Breve historia da cristalografía (VI): O crego rompecristais

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 19 de decembro de 2013 Breve historia de la cristalografía: (VI) El cura rompecristales, de César Tomé López, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia da cristalografía (V): Cristais de neve, Frankenheim ou o novo Euclides.]

rene-just-hauy-el-cura-rompecristales

Durante a década de 1770 o novísimo crego René Just Haüy adoitaba pasar unha boa parte do seu tempo no xardín botánico de París. Había tempo que se interesaba na ciencia e decidira que ía estudar botánica. Co gallo de avanzar nos seus estudos mercou un exemplar do Systema naturæ de Linné. Pouco despois comezou a desatender os seus asuntos botánicos e a asistir ao curso sobre mineraloxía que impartía Louis Jean-Marie D’Aubenton. Cando concluíu o curso, Haüy dedicaríase só aos minerais.

calcita

Se houbésemos de crer a Georges Cuvier, o primeiro achado de Haüy debeuse á serendipia. En 1780, mentres observaba un fermoso agregado de grandes cristais prismáticos de calcita, un dos prismas rompeu, caeu ao chan e esnaquizouse. Sorprendentemente, todos os anacos tiñan a mesma forma, non prismática, senón romboédrica coma o espato de Islandia, outra variedade de calcita. Este feito ocorrería na historia centenares de veces pero, como diría despois Pasteur, «o azar favorece a mente preparada». Haüy correu ao seu estudio, colleu un grande escalenoedro de calcita e, sen dubidalo, arreoulle unha martelada: os fragmentos eran todos romboédricos. Haüy acadou a conclusión de que todos os cristais de calcita, independentemente do seu hábito (aspecto xeométrico) externo, están compostos de «moléculas» romboédricas. Non nos resistimos ao xogo de palabras facilón; Haüy, como abade, coñecía ben o tema: o hábito non fai ao frade, neste caso, ao cristal.

Seguir lendo