Como chegou a ciencia a falar soamente inglés?

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 4 de febreiro de 2015 How did science come to speak only English?, de Michael D. Gordin, que pode lerse nesta ligazón.]

Congreso de Solvay 1927
Fotografía dos asistentes ao Congreso de Solvay de 1927. [Fotografía de Benjamin Couprie colorada por Sanna Dullaway]
If you can read this sentence, you can talk with a scientist. Se podes ler a frase anterior, podes falar cun científico. Non dos detalles da súa investigación, se cadra, pero polo menos compartiriades unha linguaxe común. Unha esmagadora maioría da comunicación das ciencias naturais na actualidade (física, química, bioloxía, xeoloxía) ten lugar en inglés; na imprenta e nos congresos, no correo electrónico e nas conferencias por Skype. Pode comprobarse deambulando polos corredores de calquera instalación de investigación, desde Kuala Lumpur ata Montevideo ou Haifa. A ciencia contemporánea é anglófona.

O que é máis importante, a ciencia contemporánea é monolingüe: todo o mundo emprega o inglés case ata o punto de excluír as demais linguas. Hai un século, a meirande parte dos investigadores occidentais sabían algo de inglés, pero tamén escribían, lían e falaban francés e alemán e, ás veces, outras linguas «menores» como o emerxente ruso ou o xa decadente italiano.

O antigo carácter políglota da ciencia moderna pode semellar sorprendente. É moito máis eficiente ter unha soa lingua, non si? Canto tempo se perdería tendo de aprender tres idiomas para sintetizar derivados do benceno! Se todos empregamos a mesma lingua, hai menos friccións causadas pola tradución (como, por exemplo, discusións de prioridade sobre quen inventou que en primeiro lugar, cando os resultados aparecen en idiomas diferentes) e menos gasto en pedagoxía. Consonte este punto de vista, a ciencia contemporánea avanza á velocidade que o fai precisamente porque estamos a centrarnos «na ciencia» e non en parvadas como o idioma.

Seguir lendo

Advertisements