Relatividade sen fórmulas (IX): Paradoxo dos xemelgos

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 13 de xuño de 2007 Relatividad sin fórmulas – Paradoja de los gemelos, de Pedro Gómez-Esteban González, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Relatividade sen fórmulas (VIII): Paradoxo do corredor.]

A serie de Relatividade sen fórmulas comezou nesta entrada. Non ten moito sentido que leas este artigo sen leres antes os conceptos básicos da serie: non che serviría de moito.

No artigo anterior falamos dun dos dous paradoxos máis coñecidos da relatividade xeral: o do corredor ou do pau no celeiro. Hoxe imos falar doutro, máis complexo pero máis interesante: o dos xemelgos. Para entendérelo, espero que che quedase clara a entrada sobre a adición de velocidades, pois naquel artigo hai conceptos importantes que aplicaremos aquí.

O paradoxo dos xemelgos

O paradoxo, basicamente, é o seguinte. Supoñamos que hai dous xemelgos idénticos. Un deles decide facer unha viaxe ata o planeta (digamos) Einstenón, que está a 10 anos luz da Terra, e viaxa a unha velocidade moi grande (digamos que ao 87 % da velocidade da luz). Daquela, visto desde a Terra, o tempo do xemelgo viaxeiro transcorre moi lentamente, de xeito que, ao volver, no canto de pasar moitos anos, para el pasaron poucos e é novo, mentres o xemelgo que quedou na Terra é vello.

Pero, desde o sistema de referencia do xemelgo viaxeiro, é o xemelgo que queda na Terra o que se move, de maneira que o tempo pasa máis lentamente para el: é o que queda na Terra o que debería ser novo cando se volven a atopar. Cando se miran á cara, cal é novo e cal é vello? Está moi ben iso de dicir que «en cada sistema de referencia, o outro é novo e eu son vello», pero que pasa?, ambos lle din ao outro «véxote moi novo»?
Seguir lendo

Advertisements

Relatividade sen fórmulas (VIII): Paradoxo do corredor

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 7 de xuño de 2007 Relatividad sin fórmulas – Paradoja del corredor, de Pedro Gómez-Esteban González, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Relatividade sen fórmulas (VII): Adición de velocidades.]

Con este artigo comezabamos a serie de Relatividade sen fórmulas. Non vou lembrar todos os demais porque, francamente, se aínda non os liches, deberías facer un clic na ligazón e comezar desde o principio. Non ten moito sentido que empecemos a discutir aparentes paradoxos que se deducen da Teoría da Relatividade Especial se non estamos na mesma onda con relación á teoría.

Ímoslles dedicar un par de entradas a dous paradoxos moi coñecidos, un relativamente sinxelo e outro máis complexo. Espero que vexas que os «paradoxos relativistas» son paradoxos por semellaren absurdos, pero non son realmente absurdos: semella que hai algo que non encaixa, pero todo ten un perfecto sentido se o miramos con coidado. O problema, coma sempre, é que a nosa intuición se desenvolveu nun mundo de cousas que se moven devagar, de xeito que aquilo que nos semella «evidente» é evidente se as cousas non van moi rapidamente.

O primeiro paradoxo que discutiremos é o chamado do pau e o celeiro, da escada e o celeiro, do corredor e con outros nomes. Por suposto, nós empregaremos a Alberte e mais a Ana para describirmos a situación. Veremos se, en primeiro lugar, ves o paradoxo e se, en segundo lugar, podo convencerte de que, realmente, todo encaixa. Seguir lendo

Unha breve e incerta historia do escepticismo (I): A orixe

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 15 de abril de 2015 Skepticism, a short uncertain story (1): The origins, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

Nós os filósofos adoitamos ser máis escépticos ca a persoa media (aínda que, se coñeces unha chisca das teorías dalgúns filósofos, comprendería que tomases a miña aseveración cun pouco de escepticismo). Porén, nesta serie de artigos faremos unha breve visita a algúns dos autores máis engaiolantes da historia da filosofía: os escépticos de verdade. Non falarei das teorías de todos os filósofos escépticos, nin tan só das da maioría deles, senón soamente das daqueles que considero máis importantes e, nos derradeiros artigos, aqueles que teñen máis que dicir sobre a filosofía da ciencia.

skepticism

Seguir lendo