Unha breve e incerta historia do escepticismo (VI): A nai de todas as causas perdidas

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 7 de outubro de 2015 Skepticism, a short uncertain story (6): The mother of all lost causes, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (V): O xenio maligno de Descartes.]

Cando Descartes abriu a caixa de Pandora do escepticismo e ceibou o xenio maligno, desencadeou un terrible tremor nas placas tectónicas do pensamento occidental, un tremor cuxas ondas chegan ata nós con máis ou menos forza e que contribuíron a conformar o noso panorama intelectual contemporáneo. O vindeiro artigo estará dedicado a narrar como o escepticismo poscartesiano (palabra que vén da versión latina do apelido de Descartes: Cartesius) afectou o statu quo das crenzas relixiosas, pero neste concentrarémonos en como o xenio maligno deu esquivado as tentativas de Descartes de domesticalo e mantelo caladiño no seu recuncho da caixa de Pandora.

descartes_evil_demon

Non cómpre dicir que os argumentos de Descartes a favor da existencia de Deus, da realidade das cousas que percibimos na nosa vida cotiá e da existencia e propiedades das nosas propias mentes foron criticados desde o principio. Por unha banda, a meirande parte das críticas das, digamos, posicións oficiais das universidades dubidaban da validez dos seus métodos, nun intento de salvar algúns tipos de «coñecemento» (xa fose ciencia aristotélica ou fe cristiá) que se consideraban importantes; porén, deixaremos isto para o artigo seguinte. O outro grupo principal de opoñentes a Descartes estaba composto por aqueles que máis tarde serían identificados como empíricos e que, talvez non por casualidade, adoitaban ser profesores non universitarios, ao menos durante a maioría das súas vidas intelectualmente activas. Estes non se opuñan á dúbida metódica de Descartes, senón á súa afirmación de poder probar tantas cousas grazas a el. Por suposto, houbo outros filósofos que estaban de acordo coas principais teses cartesianas e que as desenvolveron dun xeito máis amable; estes serían coñecidos máis tarde como racionalistas e os principais representantes serían Spinoza e Leibniz.

Seguir lendo

Advertisements

Unha breve e incerta historia do escepticismo (V): O xenio maligno de Descartes

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 14 de setembro de 2015 Skepticism, a short uncertain story (5): Descartes’ evil daemon, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (IV): O renacemento do escepticismo.]

header31

Ademais do descubrimento de América, o principal factor histórico da Idade Moderna europea foi probablemente a Reforma protestante. Como vimos no artigo anterior, o debate entre as diferentes denominacións cristiás foi o caldo de cultivo perfecto para pór de novo en voga os argumentos, recentemente redescubertos, dos antigos escépticos gregos (se ben, na práctica, durante 150 anos, este «debate» foi asunto de armas e guerras), e a principal vítima desta polémica foi, precisamente, a visión escolástica aristotélica da «ciencia» (aínda indistinguible da «metafísica» ou a «filosofía») que se desenvolvera na Idade Media para apoiar a cosmovisión cristiá. Porén, a fe cristiá sobreviviu case intacta a estes debates da modernidade temperá, quitando o feito de que, cando rematou a guerra dos Trinta Anos, os máis dos «intelectuais» xa tiñan máis ou menos claro que os dogmas relixiosos non poden basearse na razón, senón que proveñen da fe (secasí, a razón aínda tiña un papel importante para manter a coherencia interna dos dogmas e evitar contradicións demasiado palpables entre eles e o savoir cotián). A mediados do século xvii, non obstante, a fe (cristiá) aínda se consideraba unha fonte lexítima de «coñecemento», mentres a metafísica aristotélica sufrira golpes tan letais que xa se vira recluída nos poeirentos andeis dos despachos de historia da filosofía e nos escuros corredores das facultades de teoloxía. Nunca volveu acadar a categoría de fundamento sólido da investigación e do coñecemento científico agás, se cadra, no caso da bioloxía, onde seguiu con vida un par de séculos máis.

Seguir lendo

Os premios Ig Nobel 2016

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 23 de setembro de 2016 Los premios Ig Nobel 2016, de Francisco R. Villatoro, que pode lerse nesta ligazón.]

dibujo20160923-ig-nobel-ceremony-japanese-awardees-looking-behind-their-legs

O 22 de setembro concedéronse os XXVI premios Ig Nobel no Teatro Sanders da Universidade Harvard (Harvard University), nunha cerimonia que está compartida en YouTube. Lembra que, aínda que na cerimonia de entrega domina o bo humor, os premios outórganselles a investigacións serias publicadas en revistas científicas. Quen busca un premio Ig Nobel á mantenta adoita acabar sen recibilo.

Podes atopar máis información en «Announcing the 2016 Ig Nobel Prize winners!», Improbable Research, 23 de setembro de 2016; listaxe de ganadores en «The 2016 Ig Nobel Prize Winners», Improbable Research, 22 de setembro de 2016.

Premio de Reprodución: Exipto

dibujo20160923-contraceptive-efficacy-of-polyester-induced-in-normal-men-journal-contraception-elsevier1

Ahmed Shafik recibe postumamente o premio por estudar os efectos do poliéster no rendemento sexual, tanto de ratas como de humanos. Realizou estudos1 con 75 ratas, dividíndoas en cinco grupos, un de control e outros de proba. Vestiu estas últimas con pantalonciños feitos cun 100 % de poliéster, cun 50 % de poliéster e un 50 % de algodón, cun 100 % de algodón e cun 100 % de la. Estudou o seu comportamento sexual antes de vestir a peza, despois de vestila durante 6 e 12 meses e tras 6 meses de llela eliminar. As pezas de poliéster afectaron o comportamento sexual, e Shafik asociouno á acumulación de carga electrostática que afectaba o escroto e o pene das ratas.

Seguir lendo