Breve historia do metro (XV): O sistema métrico en España

[Esta é unha tradución adaptada da segunda sección do artigo orixinal de 16 de novembro de 2015 Breve historia del metro (epílogo), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (XIV): Epílogo.]

Madrid en 1838

Como coda de todo este relato, quédanos unha pregunta por responder: e España? Tentaremos contar algunhas cousas nas próximas liñas.

A Academia Francesa, durante o proceso de desenvolvemento do metro, propuxera dous sistemas diferentes para denominar as súas divisións e múltiplos: ben un sistema de nomes compostos, ben outro baseado en chamar cada subdivisión cun monosílabo independente (algo semellante ás notas musicais, logo).

Como xa contamos, a Academia decantouse polo neoloxismo mètre, concretamente na súa sesión do 26 de marzo de 1791. Entre un sistema metódico para as subdivisións e outro baseado en monosílabos, a Academia decidiuse claramente polo primeiro, así que o 1 de agosto de 1793 incluíu a proposta metódica no seu informe para a Asemblea. Porén, por mor de diversas dificultades esta nomenclatura non se aplicou ata o 7 de abril de 1795, se ben un decreto de 4 de novembro de 1800 aínda permitía empregar as denominacións antigas.

Sirvan estas palabras como antecedente da situación na que se atopaba España cando adoptou o sistema métrico. Á hora de aplicar en castelán o novo sistema, podía optar por desenvolver os seus propios prefixos e nomes, podía aproveitar as denominacións vellas ou podía aproveitar o sistema metódico desenvolvido polos franceses.

Seguir lendo