Galileo vs. Igrexa Católica redux (I): Antecedentes

[Esta é unha tradución do artigo orixinal de 27 de agosto de 2013 Galileo vs. Iglesia Católica redux (I): Antecedentes, de César Tomé López, que pode lerse nesta ligazón.]

Esta imaxe que o ilustrador belga Jean-Léon Huens realizou para a National Geographic Society apareceu no serial Cosmos, de Carl Sagan, e, no libro que se baseou na mesma, aparece a lenda que incluímos:

galileo-galilei-1
Galileo Galilei (1564–1642). Nesta pintura de Jean-Léon Huens, Galileo tenta convencer os escépticos eclesiásticos de que na Lúa hai montañas e de que o planeta Xúpiter ten varias lúas de seu. A xerarquía católica non se deixou convencer. Galileo foi procesado por «sospeita grave de herexía». Condenado grazas a un documento falsificado, pasou os últimos anos da súa vida baixo arresto domiciliario na súa pequena casa das aforas de Florencia. Galileo foi a primeira persoa que empregou o telescopio no estudo do ceo.

Esta curta alínea, co seu uso preciso dos adxectivos, e a mesma ilustración, con ese xesto do cardeal, resumen a visión xeneralizada que hoxe pode ter unha maioría a respecto das relacións entre Galileo e a Igrexa católica (IC) ou, visto desde outro punto de vista, do inmobilismo da IC a respecto das novidades científicas, daquela e agora. Pero realmente foi isto así? Non estaremos perante unha combinación de falacia do historiador e presentismo? Nesta anotación e nas vindeiras exploraremos as circunstancias nas cales se produciron os descubrimentos de Galileo co telescopio, a posición da IC e como se desenvolveron os feitos no contexto da época. A dita exploración, moi sinxela, porá de relevo feitos sorprendentes para algúns e, o que pode ser máis interesante, permitiranos reflexionar sobre como o coñecemento institucionalizado responde aos descubrimentos experimentais revolucionarios, mesmo aceptando a verosimilitude dos ditos resultados experimentais.
Seguir lendo