Pode unha máquina computacional ser libre? (I): Que é unha máquina computacional?

[Esta é unha tradución autorizada da primeira parte do artigo orixinal de 10 de xaneiro de 2018 ¿Puede ser libre una máquina computacional?, de Gonzalo Génova, publicada en Naukas e reeditada en tres partes no seu blog persoal, De máquinas e intenciones.]

Robot

En xeral, enténdese que un robot é un trebello mecánico que está controlado por un programa de ordenador ou por un conxunto de programas. O aspecto físico é secundario: o robot pode asemellarse a un ser humano (adóitase falar de androide masculino ou xinoide feminina), pero tamén pode ser simplemente un brazo mecánico ou un electrodoméstico de cociña (por exemplo, unha máquina programable para facer pan da casa); mesmo pode ser un robot «virtual» que habita na Rede. Tamén é secundario o feito de que o robot estea feito de materiais inorgánicos, materiais orgánicos ou unha mestura de ambos. O esencial é que un robot está controlado por un programa executado nun ordenador, é dicir, o robot é unha máquina algorítmica ou computacional. Diferénciase doutras máquinas (como un motor de combustión interna, un telescopio ou unha vella radio de transistores) en que o seu funcionamento está codificado nun programa que é relativamente doado de cambiar, sobre todo se o comparamos con aquelas máquinas cuxo funcionamento é invariable.

E que é un programa? Un programa, ou mellor, un algoritmo, é en poucas palabras un procedemento «mecánico» (é dicir, baseado en regras obedecidas cegamente) que obtén un determinado resultado nun número finito de pasos. É coma unha receita de cociña na cal todos os pasos están perfectamente detallados e non se deixa nada á interpretación do cociñeiro. Se ben os científicos da computación aínda non acadaron un consenso universal verbo da definición de algoritmo, si se admite que un elemento esencial da definición é que todo algoritmo debe ter un obxectivo ben definido.1 Un programa non se limita a facer cousas, senón que as fai cun determinado propósito.

Seguir lendo