretendo contarvos nas notas que comezan aquí é a historia da medición do mundo. Ben, non tal. Para ser precisos, trátase da historia da medición precisa da distancia existente entre Dunkerque e Barcelona; medición que había servir para obter unhas dimensións do mundo, amais de homoxeneizar a medida de lonxitude.

Todo isto é o que estaba en xogo en xuño de 1792, cando dous astrónomos comezaron viaxes en sentidos opostos. Jean-Baptiste Joseph Delambre saíu de París cara ao norte, mentres Pierre François André Méchain fíxoo cara ao sur. Cos datos que habían traer a París estableceríase a lonxitude da Terra e, unha vez feito isto, definiríase a medida universal de lonxitude, o metro, como a dezmillonésima parte da distancia entre o Polo Norte e o ecuador.

Aquel obxectivo estaba claramente influído, en realidade impulsado, polo espírito normalizador e excitadamente confiado nos poderes esencialmente bos da ciencia que trouxo a Ilustración, espírito que aínda non abandonamos de todo (malia que, de cando en vez, descubramos que os científicos poden ser tan mesquiños, tan mentireiros, tan interesados, tan corruptos incluso, como poidan selo os de letras). Iso si; o que era, por riba de todo, é unha necesidade imperiosa. O mundo da primeira revolución industrial, que se preparaba para o soño de medrar economicamente en medio século o que non se medrara desde a antiga Grecia, non podería acadar ese obxectivo se mantiña dúas cousas que conservaba desde os vellos tempos: unha, a complexa e molesta rede de fielatos e demais cargas alfandegueiras coas que se vía gravado o comercio cada vez que se saía dun condado; e dúas, a non menos complexa e non menos molesta rede de medicións.

Seguir lendo