Breve historia do metro (XIII): A herdanza da expedición

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 13 de novembro de 2015 Breve historia del metro (13), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (XII): O pasamento de Méchain.]

Base du système métrique décimalO 8 de outubro de 1804 chegaron a París as novas do pasamento de Méchain. Algunhas semanas despois, o seu fillo Augustin, que estivera con el nas súas derradeiras horas (e de feito tivera un ataque de nervios cando morreu), chegou á capital. O primeiro que fixo foi ir ver a Delambre para lle dar os papeis do seu pai que tiña el. O resto envioullos a viúva por correo catro meses máis tarde.

En xaneiro de 1806, coincidindo no tempo coa publicación dos principais opúsculos obituarios sobre Méchain, publicouse tamén o primeiro volume da obra de Delambre Base du système métrique décimal, «Base do sistema métrico decimal», na que o autor mencionaba a Méchain como o primeiro e principal membro da expedición do meridiano. Secasí, meses antes da publicación, Delambre fixera unha descuberta. Por mor das presións do editor (que quería publicar o primeiro volume o antes posible), Delambre deixara para outro momento a análise a fondo dos papeis de Méchain. Cando puido facelo, como dicimos pouco antes da publicación, decatouse da discrepancia das medicións de latitude feitas en diferentes puntos de Barcelona. E non soamente iso: co seu experto ollo de astrónomo viu que nos papeis podía apreciarse un esforzo sistemático, por parte do autor das notas, para encubrir tal discrepancia a outros ollos que non fosen os seus (os de Méchain).

Como amigo, Delambre sentiuse traizoado. Pero o peor problema tíñao como científico. O metro xa fora definido e esculpido en platino. O metro xa existía de xeito definitivo: acaso Delambre tiña a obriga moral de informar de que, en parte, o dito metro se baseaba en cálculos erróneos?

Seguir lendo