Pode unha máquina computacional ser libre? (II): Que é ser libre?

[Esta é unha tradución autorizada da segunda parte do artigo orixinal de 10 de xaneiro de 2018 ¿Puede ser libre una máquina computacional?, de Gonzalo Génova, publicada en Naukas e reeditada en tres partes no seu blog persoal, De máquinas e intenciones.]

[O artigo previo da serie é Pode unha máquina computacional ser libre? (I): Que é unha máquina computacional?]
Liberdade

A meirande parte da xente asume sen moita reflexión que os seres humanos somos libres, é dicir, que somos responsables das nosas decisións. E somos responsables precisamente porque podemos decidir actuar dun xeito ou outro; dito doutra maneira, non estamos completamente determinados polos estímulos que recibimos do noso contorno, nin pola nosa educación, nin pola nosa xenética. Sen dúbida todos estes factores condiciónannos, impón límites á nosa liberdade, pero non determinan completamente a nosa resposta. O peor ataque que pode sufrir a miña liberdade non é que me encerren nun cárcere ou me tapen a boca, senón que supriman a miña vontade (a miña liberdade interior, a miña capacidade de decidir) mediante un concienciudo lavado de cerebro usando propaganda, drogas ou o que sexa.

Non falta, emporiso, quen negue que a liberdade sexa unha característica humana real. O argumento adoita ser que, pois que somos seres materiais, estamos sometidos ás leis deterministas da materia, logo non somos libres. Desde esta perspectiva mecanicista, o comportamento de todos os seres vivos, incluíndo os humanos, explicaríase mediante as leis da natureza e o procesamento de información no cerebro, de xeito análogo ao que ocorre nun ordenador: o comportamento está completamente determinado polos estímulos recibidos e o seu correspondente procesamento neurolóxico, conforme a programas máis ou menos complexos de orixe biolóxica ou cultural.

Seguir lendo

Advertisements