Pozos de coñecemento: o problema da profundidade

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 2 de marzo de 2017 Pozos de conocimiento: el problema de la profundidad, de Pepe Cervera, que pode lerse nesta ligazón.]

Pozo

Hai un proverbio con moitas atribucións que di que un especialista é alguén que cada vez sabe máis sobre cada vez menos ata que o sabe todo sobre nada. E isto é un problema, como dixo o científico e inventor Nikola Tesla: «Hoxe os científicos pensan con profundidade no canto de claridade. Un ten de estar cordo para pensar con claridade, pero pódese pensar con profundidade e estar bastante tolo». Desde a invención da escritura que tanto preocupara a Platón e, especialmente, desde a descuberta da lectura en silencio por santo Ambrosio a cultura occidental confundiu o coñecemento coa profundidade, facéndoos sinónimos. É así como se desenvolveron unhas ciencias nas cales a especialización en nichos cada vez máis estreitos coñecidos con cada vez maior detalle se converteu na norma. O único xeito de avanzar é profundizar; a carreira profesional e a achega dun científico soamente son posibles cando este escava empurrando os límites do coñecemento uns milímetros máis alá de onde estaban.

Seguir lendo

Advertisements

As letras que son de ciencias, e viceversa

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 24 de novembro de 2016 Las letras que son de ciencias, y viceversa, de Pepe Cervera, que pode lerse nesta ligazón.]

letras-ciencias-640x265

Falamos con naturalidade das «dúas culturas», as ciencias e mais as letras; sempre inimigas, sempre mirándose con receo por riba dunha barreira imaxinaria e case insuperable. As ciencias son demasiado utilitaristas, próximas de máis á economía e ao poder, mesmo sospeitosas daqueles pecados contra a natureza e o futuro que os seus achados permitiron ou posibilitaron; as letras son abeiro de almas sensibles que pensan máis no que debería facerse ca no que é posible facer, condenadas ao segundo posto na batalla polos cartos ou as decisións dos pobos, carreiras cun incerto futuro profesional, se ben cun forte prestixio social. Discutimos, teimamos e xustificamos, facendo xogos malabares para que o «noso» bando quede por riba, para que un dos lados sexa superior, mellor, máis decisivo e importante ca o outro.

Pero raras veces definimos o que son as ciencias e o que son as letras; raras veces avanzamos alén das etiquetas convencionais e tradicionais, dos bandos cuxas fronteiras a miúdo están máis determinadas polos azares da historia ca por unha demarcación formal. Sabemos que as matemáticas son de ciencias e a literatura de letras, porque ambas as dúas están nos extremos das súas respectivas categorías, pero que ocorre coa bioloxía ou coa filoloxía? Onde pomos a lóxica ou a filosofía? Nestes tempos, nos que calquera disciplina quere ser unha ciencia polo prestixio intelectual que esa marca semella comportar, é a socioloxía unha ciencia? Éo a psicoloxía, que redescubriu nos últimos tempos a potencia dos experimentos? Cal é o criterio de delimitación que separa e enfronta as ciencias e as letras?

Seguir lendo

Teorías, feitos e mentes

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 8 de decembro de 2016 Teorías, hechos y mentes, de Pepe Cervera, que pode lerse nesta ligazón.]

teorias-hechos-y-mentes-640x384

Vivimos un momento chave no desenvolvemento económico das nosas sociedades, e seica na historia mesma da humanidade: a creación de verdadeiros sistemas de intelixencia artificial. O avance do big data, o desenvolvemento e o éxito de técnicas como a aprendizaxe profunda (deep learning) e os exemplos anecdóticos que xa comezan a aparecer nas nosas vidas son soamente premonicións do que se aveciña: un auténtico tsunami económico e social que vai supor unha seria convulsión política. Os espectaculares adiantos, como AlphaGo ganando ao go ás mellores mentes humanas ou programas relativamente simples capaces de colorar imaxes en branco e negro ou diagnosticar doenzas, axiña darán paso a chatbots capaces de substituír os call centers e programas de xestión que tornen innecesarios os avogados ou os executivos intermedios. A ruptura xa é inminente e será profunda; algúns mesmo prognosticaron a Fin da Ciencia, substituída por correlacións creadas mediante técnicas de análise e intelixencia artificial sobre inxentes cantidades de datos. A teoría será innecesaria; o coñecemento será automático e xerado por mera elevación dos datos empíricos, limpo de nesgos e ideas preconcibidas.

Seguir lendo