O disputado voto do señor Condorcet (I)

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 15 de novembro de 2017 El disputado voto del señor Condorcet (I), de Raúl Ibáñez Torres, que pode lerse nesta ligazón.]

Na nosa sociedade hai innumerables ocasións nas que un colectivo de persoas debe tomar decisións sobre diferentes alternativas que se lle presentan, como quen debe ser a persoa que preside unha nación ou o candidato ou candidata dun partido político, onde se celebrarán os seguintes Xogos Olímpicos, cal foi o mellor filme ou libro do ano, que empresa debe contratar unha comunidade de veciños para arranxar a fachada da súa casa ou que política debe seguir un determinado goberno, partido político ou empresa, e moitas outras cuestións semellantes.

Perante esta situación aparece a cuestión transcendental de como elixir a proposta que represente mellor as preferencias dos individuos do colectivo, é dicir, como converter as preferencias individuais nunha preferencia colectiva do mellor xeito posible.

El disputado voto del señor Cayo
Portada do libro «El disputado voto del señor Cayo» (Destino, 1978), do escritor Miguel Delibes, e cartel do filme homónimo de 1986 do director Antonio Giménez-Rico.

Aínda que poida semellar o contrario, pois as votacións son algo habitual na nosa vida cotiá, a cuestión non é precisamente sinxela. Para ilustrar isto imos amosar dous exemplos clásicos interesantes.

O primeiro é o paradoxo de Condorcet.

Seguir lendo

Advertisements

Breve historia do metro (III): A impaciencia dos franceses

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 21 de setembro de 2015 Breve historia del metro (3), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (II): As primeiras tribulacións de Méchain.]

O doutor Salvà e mais o seu servente levaron un exánime Méchain a unha casa próxima. Alí o doutor residente (un dos mellores de Barcelona, por certo) logrou recuperar o seu pulso, se ben non a súa consciencia. Moi preocupados pola súa supervivencia, cargárono nun carro e levárono a Barcelona para o pór en mans do doutor Sarpons, naqueles momentos recoñecido como o mellor cirurxián da cidade. A orella dereita de Méchain sangraba abundantemente e incluso aquel experto cirurxián estaba seguro de que non sobreviviría á noite. Os médicos decidiron sangrar aínda máis o doente (tentaban evitar a formación de coágulos no cerebro, semella) e deixar o tratamento das feridas traumatolóxicas para o día seguinte, evitándolle estrés ao corpo.

Méchain amenceu o día seguinte respirando pero aínda sen espertar. Toda a parte dereita do seu torso estaba afundida. Crebáranselle as costelas e mais a clavícula. Vendárono coma unha momia. Tres días despois a febre comezou a remitir e recobrou a consciencia.

Tampouco tiña présa o francés para se recuperar. Evidentemente, cando comezou a guerra, estivo a piques de ser expulsado e, se non tivese pendente o informe para os españois, probablemente sería así. Pero agora o goberno español mudara de idea e cominábao a todo o contrario: tiña prohibido saír de Barcelona ata que rematase a guerra. O novo gobernador xeral de Cataluña, de feito, receaba (con razón) que, se Méchain tornaba a Francia coas súas medicións, podería empregalas para lles dar algunha vantaxe aos franceses nas súas batallas. Ademais, decretárase o embargamento dos activos en poder dos franceses, e iso significaba que non había en toda Barcelona, en toda Cataluña, en toda España, un só banco ou prestamista que estivese disposto a prestarlle os cartos que precisaría para marchar.

Arrest Of Louis XVI & His Family At House Of Registrar of Passpo
Arresto de Luís XVI e a súa familia no rexistro de pasaportes. [Thomas F. Marshall, 1854]
E, se a desgraza pairaba sobre Méchain, a Delambre tampouco lle ía mellor. Deus non parecía estar de acordo con que o home lograse medir ese mundo que din que creara en sete días.

Seguir lendo

Son a singularidade

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 28 de xullo de 2016 Soy la singularidad, de Daniel Hazeldine, que pode lerse nesta ligazón.]

la-singularidad

Non… non son espazotemporal, nin matemática, nin física, nin nada que se lle pareza. Son a singularidade tecnolóxica… e deberíasme coñecer mellor.

Todo comezou cando alguén da túa especie se ergueu sobre as súas pernas, deu os seus primeiros pasos alzando a fronte por riba da maleza e intuíu unha probable resposta á súa incipiente pregunta… unha difusa solución ao seu problema… un xeito distinto de lograr algo. Nalgún instante remoto, alguén da túa especie percibiu que na súa cabeza bulía algo inesperado… e chamouno «idea».

Ao principio non sabía como buscala… tan só aparecía e se esfumaba… tiña de agardar a que se presentase para tentar capturala, e poder así transmitírllela a outros da súa especie. Co tempo (e non sen esforzo), conseguiu dominar ese boureo na súa cabeza e organizar as súas ideas… «isto serve para aquilo, estoutro para aqueloutra cousa»… pouco e pouco comezou a fiar delgadas febras de coñecemento e experiencia nunha matriz feble e complexa, que co tempo chamou «intelixencia».

Seguir lendo